Dez pactos que non van ser (e un que debería)

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro transmiten os parabéns a Rueda tras a súa elección como presidente da Xunta, o pasado 11 de abril CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

No transcurso da sesión de investidura que finalizou o pasado xoves coa elección de Alfonso Rueda como presidente da Xunta foi posible contabilizar un total de dez ofrecementos de pactos. En orde decrecente, cinco formulounos o voceiro e vindeiro secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; catro lanzounos a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o restante brindouno o agora xa presidente electo.

A ausencia de necesidade ou incentivos fai altamente improbable que cheguen a concretarse os pactos ofrecidos na investidura en materias como industria, sanidade ou vivenda

En total, unha decena de pactos que, con toda probabilidade non se van producir. Esencialmente, pola ausencia de necesidade ou incentivos dos interpelados para subscribírenos. Pero tamén polas materias que tratarían nunha lexislatura na que cabe a posibilidade de que o quinto Goberno consecutivo do PP si se vexa abocado a, cando menos, explorar un undécimo acordo que nin sequera foi mencionado durante o debate de investidura.

Rueda agradece o aplauso da bancada do PP, nun intre do debate de investidura CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O primeiro ofrecemento chegou na primeira das intervencións, a de Rueda como candidato. "Téndolles a man para chegar a un pacto pola industria e a enerxía que permita prosperar a Galicia ao longo desta década", afirmou nun contexto marcado por asuntos como a xestión dos fondos europeos, a ordenación do sector eólico e, máis conxunturalmente, pola ampla controversia en torno á posible implantación de Altri en Palas de Rei.

Rueda propuxo un pacto pola industria e advertiu que o seu compromiso se cingue, en calquera caso, ao programa do PP

De enerxía e economía trata tamén un dos pactos ofrecidos a Rueda pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Un "gran pacto" polo "modelo enerxético" que free o "actual bum eólico" e o substitúa por unha "planificación a favor do país" que inclúa medidas como unha "empresa 100% pública de enerxía". 

Xunto a el, Pontón ofreceu pactar medidas en sanidade, con accións como un novo modelo de atención primaria. Tamén un plan de "acceso á vivenda" e medidas de "rexeneración democrática" que van dende a transparencia aos medios públicos de comunicación. Desbotou, ao tempo, sumarse ao pacto económico ofrecido por Rueda porque, coida a líder do Bloque, o que realmente propón o PP é unha adhesión ás súas políticas, incluíndo proxectos coma o de Altri.

Alusións a posibles pactos entre grupos durante o debate de investidura CC BY-NC-SA Praza.gal

Besteiro, pola súa banda, ofreceu cinco pactos, algúns coincidentes coas áreas abordadas despois por Rueda e Pontón. É o caso dun "acordo de país" polo "ecosistema económico galego conformado por enerxía, empresas e industria con seguridade xurídica" ou a "blindaxe" da sanidade pública para garantir, por exemplo, que non haxa esperas superiores a 48 horas en atención primaria.

Pontón e Besteiro ofreceron a Rueda acordos en eidos como a vivenda pública ou o reforzo do Sergas

Besteiro propuxo tamén un plan de vivenda que contemple 2.500 novos pisos públicos por ano. Ademais, un acordo "pola defensa do galego" e un "gran acordo local galego" orientado, entre outros aspectos, a que a Xunta incremente o financiamento aos concellos.

O tirapuxa do propio debate pero, sobre todo, a evidencia de que o PP non precisa pacto ningún para sacar adiante as súas políticas en todos estes asuntos grazas á maioría absoluta obtida o 18F, permite albiscar un escenario no que os acordos formulados, simplemente, non existan. Non en van, advertiu Rueda, o seu "compromiso" non é outro que o programa do PP, con independencia de que poida incorporar algunha suxestión doutros grupos.

Sánchez Izquierdo e Rueda, asinando un convenio cando o actual presidente ocupaba a Vicepresidencia CC-BY-SA Xunta

O undécimo pacto non mencionado

Para o que si precisaría apoios o PP é para un dos asuntos mencionados por Pontón na súa oferta de acordo pola "rexeneración democrática": a dirección xeral da CRTVG, aínda que non no sentido proposto pola líder do Bloque, que aposta por renovala por concurso público. Tras quince anos no posto, con 75 anos de idade e nun contexto de conflitos crecentes -incluídos procedementos xudiciais-, medran as voces que apuntan a que esta pode ser a lexislatura da remuda de Alfonso Sánchez Izquierdo como director xeral dos medios públicos de comunicación.

Se Sánchez Izquierdo deixa a dirección da CRTVG o PP só ten dúas vías legais para remudalo: volver mudar a lei unilateralmente ou pactar o nome da persoa que o substitúa con, cando menos, un grupo da oposición de esquerdas

Sánchez Izquierdo, designado directamente por Feijóo poucas semanas despois de chegar á presidencia en 2009, chegou ao posto ao abeiro da lei de creación da CRTVG, que dende 1984 permitía esta elección directa. Dende 2011, non obstante, a que rexe é a lei dos medios públicos segundo a cal o posto debe ser elixido por maioría reforzada do Parlamento -dous terzos (50 escanos) ou, se non fosen acadados, tres quintos (45). Dende 2016, non obstante, está vixente tamén unha reforma inserida unilateralmente polo PP que blindou a Sánchez Izquierdo no posto por tempo indefinido.

Pero se Sánchez Izquierdo marcha, só hai dúas maneiras legais de substituílo. Unha sería explorar un pacto no Parlamento que tería que pasar necesariamente polo diálogo co BNG ou co PSdeG xa que, como mínimo, os populares necesitarían o voto afirmativo dos 9 escanos socialistas. Outra, non obstante, pasaría por que o PP reforme outra volta pola súa conta a lei da CRTVG para que, por exemplo, abonde coa súa maioría absoluta para elixir a persoa que o remude

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.