O PP foi a forza máis votada en 295 localidades, o BNG en 13 e o PSdeG en 5
Galicia tinguiuse de azul PP unha vez máis. Este 18F os populares asentaron o seu dominio nas eleccións ao Parlamento galego mantendo unha porcentaxe de voto moi semellante á de hai catro anos e mesmo aumentando o seu número de votos. A formación liderada por Rueda foi a máis votada en 295 dos 313 concellos galegos, un número moi semellante ao das eleccións de 2020, cando o PP triunfou en 298 localidades.
O gran resultado acadado polo BNG leva os nacionalistas a ser os máis votados en 13 concellos, oito máis que no 2020. Entre eles está a cidade de Vigo e outros catro concellos da ría viguesa (Cangas, Moaña, Redondela e Soutomaior). Ademais, o Bloque impúxose en Mugardos, Fene, Catoira, Corcubión, O Grove, Allariz, Vilar de Santos e Verea.
Nos 5 concellos restantes a forza máis votada foi o PSdeG, que hai catro anos se impuxera en 9 localidades. Son todos eles pequenos concellos rurais das provincias de Lugo (Ribeira de Piquín, Negueira de Muñiz e Pedrafita do Cebreiro) e Ourense (Entrimo e Calvos de Randín).
O PP superou o 50% dos votos en 202 concellos e só baixou do 40% en 25
O PP non baixou do 30% en ningunha localidade e o seu peor resultado tívoo en Vilar de Santos (31,95%)
Alfonso Rueda conseguiu unha maioría absoluta incontestable e fíxoo en todos os ámbitos, dende o rural á Galicia urbana. Dende o 90% dos votos acadado en Quintela de Leirado, o PP superou o 60% dos sufraxios en 81 concellos e o 50% en 202, case dous de cada tres. En ningunha localidade baixou do 30% e o seu peor resultado tívoo en Vilar de Santos (31,95%). Mesmo en feudos tradicionais da esquerda como Vigo, Fene, A Illa de Arousa, Cangas, As Pontes, Redondela ou Moaña, os populares achegáronse ao 40%.
As maiores perdas do PP concéntranse no centro da provincia da Coruña, na maior parte da provincia de Lugo e no centro e oeste da provincia de Ourense (onde DO é máis forte)
Aínda que o PP empeorou a porcentaxe de voto acadada en 2020 en máis de 200 concellos, as caídas foron en xeral moi cativas e só en 50 localidades superaron os cinco puntos, unha parte importante na provincia de Ourense na que se presentou DO. Destacan as perdas sufridas nas Somozas, Mondoñedo (oito puntos menos) e na propia cidade de Ourense (-6,49).
O seguinte mapa amosa a evolución da porcentaxe de voto do PP en cada localidade entre 2020 e 2024. As maiores perdas concéntranse no centro da provincia da Coruña, na maior parte da provincia de Lugo e no centro e oeste da provincia de Ourense (onde DO é máis forte).
En cambio, os populares melloraron os seus resultados na outra parte da provincia ourensá (especialmente na comarca de Verín), na Mariña lucense e na práctica totalidade da provincia pontevedresa
En cambio, os populares melloraron os seus resultados na outra parte da provincia ourensá (especialmente na comarca de Verín), na Mariña lucense e na práctica totalidade da provincia pontevedresa.
Os populares melloraron os seus datos nun terzo dos concellos do país, encabezados por Verín (dez puntos máis) e O Porriño (cinco puntos máis).
BNG
O BNG superou o 40% en Moaña, Cangas, Corcubión, Soutomaior, Catoira, O Grove, Mondariz-Balneario, Fene, O Rosal e Tomiño
O BNG foi, xunto co PP, o gran triunfador da noite, aínda que fose un éxito sen premio. Os nacionalistas acadaron o seu mellor resultado en Vilar de Santos, Verea e Allariz, nos tres concellos ourensáns por riba do 50%, pero tamén superaron o 40% en Moaña, Cangas, Corcubión, Soutomaior, Catoira, O Grove, Mondariz-Balneario, Fene, O Rosal e Tomiño. O Bloque tan só ficou por debaixo do 10% en catro concellos.
