O abandono da presidencia da Xunta por parte de Alberto Núñez Feijóo en 2022 foi interpretado dende a esquerda como unha fiestra de oportunidade para aspirar ao cambio político nas seguintes eleccións galegas, aínda moi afastadas no tempo. Dous anos despois daquela marcha, este 18 de febreiro o PP vén de culminar a remuda dende o poder con Alfonso Rueda á fronte tras dar freado sen apenas desgaste unha pulsión de cambio que capitalizou un BNG de récord.
Que a esquerda chegase á Xunta observouse como unha posibilidade máis palpable ca nunca en década e media. Tamén pola base electoral do PP, que se mobilizou masivamente
Con Feijóo marchou tamén a Madrid a cúpula do seu poder absoluto, que ocupa actualmente escanos no Congreso e altos cargos no organigrama estatal do partido. Esas ausencias reflectíronse na campaña dos conservadores galegos, con erros inusitados e cambios de rumbo provocados, entre outros, polo propio Feijóo, nunhas semanas nas que a posibilidade dun cambio político chegou a ser manexada como real no ecosistema político do país.
Que a esquerda chegase á Xunta observouse como unha posibilidade máis palpable ca nunca en década e media, neste caso encabezada polo BNG de Ana Pontón. Tamén pola propia base dos populares que, atendendo ao resultado electoral pero tamén á participación de case un 70%, se mobilizou de xeito masivo. Ata o punto de que os dous escanos perdidos polo PP, que pasa de 42 a 40 representantes, son produto dun descenso de apenas seis décimas en porcentaxe de votos, segundo o escrutinio provisional e á espera do reconto do voto exterior.
Este é o triunfo do PP de Galicia con menor autonomía a respecto da dirección estatal. Pero, paradoxalmente, vén supoñer o aval a Rueda para, agora si, construír un equipo de seu no vindeiro Goberno
O deste 18F é tamén o triunfo do PP de Galicia con menor autonomía a respecto da dirección estatal. Pero, paradoxalmente, vén supoñer o aval a Rueda para, agora si, construír un equipo de seu no vindeiro Goberno galego. O "estilo Rueda" que o partido publicitou dende o seu ascenso á presidencia e que apenas se fixo visible nestes anos ten agora visto e prace electoral cunha porcentaxe moi semellante ás de Feijóo para despregarse apoiado en todo o aparello da Xunta e, se cadra, para que dentro de catro anos o partido retome a senda de poñer o foco máis no candidato que no partido.
Noite agridoce para un BNG que rompe outra volta o seu teito
A oposición parlamentaria estará, por segunda lexislatura consecutiva, liderada por un BNG que tamén por segunda vez rompe o seu propio teito en votos e escanos. A única forza parlamentaria que medra con claridade avanza case oito puntos que lle valen seis escanos máis, ata os 25. Ou, o que é o mesmo, un crecemento que leva o Bloque de Ana Pontón a ter tanta representación como a que logrou o PSdeG de Emilio Pérez Touriño cando acadou o Goberno en 2005 e tamén cando o perdeu en 2009. O grupo liderado por Pontón terá só tres escanos menos que o grupo da esquerda máis numeroso da historia da autonomía, o PSdeG de Fernando González Laxe en 1989.
Tras unha campaña que situou a súa candidata no centro da escena política, o Bloque encabeza unha oposición de esquerda que se recompón por quinta lexislatura consecutiva e que, atendendo aos datos, non logra un dos seus obxectivos clave: dar penetrado en sectores de votantes do PP. A formación soberanista avanza 7,79 puntos medrando a costa do PSOE (-5,34 puntos) e tamén no espazo que noutrora ocuparon formacións como En Marea (Galicia en Común obtivera hai catro anos o 3,94% e, desta volta, o resultado agregado de Sumar e Podemos queda no 2,16%).
Pontón liderará un grupo do BNG con tantos escanos coma os que tiña o PSdeG cando logrou a presidencia da Xunta e mantén que a formación non ten "teito". Besteiro compromete tentar "consolidar un proxecto recoñecido para a cidadanía" na noite electoral máis dura para os socialistas galegos
Así e todo, o feito de que unha formación da esquerda supere, quince anos despois, o 30% dos votos supón todo un aval para a dirección encabezada por unha candidata que, na propia noite electoral, advertiu de que o 18F "non acaba nada". Coida Pontón que o Bloque "non ten teito" e que, malia á composición do novo Parlamento este país "xa cambiou". O principal reto que se presenta por diante para a formación nacionalista e a súa líder é soster durante unha nova travesía na oposición a vaga de ilusión que logrou xerar na campaña electoral.
De continuidade falou tamén na noite electoral José Ramón Gómez Besteiro. No seu retorno á primeira liña política tras sete anos, o lucense contou con apenas medio ano para exercer como candidato dun PSdeG que cae agora á súa menor representación histórica e no que, di, asume o "compromiso" para "consolidar un proxecto recoñecido entre a cidadanía, que sexa unha verdadeira alternativa, real e segura". A rotación de liderados e a ausencia dunha referencia continuada a nivel galego foi, precisamente, un dos principais lastres do partido nestes quince anos de gobernos dun PP que agora se encamiña ás dúas décadas de poder continuado.
Alén das forzas da esquerda, ás bancadas da oposición do Pazo do Hórreo regresará tamén o Grupo Mixto para acoller o único deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea. O Partido do alcalde de Ourense fica lonxe do seu principal obxectivo, ser "chave" do Goberno, pero acceder a un novo espazo institucional que lle proporcionará maior visibilidade para presentarse como valedor único dos intereses ourensáns, ademais do financiamento que lle corresponderá pola súa representación parlamentaria.