Rueda, acompañado do presidente andaluz, rexeita a "soberbia" da esquerda e proclama: "sabemos gobernar"

Rueda e Moreno Bonilla en Santiago no mitin deste sábado © @JuanMa_Moreno

Para cargar contra o BNG, que o PP presenta xa abertamente como o seu principal contrincante, a número 2 do partido, Paula Prado, renega dun dos dous topónimos do país: "Galicia non é Galiza, é Galicia"

O candidato do PP a repetir na presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, estivo acompañado este sábado do presidente andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla, co que compartiu varios mitins, un deles en Santiago. Nel Rueda asegurou que os populares "non somos a esquerda soberbia que non ten nada que aprender", e apenas uns segundos despois proclamou: "nós sabemos gobernar".

Nas últimas xornadas o PP vén presentando abertamente o BNG como o seu principal contrincante, e nesa liña proseguiu este sábado Rueda pola vía de asegurar o contrario e dicir que os nacionalistas están débiles. "Que mal están que rescataron a vella gloria de Beiras", dixo, para pedir á formación nacionalista "que sexa valente e traia a Otegi". "Somos nós ou son eles, é seguir co sentidiño, coa estabilidade, co seguir facendo cousas, ou ese barullo que vemos noutros sitios e que queren traer aquí", asegurou.

Rueda e Moreno Bonilla en Santiago no mitin deste sábado 10 de febreiro de 2024 © PPdeG

Moreno Bonilla di que quixo ser presidente de Andalucía "para facer o que estaban a facer os populares en Galicia"

Antes de Rueda interveu Moreno Bonilla, quen foi fundamental para abrir a Rueda as portas da presidencia da Xunta ao elevar hai dous anos a Feijóo por aclamación á presidencia estatal do PP grazas ao peso conxunto das agrupacións de Galicia e Andalucía. Unha comunidade que precisamente busca que o peso da súa poboación condicione un novo modelo de financiamento autonómico distinto ao que di querer o PP galego, que fai fincapé no avellentamento. Malia a iso, este sábado Rueda preguntouse e respondeuse se "acaso para que a Galicia lle vaia mellor é necesario que a Andalucía lle vaia peor? Non."

Moreno Bonilla asegurou que hai anos el quixo ser presidente de Andalucía "para facer o que estaban a facer os populares en Galicia". E asegurou que o PPdeG é "unha gran familia que integrou a toda a sociedade galega cun obxectivo común de facer desta terra unha das máis prósperas de Europa".

Antes de Moreno Bonilla falou tamén no mitin a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen asegurou que o 18F "hai dúas alternativas, unha que funciona, a do PPdeG, que non é alternativa, é a continuidade da estabilidade, do sentidiño" e enfronte outra alternativa que presentou como liderada por un BNG que asegura que quere "botar de Galicia a Garda Civil e a Policía Nacional", en referencia á promesa de desenvolver a Lei de Policía de Galicia, aprobada en 2007.

Prado tamén criticou o uso polo BNG dun dos dous topónimos válidos para referirse a Galicia, o de Galiza. "Galicia non é Galiza, é Galicia", asegurou a popular.

Rueda e Moreno Bonilla en Santiago no mitin deste sábado 10 de febreiro de 2024 © PPdeG

O mitin abriuno o portavoz municipal do PP, Borja Verea, quen advertiu de que "o noso maior adversario non é ese BNG máis radical que nunca, non é ese PSOE que manda a Galicia a 20 ministros, o noso maior adversario é o exceso de confianza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.