Quedan oito días para as eleccións do 18F, uns comicios máis abertos do que hai apenas un mes se podía pensar e nos que, por primeira vez en 15 anos, a maioría absoluta do PP está no aire. Que é o que nos dín as enquisas que se foron publicando nas últimas semanas? Con diferenzas entre elas, a imaxe que proxectan é a da incerteza, aínda que de momento case ningunha chega a contemplar a posibilidade de que o PP obteña menos de 38 escanos.
Na media das enquisas publicadas, o PP móvese ao redor dos 39 escanos, o BNG sobe ata 21 e 22, mentres que o PSdeG se estanca nos 14 e mesmo podería perder un deputado. Sumar afástase do Parlamento e DO sitúase no límite de obter representación
Dende a convocatoria das eleccións, pouco antes do Nadal, publicáronse unha vintena de enquisas, ademais de dous trackings que van actualizando os seus datos cada poucos días. Estes traballos indican que o PP se move entre 39 e 40 escanos de media (cada vez máis preto dos 39), cunha perda de tres representantes. O BNG sobe de forma clara e a media de enquisas xa o sitúa entre 21 e 22 deputados.
O PSdeG, en cambio, estáncase ao redor dos 14 escanos e Sumar ve afastarse a posibilidade de obter representación. Democracia Ourensana, en cambio, semella máis preto de converterse no cuarto partido da cámara. VOX e Podemos fican fóra de toda opción.
A enquisa do CIS é a única que prognostica que hai posibilidades de que os populares perdan a maioría absoluta
Iso, se falamos das medias. En realidade, son varios os traballos que abren outras posibilidades, tanto por arriba coma por abaixo. Por exemplo, o CIS chega a prever un descenso do PP ata os 34 escanos. A enquisa do instituto público é a única que prognostica que hai posibilidades de que os populares perdan a maioría absoluta. Tan só unha das entregas do tracking de EM-Analytics para Nós amosou a posibilidade de que o PP se situase en 37, aínda que nesa publicación Democracia Ourensana obtería un escano, dificultando a maioría da esquerda. Á inversa, son varias as sondaxes que sitúan o PP en 41 e mesmo en 42 escanos, repetindo o seu resultado de hai catro anos.
En canto ao BNG, o abano ábrese aínda máis. A formación nacionalista é a que xera maior diversidade de estimacións entre as distintas empresas, que valoran en maior ou menor medida a mobilización de voto que está a espertar Ana Pontón. Así, o CIS chega a prever que o Bloque acade 26 deputados (sete máis que na actualidade) e EM-Analytics e GAD3 outórganlle 23. En cambio, hai sondaxes que reducen as opcións nacionalistas e que sinalan que podería manter o seu resultado de 19 escanos ou mesmo baixar un.
Máis constantes son as estimacións ao redor do PSdeG. Houbo, xusto antes do inicio da campaña, algunha enquisa que chegou a situar a Gómez Besteiro en 16 ou 17 escanos, pero nos últimos días estase a instalar un certo consenso demoscópico en torno a un resultado semellante ao de 2020 (14 escanos) ou mesmo coa perda dun representante.
O BNG semella estar a concentrar o voto de esquerda, o que prexudica as opcións socialistas e tamén as de Sumar, que ve como cada vez son menos as enquisas que lle outorgan opcións de acadar un deputado na Coruña ou Pontevedra.
Con Democracia Ourensana permanece a dúbida de se todas as empresas demoscópicas están a ter en conta a súa posible irrupción. Son moitas as enquisas que lle outorgan un deputado ou a opción de conseguilo, pero tamén varias as sondaxes que non ofrecen ningunha información sobre o partido, o que impide saber con certeza a estimación que realizan sobre as súas opcións.
As tendencias
Nos últimos días, o PP baixa lixeiramente. A media das enquisas na precampaña (39,43) situábao entre 39 e 40 escanos, mentres que nesta semana esa media baixa a 39 deputados
Á hora de analizar as enquisas, moitas veces son máis importantes as tendencias que as fotos fixas. Son coñecidos os nesgos e distorsións que presenta cada empresa (os house effects), que adoitan manterse no tempo. E moitas veces o máis interesante das sondaxes non son as estimacións ofrecidas, senón a evolución que presentan en relación aos traballos publicados anteriormente pola mesma casa. Sobre todo cando se achegan as eleccións e unha porcentaxe significativa de votantes decide o destino do seu sufraxio durante a propia campaña.
Neste senso, podemos comparar os datos das enquisas publicadas entre o 31 de decembro e o 1 de febreiro -na precampaña- e os das sondaxes difundidas na primeira semana de campaña, entre o venres 2 e o venres 9. As tendencias, sen chegar a ser bruscas, son claras en varias das candidaturas.
O BNG é a única formación que mellora claramente na última semana: pasa de moverse ao redor de 20 deputados a situarse entre 21 e 22
O PP baixa lixeiramente. A media das enquisas na precampaña (39,43) situábao entre 39 e 40 escanos, mentres que nos últimos días esa media baixa a 39,08 deputados. Polo tanto, pódese dicir que os populares están a dous escanos de perder a súa maioría absoluta.
O movemento do BNG é o contrario: é a única formación que está a mellorar as súas expectativas, que pasan de estar nos 20 deputados (20,07) a situarse entre 21 e 22 (21,21).
O voto progresista está a concentrarse ao redor da figura de Ana Pontón, de xeito que PSdeG e Sumar están a caer nas enquisas dos últimos días
O problema para a esquerda é que as estimacións do PP non están reducíndose todo o que sería necesario para posibilitar un cambio de Goberno. O movemento máis claro fala dunha concentración de voto progresista ao redor da figura de Ana Pontón, de xeito que PSdeG e Sumar están a caer nas enquisas dos últimos días.
Os socialistas, que en xaneiro apuntaban a unha pequena suba, situándose entre 14 e 15 escanos (14,43 de media), hoxe aparecen entre 13 e 14 (13,71). De igual xeito, en xaneiro eran máis as sondaxes que prevían algún escano para Sumar (0,79 de media), mentres que na última semana cada vez son menos (0,54).
Democracia Ourensana mellora en cambio as súas opcións e a súa media pasa de 0,25 a 0,42.
Quedan 8 días para as eleccións, pero tan só dous días para que remate o prazo legal no que se poden difundir publicamente enquisas (o límite é a medianoite do luns ao martes)
Quedan 8 días para as eleccións, pero tan só dous días para que remate o prazo legal no que se poden difundir publicamente enquisas (o límite é a medianoite do luns ao martes). Varias empresas seguirán a realizar enquisas aínda que os seus datos non se poderán difundir pulibcamente.
Este domingo e luns publicaranse seguramente un gran número de traballos (que Praza analizará o martes) que amosarán unha boa foto fixa das opcións de cada candidatura a menos dunha semana para os comicios. As últimas enquisas publicadas permitirán ver, ademais, se as tendencias dos últimos días se manteñen ou se mesmo se acentúan e se o voto progresista se mobiliza o suficiente (ademais da evidente concentración ao redor de Ana Pontón) para facer posible a perda da maioría absoluta por parte do PP, unha posibilidade que non está lonxe pero que ata agora as enquisas non se arriscan a contemplar.