Así marchan as enquisas: entre unha axustada maioría absoluta do PP e a vitoria da esquerda

Gráfico coas enquisas publicadas no mes de xaneiro sobre unha imaxe do Parlamento na última lexislatura. © Parlamento de Galicia / Praza.gal

Só unha das 14 enquisas publicadas (a do CIS) prevé a posibilidade de que o PP perda a maioría. Porén, a maior parte dos traballos estiman que Rueda se situará entre 39 e 41 representantes, o que quere dicir que a perda dun escano en cada provincia suporía a desaparición da maioría absoluta conservadora

Dende que pouco antes do Nadal o presidente Alfonso Rueda anunciou o adianto das eleccións ao Parlamento Galego déronse a coñecer preto de 15 enquisas de intención de voto. Que nos dis estas sondaxes? Se tivesemos que resumir os datos de todos estes traballos demoscópicos, habería que concluír que case todos eles outorgan a maioría absoluta a PP e non presentan opcións de cambio do Goberno da Xunta. Tan só a enquisa publicada polo CIS a pasada semana ofrece esa posibilidade, mentres que ningunha das demais prevé que os populares baixen de 38 escanos.

Porén, todas as enquisas, sen excepción, prevén que o PP reciba unha porcentaxe de voto inferior á do ano 2020 e sitúan os populares, no mellor dos escenarios, repetindo os 42 escanos acadados hai catro anos. A maior parte dos traballos estiman que Rueda se situará entre 39 e 41 escanos, o que quere dicir que a perda dun escano en cada provincia (mesmo podería abondar con que isto sucedese apenas en dúas ou tres das circunscricións) suporía a desaparición da maioría absoluta conservadora.

O BNG é a forza para a que as enquisas publicadas ofrecen resultados máis diversos. Así, fronte a 7 sondaxes que prognostican un ascenso, tres prevén que manteña os actuais 19 deputados e outras catro apuntan mesmo un leve descenso. O Bloque moveríase nunha marxe moi ampla, entre os 16 (-3) e os 23 escanos (+4)

De aí que o PP, malia contar con números suficientes para manter o Goberno da Xunta, ofreza internamente sinais de nerviosismo, con apelacións á concentración do voto da dereita ante as nulas opcións de acadar representación de VOX (tan só un dos traballos ofrece esa posibilidade) e continuas dúbidas entre a estratexia máis axeitada para a campaña: se a galeguización das eleccións defendida por Rueda ou a estatalización pola que aposta o partido en Madrid, buscando unha "segunda volta" das Xerais do 23X.

No que tamén coinciden as enquisas publicadas ata o momento é no liderado do BNG na alternativa de esquerda. A maior parte das sondaxes prevén un ascenso do Bloque, que mesmo podería chegar aos 23 escanos previsos por GAD3 e tamén polo CIS na parte máis alta do rango. 

A maior parte das enquisas prevén movementos moi cativos para o PSdeG, con tres traballos que apuntan un leve descenso, outros tres que sinalan un mantemento dos actuais 14 escanos e oito que esperan unha suba que nos máis dos casos se limita a un ou dous escanos

O BNG é, con todo, a forza política para a que as enquisas publicadas ofrecen resultados máis diversos. Así, fronte a 7 enquisas que prognostican un ascenso, tres prevén que manteña os actuais 19 deputados e outras catro apuntan mesmo un leve descenso. Deste xeito, o Bloque moveríase nunha marxe moi ampla, entre os 16 (-3) e os 23 escanos (+4).

Máis estables son as percepcións para o PSdeG, que chega a subir ata 17 escanos (+3) nos traballos de SigmaDos, Infortécnica ou CIS, pero que baixa ata 12 (-2) nos de GAD3 ou TargetPoint. Porén, a maior parte das enquisas prevén movementos moi cativos nas opcións socialistas, con tres traballos que apuntan un leve descenso, outros tres que sinalan un mantemento dos actuais 14 escanos e oito que esperan unha suba que nos máis dos casos se limita a un ou dous escanos.

Das 14 enquisas publicadas, catro deixan a Sumar sen representación, seis aseguran a consecución de un ou dous escanos e as catro restantes deixan aberto o abano, entre 0 e 1 ou 0 e 2 deputados e deputadas

En canto a Sumar, o límite do 5% actúa como unha espada de Damocles para a formación de esquerda. Acadar o 5% nas provincias da Coruña e Pontevedra (o que se traduce nun 4,3 nas estimacións a nivel galego) garante un escano en cada circunscrición e unha centésima menos supón un completo fracaso. Das 14 enquisas publicadas, catro deixan a Sumar sen representación, seis aseguran a consecución de un ou dous escanos e as catro restantes deixan aberto o abano, entre 0 e 1 ou 0 e 2 deputados e deputadas.

Son moitas as enquisas publicadas que non ofrecen estimacións para Democracia Ourensana, o que deixa aberta a dúbida ben sobre as súas opcións reais, ben sobre a profundidade dos estudos. Tan só catro das sondaxes prevén a posibilidade de que a formación liderada por Gonzalo Pérez Jácome. Con todo, cómpre lembrar que a última vez que DO se presentou ás eleccións galegas, en 2016, obtivo o 4,41% na provincia e ficou a uns 2.500 votos que acadar o 6% necesario para obter un escano.

Finalmente, ningunha das sondaxes publicadas outorga ningunha opción a Podemos (cuxas estimacións mesmo se sitúan por debaixo do 1% en varios traballos) e só unha (a sondaxe de Hamalgama Métrica publicada por VozPópuli) dá escano a VOX.

Son moitas as enquisas publicadas que non ofrecen estimacións para Democracia Ourensana, o que deixa aberta a dúbida ben sobre as súas opcións reais, ben sobre a profundidade dos estudos

O luns 12 é o derradeiro día no que se poden difundir enquisas electorais para o 18F. Ata ese día asistiremos a un longo ronsel de traballos publicados, que ofrecerán seguramente visións e resultados moi distintos. Coñecidos son os nesgos e distorsións que presenta cada empresa (os house effects), que adoitan manterse no tempo. Polo tanto haberá que ver, sobre todo, a evolución que presentan os inquéritos. Moitas veces o máis interesante das sondaxes non son as estimacións ofrecidas, senón a evolución que presentan en relación aos traballos publicados anteriormente pola mesma casa.

A media das 14 enquisas publicadas outorga 39,75 escanos ao PP, menos de dous por riba da maioría absoluta

Se analizamos o dato da estimación de escanos (hai varios traballos que non ofrecen estimación da porcentaxe de voto de cada candidatura), a media das 14 enquisas publicadas outorga 39,75 escanos ao PP, menos de dous por riba da maioría absoluta. O BNG, cunha pequena suba, acadaría 19,68 escanos (19,5 no dato da mediana, o valor intermedio). O PSdeG tamén melloraría de forma leve, cunha media de 14,57 escanos (15 no valor da mediana). A media acadada por Sumar (0,82, cunha mediana de 1) amosa a fronteira na que se move a formación entre acadar representación ou ficar fóra do Parlamento.

Os valores da varianza e da desviación típica amosan a rechamente diversidade que ofrecen as estimacións de voto para o BNG, fronte á estabilidade das achegadas para as restantes formacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.