Reconstruímos a partir de conversas con media ducia de asesores e dirixentes populares como foron vivindo os sucesivos erros dunha carreira electoral que rematou en éxito
"Tardamos en reaccionar, pero reaccionamos, que é o importante". Quen así se pronuncia é un destacado asesor de Alfonso Rueda que xa leva unhas cantas campañas electorais ás súas costas, tamén con Alberto Núñez Feijóo. "Cometemos erros e a campaña do BNG foi perfecta", admite outra persoa que compaxina responsabilidades no PP e na Xunta.
Con media ducia de voces como estas de asesores e dirixentes populares tentamos reconstruír como se viu e viviu desde dentro do PP a campaña electoral propiamente dita, a dos mitins e mensaxes políticas dos seus candidatos, só unha das varias patas da estratexia electoral dos populares. Porque a esa campaña, que os populares admiten que foi mala, habería que sumar, para entender a magnitude do éxito electoral, outros factores como a mobilización das redes locais de simpatizantes, os anuncios desde a Xunta ou o tratamento informativo desde os medios afíns, especialmente os públicos, eidos nos que a intensidade desta carreira ás urnas supuxo sucesivas amoestacións e expedientes por parte das xuntas electorais.
A campaña comezouna o PP con mal pé. O venres 2, ás poucas horas de iniciarse, o PSdeG desvelaba que a presidenta e candidata local dos populares en Vigo, Marta Fernández-Tapias, persoa de confianza de Rueda, deixaría a política de forma inminente por desexo persoal. Un anuncio que a propia Fernández-Tapias fixera en diversas instancias do partido había tempo pero que se preferira manter oculto en lugar de filtralo a través dunha demolición controlada. "Foi unha mala decisión, todo se acaba sabendo", admite un asesor popular con coñecemento directo do funcionamento do PP en Vigo e na provincia de Pontevedra.
No PP había medo a un mal funcionamento do partido en Pontevedra, algo que finalmente non pasou e mesmo mellorou porcentaxe de voto
Ese mal funcionamento do partido na principal cidade do país e na provincia de Pontevedra, e non só polo caso de Fernández-Tapias senón pola lentitude ou mesmo falta de reacción ante sucesivos erros doutras formacións, estaba en boca de moitos destacados cargos populares un día despois, nas conversas informais sobre a area da praza de touros de Pontevedra. Alí celebrouse o sábado 3 o acto máis masivo dos populares, o mitin de Rueda na súa cidade acompañado por Feijóo. Estaba cheo e ninguén contemplaba outra posibilidade, porque se mobilizaran autobuses de toda Galicia, pero non había confianza no que puidera pasar na provincia de Pontevedra.
Dábase por descontado que se perdería un escano na Coruña e outro en Lugo, onde os resultados hai catro anos foran excepcionais. Pero se Pontevedra non funcionaba, e varios asesores admitían aquel día na praza de touros que non estaba a funcionar, a sangría de escanos podería ser excesiva. Algo que finalmente non pasou, porque ao contrario, aínda que sen variar o número de escanos, o apoio ao PP aumentou en Pontevedra do 42,37% ao 43,97%.
O luns 5 seguiron as malas impresións. O debate na CRTVG deixou a imaxe dun Rueda instalado na atonía, que só contra o final, cando tentou cargar contra o BNG, amosou unha faciana máis incisiva. Esa sería a liña final da campaña dos populares, pero aínda tardarían en completar a viraxe.
Nas primeiras xornadas da campaña, admiten varios asesores, as mensaxes, en negativo, centráronse en confrontar co Goberno de España, e só contra o final da primeira semana, cando se percibiu claramente que o BNG estaba en alza, mudouse o obxectivo e os nacionalistas pasaron a ser o rival a bater, ata o punto de resucitar a pantasma do terrorismo. "A campaña do BNG foi perfecta, reaccionaban rápido, e nós tardabamos", admite un dos asesores.
A irrupción de Feijóo abrindo a porta a un indulto a Puigdemont, fose un erro, unha demolición controlada ou unha estratexia de futuro, foi vista no PPdeG como un obstáculo máis para a súa campaña
Pero cando o PPdeG comezaba a virar a súa campaña cara ao BNG, logo de varias xornadas cargando contra Pedro Sánchez polas concesións a Catalunya, Feijóo volveu poñer o foco no estatal. Nunha comida en Lugo con ducia e media de xornalistas admitiu que contemplaría a posibilidade dunha amnistía a Carles Puigdemont baixo certas condicións.
