Concurso público para dirixir a CRTVG: en marcha a lei popular por uns medios públicos "ao servizo do pobo"

Representantes das entidades promotoras da ILP por unha CRTVG "ao servizo do pobo", no Parlamento este 11 de setembro CC-BY-NC-SA CIG

O pasado xullo a Xunta deu os primeiros pasos para aprobar unha nova lei dos medios públicos de comunicación, chamada a substituír a vixente dende 2011 e nunca cumprida por completo. Entre as novidades do texto que están a causar máis controversia destaca a disposición que permite ao PP remudar o actual director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, unicamente cos seus votos no Parlamento ao rebaixar a esixencia de dous terzos -50 escanos- ou tres quintos -45- como única vía para o nomeamento.

A histórica xornalista Tereixa Navaza pon voz ás entidades que promoven a ILP para, din, poñer fin á "censura" nuns medios públicos que só deben ter "un amo: a cidadanía deste país"

Pouco antes de que o gabinete de Alfonso Rueda iniciase a tramitación do seu texto, persoal dos medios públicos de comunicación anunciou, xunto con diversos colectivos, a súa intención de tramitar unha iniciativa lexislativa popular (ILP) para os medios públicos baixo o lema Liberemos a Galega, coa loita contra a "manipulación" como primeira esixencia. Esa ILP por unha CRTVG "o servizo do pobo" chegou á Cámara galega este 11 de setembro e inclúe entre os seus preceptos organizar un concurso público para dirixir a corporación pública.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, con representantes da comisión que promove a ILP da CRTVG, este mércores no Parlamento CC-BY-NC-SA CIG

Coa histórica xornalista Tereixa Navaza como voceira, as catro decenas de colectivos que apoian o texto -dende o comité intercentros da CRTVG a sindicatos ou entidades culturais, entre outras- explican que a intención última da iniciativa é que a Televisión de Galicia e a Radio Galega "cumpran os fins para os que foron creadas". "É un dereito da cidadanía ter información veraz" e a CRTVG só debe ter "un amo, a cidadanía deste país".

A presentación da ILP, agrega Navaza, chega nun contexto no que os medios públicos galegos, afirma, están "censurados". Boa mostra disto, ao xuízo dos promotores da lei, foi nos últimos días o tratamento informativo do informe do Consello da Cultura sobre Altri.

Tras o seu rexistro, o texto articulado da ILP inicia trámite parlamentario. Se é admitido pola Mesa do Parlamento -trámite formal- precisará un mínimo de 10.000 sinaturas para chegar a ser discutido no pleno do lexislativo galego.

Besteiro e as deputadas socialistas Lara Méndez e Carmen Dacosta, recibindo as entidades promotoras da ILP da CRTVG, no Parlamento este 11 de setembro de 2024 CC-BY-NC-SA PSdeG

Esta lei, indican, pretende converter a CRTVG "nun reflexo absoluto do pluralismo ideolóxico deste país" e incidir na súa "democratización, a comezar polo nomeamento do director ou directora xeral". A súa aposta é organizar o devandito concurso público, cuxo resultado debería contar ademais coa "aprobación dos tres quintos do Parlamento". 

BNG e PSdeG brindan o seu apoio á iniciativa, que precisará 10.000 sinaturas para ser abordada polo Parlamento e que dependerá, en última instancia, do voto da maioría absoluta do PP

Unha vez esgotado o mandato, a persoa que exercese a dirección xeral só podería acollerse a unha "prórroga máxima dun ano". Navaza contrasta esta proposta coa situación do actual director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, designado por Alberto Núñez Feijóo en 2009 ao abeiro da lei de 1984 e, dende 2016, con mandato por tempo indefinido grazas a unha reforma introducida polo PP en solitario.

As entidades promotoras da ILP para a CRTVG foron recibidos no Parlamento polas dúas forzas da oposición. Tanto a nacionalista Ana Pontón coma o socialista José Ramón Gómez Besteiro avanzaron o apoio de cadansúas formacións á toma en consideración da lei e ás reivindicacións destes colectivos. A última palabra teraa, en calquera caso, a maioría absoluta do PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.