En relación ao ano 2020, o BNG medrou en case todos os concellos do país (só empeorou o seu resultado en 19 pequenas localidades, todas en Lugo e Ourense, agás San Sadurniño). As súas subas foron especialmente importantes nas áreas metropolitanas de Vigo (na propia cidade olívica a mellora foi de case 14 puntos, en Mos de case 13 e en Cangas de case 12) e A Coruña e concellos como Ribeira (12 puntos máis).
PSdeG
Os socialistas baixaron en 270 concellos, con perdas especialmente importantes na comarca de Vigo e na maior parte de Ourense. Na cidade olívica a caída foi de 12 puntos e de 11 en Redondela, Mos ou Ponteareas
O PSdeG tivo este 18F a súa peor noite electoral en moito tempo e acadou o seu mínimo histórico nunhas eleccións ao Parlamento galego. Os socialistas só resistiron na provincia de Lugo a concentración do voto progresista ao redor do BNG e aínda que mantiveron un resultado importante nalgúns feudos locais da Costa da Morte ou da área metropolitana de Vigo, os descensos foron xerais e moi importantes nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense.
Os socialistas acadaron o seu mellor resultado en pequenas localidades como Ribeira de Piquín, Entrimp. Pedrafita do Cebreiro ou Calvos de Randín (por riba do 45% en todas elas), pero caeron por debaixo do 10% en 75 concellos, algúns tan significativos como Teo, O Carballiño, Cangas, Moaña, Bueu, Arzúa, Melide, Carballo, Lalín ou Ribeira. En Santiago de Compostela ficaron no 11% e en Ourense no 12%.
En relación ás eleccións de 2020, o PSdeG só creceu en 43 concellos, a maior parte da provincia de Lugo e algúnha excepción, como As Pontes, Rairiz de Veiga, Frades, Aranga ou Zas. En cambio, os socialistas baixaron nos 270 concellos restantes, con perdas especialmente importantes na comarca de Vigo e na maior parte de Ourense. Na cidade olívica a caída foi de 12 puntos e de 11 en Redondela, Mos ou Ponteareas.
DO
DO acadou o seu mellor resultado na capital provincial (17,85%) e nos municipios da súa contorna, como Barbadás (13,26%), O Pereiro de Aguiar (11,28%), Amoeiro (10,3%) ou Coles (10,09%)
Democracia Ourensana, que non se presentara ás eleccións de 2020, acadou un gran resultado nas eleccións deste domingo, superando claramente o 8% na súa provincia e acadando con suficiencia un escano. A formación ourensanista acadou o seu mellor resultado na capital provincial (17,85%) e nos municipios da súa contorna, como Barbadás (13,26%), O Pereiro de Aguiar (11,28%), Amoeiro (10,3%) ou Coles (10,09%). No resto da provincia, especialmente nas comarcas de Valdeorras e Verín, o seu resultado foi moito máis cativo, pero os votos obtidos na área metropolitana da cidade das Burgas foron abondo.
VOX
VOX acadou o seu mellor resultado en Ribeira (4,99%) e A Lama (4,25%)
VOX mellorou este domingo o seu resultado de 2020 e fíxoo cun avance en dous de cada tres concellos do país. Con todo, a formación de ultradereita non superou o 5% en ningunha localidade. En Ribeira acadou o seu mellor resultado (4,99%) e na Lama tamén superou o catro por cento (4,25%). VOX tamén superou o 3% en Fornelos de Montes, Boiro, Avión, Coristanco, Barro, Arteixo, A Pobra do Caramiñal, Bergondo, Carballo, Cambre, Castro de Rei e Muxía. A formación de extrema dereita mellorou os seus datos de hai catro anos en 196 concellos e baixou en 114.
Sumar
Sumar obtivo o seu mellor resultado en Antas de Ulla (7,2%), Mondariz (5,3%) e Mugardos (5,17%), únicas localidades nas que superou o cinco por cento dos votos
Sumar obtivo o seu mellor resultado en Antas de Ulla (7,2%), Mondariz (5,3%) e Mugardos (5,17%), únicas localidades nas que superou o cinco por cento dos votos, que nin sequera acadou en feudos tradicionais como Ferrol, Fene, A Pobra do Caramiñal, O Grove ou Cangas.
En relación ao resultado acadado por Galicia en Común en 2020, Sumar só mellora as súas cifras nunha ducia de pequenas localidades, pero perde máis de catro puntos en Cangas ou Teo e máis de tres en Ferrol, Mugardos, O Porriño, Gondomar ou A Coruña.