A bomba publicárona á vez medios de todo tipo de tendencias a última hora do sábado 10. Unha xornada que Rueda centrara na igualdade entre as comunidades autónomas acompañado polo presidente andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla. No mitin que deron en Santiago varios asesores, coñecedores xa do que se ía publicar en cuestión de minutos, amosaban a súa preocupación por como avanzaba a campaña. Días despois, unha vez publicado, varios deles explicaban que a irrupción de Feijóo, fose un erro, unha demolición controlada ou unha estratexia de futuro, prexudicou en todo caso a campaña do PPdeG.
Pero naquel mitin de Santiago había outras preocupacións máis próximas. Unha asesora amosábase preocupada polas dificultades que tiveran para encher o recinto, o antigo claustro do convento de San Francisco, para o que tiveran que recorrer a chamadas telefónicas persoais a xente mesmo de fóra de Santiago. E o mesmo seguiría pasando en varios actos de campaña, con desprazamentos de simpatizantes mesmo desde outras provincias para lograr encher recintos de aforo ben modesto.
O tracking interno de GAD3 para o PP deu o xoves 15 os seus peores resultados, pero "nunca perdemos a maioría absoluta", salienta unha destacada dirixente popular
A última semana de campaña comezou co PP en caída nas enquisas tanto públicas como privadas. O mércores 14 a ausencia de Rueda no debate de TVE, ao que só asistiron Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, deu aínda máis protagonismo a estes en detrimento do candidato popular. Un debate que provocou debates no seo do PP sobre se acudir ou non. E o xoves 15 o tracking electoral de GAD3 para o PP, as enquisas diarias para comprobar a evolución da opinión pública, ofrecíalles a estimación de voto máis baixa de toda a campaña, un 46,9%. Pero aínda así o estudo calculáballes entre 38 e 39 escanos. "Nunca perdemos a maioría absoluta", asegura unha destacada dirixente popular.
O tracking do venres 16, a dous días das eleccións, ofrecía un resultado moi semellante ao escrutinio final. Cun 47,1% e 38-40 escanos para o PP (obtería o 47,36% e 40 escanos), un 32% e 25 escanos para o BNG (tivo un 31,75% e 25 escanos), un 13,1% e 10-11 escanos para o PSdeG (logrou algo máis de porcentaxe, un 14,04%, pero quedou en 9 escanos) e un 0,7% e a posibilidade dun escano para Democracia Ourensana (logrouno co 1,03%).
Pero aínda o sábado de reflexión habería problemas na campaña. Houbo debate interno sobre se Rueda debía ir ou non ao partido de fútbol en Vigo entre o Celta e o Barcelona. Pontón e Besteiro anunciaron a súa asistencia, e decidiuse ir pero sen convocalo formalmente na axenda, nin como presidente da Xunta nin como candidato popular. O resultado foron apupos ben sonoros de parte da bancada de Balaídos. Era o que se temía e acabou pasando.
Por que todos estes e moitos outros problemas na campaña? Os consultados non teñen unha resposta clara. O equipo de Rueda non estaba tan rodado como o de Feijóo, pero contou con reforzos de asesores tanto internos como externos do ex-presidente que marcharan e que volveron para a ocasión. Pola contra, outros cos que se contou no pasado admiten que non foron contactados para nada durante esta campaña. Outra visión que ofrece algún dos consultados é que o equipo de Rueda non ten un referente claro como podía ser no de Feijóo a figura de Mar Sánchez Sierra, a súa persoa de máxima confianza.
O domingo 18 as mensaxes que chegaban desde as mesas electorais eran positivias. Os seus estaban a votar masivamente
Pero os problemas quedaron atrás o domingo. Segundo varios altos cargos do PPdeG xa desde primeira hora as mensaxes que chegaban desde as mesas electorais eran positivas. Os seus estaban a votar e masivamente. Os interventores populares sabíano. E pouco despois das oito da tarde, cando aínda non se coñecía nada do escrutinio, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, comparecía ante os medios cun sorriso difícil de ocultar nun rostro que adoita presentarse sempre serio.