"Quinta maioría". Cando Alfonso Rueda substituíu a Alberto Núñez Feijóo na presidencia da Xunta, a contorna do PP galego lanzou este lema cando aínda restaban practicamente tres anos para as seguintes eleccións. Semellaba fantasioso mesmo para os propios populares, toda vez que o partido nunca encadeara cinco mandatos seguidos. Nin con Manuel Fraga, que perdeu o Goberno precisamente cando aspiraba ao seu quinto mandato.
O récord dos conservadores galegos vén de ser batido este 18 de febreiro. Tras unha campaña electoral sen excesivo brillo, mesmo con erros non forzados e mensaxes contraditorias pouco habituais na maquinaria do partido, Rueda vén de gañar o dereito a formar Goberno con maioría absoluta de seu por primeira vez.
O PP revalida a absoluta sen apenas desgaste, cedendo menos dun punto e dous escanos sobre dos 42 logrados hai catro anos e malia ao significativo ascenso dun BNG que se consolida na segunda posición con 25 escanos (+6) e un crecemento superior aos 7 puntos. O novo máximo histórico do Bloque chega sobre todo a costa dun PSdeG que asina, pola súa banda, o seu peor resultado na historia da autonomía con 9 escanos e un retroceso superior aos 5 puntos.
A enésima recomposición do lexislativo galego á marxe do PP trae este 18F outra novidade significativa, a entrada de Democracia Ourensana cun escano pola súa circunscrición. Non obstante, ao contrario do apuntado durante a campaña pola propia formación de Gonzalo Pérez Jácome e tamén por diversas análises, a súa influencia será nula na conformación do vindeiro Goberno.
Forzas extraparlamentarias
Fóra do novo Parlamento fican todas as demais forzas políticas. Pola esquerda, tanto Sumar como Podemos (1,88% e 0,26% dos votos, respectivamente), que ademais lograron menos apoios que a extrema dereita de Vox, que en calquera caso apenas superou o 2% de apoios este 18 de febreiro.