O sistema electoral galego sobrerrepresenta as circunscricións menos poboadas, as de Lugo e Ourense, que tradicionalmente tenden a apoiar máis á dereita. Este feito é indiscutible e as forzas políticas só difiren na análise das súas motivacións.
O sistema electoral outorga un mínimo de 10 escanos a todas as provincias e os restantes repártense en función da poboación, o que sobrerrepresenta a Lugo e Ourense
O PP, arquitecto do sistema, xustifícao na necesidade de garantir unha presenza equitativa de todos os territorios, o equilibrio entre provincias. A esquerda vén defendendo que foi deseñado así para poñer máis difícil que unha maioría progresista sexa maioritaria no Parlamento, especialmente tras os axustes introducidos en tempos de Manuel Fraga, nunca revertidos malia existir entre 2005 e 2009 unha maioría para facelo. Esa reversión, non obstante, non implicaría que este 18F o PP non tivese maioría absoluta.
A sobrerrepresentación lucense e ourensá aséntase no sistema de reparto de escanos estipulado na lei de eleccións, que outorga un mínimo de 10 asentos a cada provincia con independencia da súa poboación. Os restantes 35 distribúense en función da poboación. Isto dá lugar a que a provincia da Coruña elixa 25 escanos, a de Pontevedra teña 22 e Lugo e Ourense, cadanseus 14 representantes.
Se o mínimo provincial fose de 5 escanos e non de 10, o PP finalizaría a noite electoral con 38 escanos e non con 40, mentres que o PSdeG tería 11 e non 9. O BNG mantería os 25 que logrou e DO tamén obtería un representante
Se ese mínimo provincial no canto de ser de 10 escanos fose de 5, o PP de Alfonso Rueda finalizaría o reconto do 18 de febreiro con maioría absoluta, pero moito máis axustada. A Coruña elixiría 28 escanos (3 máis) e Pontevedra 24 (dous máis), mentres que Lugo quedaría con 12 (-2) e Ourense, con 11 (-3). Cos resultados deste pasado domingo, o principal beneficiado sería o PSdeG, que conseguiría un escano máis pola Coruña e outro por Pontevedra a costa precisamente do PP.
E, se non existise mínimo provincial e todos os escanos se repartisen en función da poboación? Os escanos da Coruña serían 31 e os de Pontevedra 26, mentres que Lugo e Ourense ficarían en 9. Cos resultados do 18F, tamén nese caso o PP tería maioría absoluta, aínda que lixeiramente menos ampla: lograría 3 escanos máis pola Coruña e un máis por Pontevedra que no resultado real, pero Lugo daríalle 2 menos e Ourense, 3 menos dos que tivo.
En síntese, como amosa o gráfico sobre estas liñas, minguar a sobrerrepresentación de Lugo e Ourense só provocaría, nesta ocasión, que a maioría absoluta do PP fose menos ampla. Tería 38 escanos cun mínimo de 5 escanos por provincia ou 39 sen mínimo.
A segunda forza, o BNG, non vería alterada a súa representación cos dous modelos alternativos, que lle proporcionarían os mesmos 25 que logrou este domingo. Mentres, o PSdeG si avanzaría dous escanos cun mínimo provincial de 5 (ata 11) e un se todos os asentos do Pazo do Hórreo se repartisen en función da poboación, sen mínimos. DO conservaría a acta lograda en ambos casos.
Nesta ocasión, ao contrario do que sucedeu en anteriores comicios, tampouco resultaría especialmente relevante que a barreira para optar ao reparto de escanos estivese no 3% e non no 5% fixado por Fraga. Non en van, nin pola dereita (Vox) nin pola esquerda (Sumar ou Podemos) chegaron ao 3% en ningunha das circunscricións.