O máximo órgano de representación do cadro de persoal da radiotelevisión pública galega considera que o anteproxecto de lei da CRTVG suporía a culminación dun "cambio de paradigma" promovido polo PP na última década
O Comité Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia alerta de que o anteproxecto de lei presentado pola Xunta este verán –e en período de alegacións ata o 22 de agosto– pretende “acabar por transformar a CRTVG” no “maior órgano de propaganda financiado con cartos públicos ao servizo exclusivo dun partido político, sen contrapoder e control algún”.
O máximo órgano de representación do cadro de persoal dos medios públicos galegos avanza que confrontará o anteproxecto da Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital cunha “mobilización intensa” que se acordará en asemblea no mes de setembro.
Máis dunha década coa lei de medios actual incumprida, o Executivo de Alfonso Rueda elimina do novo texto lexislativo as figuras do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional, que “por unha dilación premeditada por parte do Consello de Administración actual nunca chegaron a crearse”, segundo destaca o comunicado do Comité da CRTVG, que cualifica o anteproxecto de “absolutista” porque “recorre ás maiorías simples para tomar decisións de tanta transcendencia como a aprobación da persoa que ocupe a dirección xeral, os membros do consello de administración ou a aprobación do mandato estratéxico, que marcará a folla de ruta dos medios públicos”.
Critican que o anteproxecto abre a porta a que a dirección da CRTVG poida realizar contratacións "a dedo que esquiven o mérito, a igualdade e a capacidade no acceso ao emprego público"
Da mesma maneira que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que estimou que o proxecto de lei presentado polo PP afonda no “control político” dos medios de comunicación públicos “lonxe de avanzar na independencia”. “A anomalía que supoña o incumprimento de aspectos cruciais da lei actual”, subliñou o CPXG, “non pode resolverse en ningún caso eliminando mecanismos” que “cando menos sobre papel”, pretendían “garantir a independencia editorial” da Radio Galega e da Televisión de Galicia".
Ademais, o órgano representante das traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos sinala que a redacción da nova lexislación que a Xunta pretende que aprobe o Parlamento –onde non precisan máis votos que os do PP– “resólvelle á dirección actual as limitacións que tiña para nomear persoal de alta dirección a esgalla ou para facer contratacións artísticas a dedo que esquiven o mérito, a igualdade e a capacidade no acceso ao emprego público”.
Un dos argumentos da Xunta para xustificar a nova lei é a necesidade de adaptarse á normativa da Unión Europea. Porén, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa evidenciou que a normativa europea “alerta explicitamente contra aqueles casos nos que as reformas lexislativas” incrementan “o control gobernamental nos medios de comunicación de servizo público”. O Comité Intercentros advirte de que estudará este posible incumprimento para tratar de “combater esta fraude antidemocrática que se presenta como lei”.
O Comité alerta de que coa nova lei traballadoras da CRTVG "poderían quedar fóra da protección actual que permite a súa inclusión no ámbito do emprego público"
O Comité alerta “moi seriamente” do “confuso” réxime xurídico no que este anteproxecto de lei deixaría á CRTVG: “Non queda claro no texto que se propón nin a natureza xurídica da sociedade mercantil nin o status legal que terían os seus traballadores e traballadoras, que poderían quedar fóra da protección actual que permite a súa inclusión no ámbito do emprego público”.
Por outra banda, a representación do persoal da CRTVG ve con preocupación que se abra a porta a “emitir contidos en linguas distintas ao galego”. “Unha posición política claramente aliñada co bilingüismo que defende o Partido Popular” que suporía “un punto de non retorno nos avances conseguidos a prol da lingua galega desde a posta en marcha do Estatuto de Autonomía”.