Rueda (re) preséntase como un galego de Pontevedra "sen pompa nin soberbia”

Momento no que Alfonso Rueda xura o seu cargo como presidente da Xunta, en presenza do ministro Puente. CC-BY-SA Xunta

Alfonso Rueda apelou ao diálogo e ao espírito de consenso e defendeu a política sen crispacións, a política “do sentidiño”

“Preséntome ante todos vós como son. Ninguén vai atopar en min nin artificios, nin disfraces, nin pompa nin soberbia”. Alfonso Rueda xurou o seu cargo como presidente da Xunta de Galicia redundando na humildade e no servizo público que, defende, son os valores que o moven nesta tarefa que emprendeu hai dous anos, cando Feijóo deixou o Goberno galego.

O sexto presidente da Xunta -quinto procedente dunha maioría emanada directamente das urnas- tomou posesión no mediodía deste sábado nun acto celebrado no parque de San Domingos de Bonaval (en Compostela) como un galego máis. “Un galego de Pontevedra”, indicou Alfonso Rueda, nun discurso no que apelou ao diálogo e ao espírito de consenso e no que defendeu a política sen crispacións, a política “do sentidiño”.  Foi un discurso sinxelo, protagonizado polas referencias á súa familia e con pouca profundidade política, que para iso xa está o Parlamento. Foi, en realidade, como se o presidente continuara a darse a coñecer ante a cidadanía, seguindo o ronsel do traballo feito durante a campaña electoral.

Puente, Rueda e Santalices, á chegada ao parque de Bonaval. CC-BY-SA Xunta

Foi un discurso sinxelo no que o presidente dedicou gran parte a darse a coñecer ante a cidadanía, seguindo o ronsel do traballo feito durante a campaña electoral

“Os servidores públicos temos que ter os pés na terra”, indicou Rueda, ao tempo que explicaba que tiña dedicada a maior parte da súa vida ao servizo público. “Por iso hoxe máis que tomar posesión como presidente da Xunta, tomo posesión como primeiro servidor  de todos vós e con todos vós quero facer este camiño”, dicía, como corolario final do seu discurso.

Previamente Rueda xa fixera súas algunhas palabras pronunciadas polos anteriores presidentes e mencionara galegos ilustres como Rosalía de Castro, Castelao, Asorey ou Fontán para subliñar o seu compromiso de “respectar e aprender do que fixeron outros” e prometería que achegaría o seu “gran de area” á causa galega.

Rueda acuñou a expresión “estilo Galicia” para se referir a “unha comunidade que prospera na moderación e foxe dos extremismos

Humildade, responsabilidade, ilusión ou ganas foron as palabras máis repetidas durante o discurso do presidente da Xunta de Galicia. “Creo no diálogo, no espírito de consenso”, indicou, ao tempo que, cambiando do idioma galego ao castelán, agradecía especialmente a presenza dos presidentes das comunidades de Murcia, Aragón, Castela e León e Asturias. “Aquí sempre ides atopar un aliado inquebrantable”, dixo. “Traballaremos polo que é noso sen pasar por riba de ninguén”, engadiu.

Rueda defendeu a “filosofía do sentidiño”, a política sen crispacións e acuñou a expresión “estilo Galicia”, para se referir a “unha comunidade que prospera na moderación e foxe dos extremismos; que cre na estabilidade como valor político e económico”. Tamén como un lugar que ten progresado para “deixar de ser unha terra de despedida e converterse nunha terra de acollida”; e unha comunidade, “que loita polo que merece dentro das regras do xogo, esixindo que se respecten pero sen querer rompelas”, dixo. “Ese é o estilo Galicia”, explicou.

Rueda xunto conversa cos expresidentes Feijóo, Touriño e Laxe no Panteón dos Galegos Ilustres. CC-BY-SA Xunta

Arredor de 900 invitados puideron presenciar as emocionadas palabras do presidente da Xunta, nun acto con acceso restrinxido á cidadanía

O acto de toma de posesión dun presidente da Xunta volvía a Bonaval 42 anos despois do de Gerardo Fernández Albor. No seu momento Feijóo optara por facer festa no Obradoiro, en 2009 e 2016. En 2012 non se fixo pola crise e en 2020 impediuna a pandemia

Mais este sábado de primavera, baixo un sol que quentaba como nun bo verán, arredor de 900 invitados puideron presenciar as emocionadas palabras do novo presidente da Xunta, nun acto con acceso restrinxido á cidadanía. No estrado, Rueda estivo acompañado polo presidente do Parlamento Galego, Miguel Santalices, e o ministro de Transportes, Óscar Puente, como representante do goberno español. Abaixo, sentados nas cadeiras, representantes políticos e institucionais. Os presidentes de Murcia, Aragón, Castela e León e Asturias; Mariano Rajoy, os reitores das universidades, o delegado do Goberno, a alcaldesa de Santiago e os representantes da oposición, a nacionalista Ana Pontón e o socialistas José Ramón Gómez Besteiro, entre outros.

Previamente, Alfonso Rueda, xunto aos expresidentes Feijóo, Touriño e Laxe realizaron unha ofrenda floral no Pantón dos Galegos Ilustres. Alí, o responsable popular tivo que ver as pancartas e escoitar as protestas dos membros da plataforma de propietarios das Fragas do Eume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.