Aínda que perdeu dous escanos en relación ao ano 2020, Rueda mantivo practicamente a porcentaxe de voto obtida hai catro anos (47,42%) e incrementou de forma importante o número de votos acadados, grazas ao grande aumento da participación
O PP gañou as eleccións deste domingo de forma incontestable. Aínda que perdeu dous escanos en relación ao ano 2020, os de Rueda mantiveron practicamente a porcentaxe de voto obtida hai catro anos (47,42%) e incrementou de forma importante o número de votos acadados, grazas ao grande aumento da participación, rozando os 700 mil. Os populares só perderon un escano na Coruña e outro en Lugo, aínda que poden perder un máis pola provincia de Ourense, que grazas ao voto exterior podería pasar ao PSdeG.
Fronte á vitoria de Rueda emerxeu outro triunfo, máis amargo, o de Ana Pontón e o BNG. Os nacionalistas conseguiron un resultado histórico de 25 escanos e máis de 460 mil votos, cunha suba de seis representantes e case oito puntos en relación ao resultado de 2020 e sendo a candidatura máis votada na cidade de Vigo. O Bloque gaña dous escanos na Coruña e outros dous en Pontevedra e medra un en Lugo e outro en Ourense. É o mellor resultado histórico do nacionalismo, pero fica moi lonxe de darlle a chave do Goberno.
O BNG conseguiu un resultado histórico de 25 escanos e máis de 460 mil votos, cunha suba de seis representantes e case oito puntos en relación ao resultado de 2020 e sendo a candidatura máis votada na cidade de Vigo
O BNG concentrou o voto da esquerda, como viñera demandando na campaña, pero provocou o afundimento de PSdeG e Sumar. Os socialistas perden cinco escanos e acadan o seu peor resultado histórico, caendo especialmente nas provincias do sur, Pontevedra e Ourense, onde caeron dous deputados en cada circunscrición. Na Coruña deixáronse un máis e unicamente en Lugo, provincia do seu candidato, o PSdeG puido manter o seu resultado de hai catro anos.
Tampouco foi unha boa xornada para Sumar, que con menos de 30 mil votos e un 1,89% quedou lonxe do resultado de Galicia en Común en 2020 (51 mil votos e un 3,89%) e nin sequera acadou o 3% na Coruña ou Pontevedra.
Os socialistas perden cinco escanos e acadan o seu peor resultado histórico, caendo especialmente nas provincias do sur, Pontevedra e Ourense, onde caeron dous deputados en cada circunscrición.
Sumar mesmo foi superado por VOX, que a pesar dos chamamentos do PP ao voto útil, mellorou o seu resultado de 2020, cun 2,19% dos votos e seis mil sufraxios máis.
Outro dos protagonistas da noite foi a Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome, que acadou con suficiencia o escano que buscaba que, con todo, non será decisivo para a conformación de maiorías. DO rozou o 9% na súa circunscrición e foi a terceira forza na capital provincial, co 18% dos votos.
A participación aumentou e moito. Votou o 67,31% do censo, oito puntos máis que nas eleccións de hai catro anos (que rexistraron o peor dato de participación dende 1985), pero tamén tres puntos e medio máis que nos comicios de 2016
A participación aumentou e moito, como xa se viña apuntando no primeiro e no segundo avance. Votou o 67,31% do censo, oito puntos máis que nas eleccións de hai catro anos (que rexistraron o peor dato de participación dende 1985), pero tamén tres puntos e medio máis que nos comicios de 2016. Esta maior mobilización non foi suficiente para o cambio que a esquerda perseguía, en parte porque -ademais da activación do voto progresista que seguramente se produciu- tamén se mobilizou de forma importante un voto conservador que se abstivera hai catro anos.
A participación, con todo, ficou moi lonxe do nivel que se rexistrara nas eleccións xerais do pasado mes de xullo (73,14%). E, por exemplo, aínda que a participación aumentou notablemente nas cidades da Coruña ou Vigo, ficou cinco puntos por debaixo da que se rexistrou no 23X.
Esquerda ou dereita?
A suma de PP e VOX rozou o 50% (49,61%), mentre que a de BNG, PSdeG e Sumar ficou a máis de dous puntos (47,48%). A dereita obtivo 80 mil votos máis que hai catro anos e aínda que a esquerda tamén subiu uns 180 mil votos, este ascenso foi insuficiente
Nas eleccións deste domingo o bloque conservador impúxose con claridade ao progresista, malia o ascenso do BNG. A suma de PP e VOX rozou o 50% (49,61%), mentre que a de BNG, PSdeG e Sumar ficou a máis de dous puntos (47,48%), unha distribución entre bloques moi semellante á de hai catro anos (50,8% para e dereita e 47,86%) para a esquerda.
A dereita obtivo 80 mil votos máis que hai catro anos e aínda que a esquerda tamén subiu uns 180 mil votos, este ascenso foi insuficiente.