Rajoy fai campaña nun centro de maiores da Xunta en Santiago

Mariano Rajoy, Paula Prado e Borja Verea facendo campaña este venres 9 de febreiro no Centro Sociocomunitario de Santiago, da Consellería de Política Social © PPdeG

A Consellería de Política Social di que os centros sociocomunitarios "son instalacions abertas a todo o público"

Varios altos cargos do PP, entre eles o ex-presidente Mariano Rajoy, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, ou o portavoz do partido en Santiago, Borja Verea, fixeron campaña este venres nun centro sociocomunitario de maiores da Xunta en Compostela. O Goberno galego asegura que nese tipo de centros pode entrar calquera persoa sen autorización.

Foi o propio PP quen divulgou imaxes da visita de Rajoy e o resto de cargos populares ao centro da Xunta. O cabeza de lista pola provincia da Coruña, Diego Calvo, vicepresidente primeiro do Goberno galego, mesmo divulgou un vídeo musical da visita na súa conta de Instagram. 

A visita produciuse no marco dun paseo electoral con reparto de propaganda polo centro de Santiago no que os populares visitaron a Praza de Abastos e conversaron con viandantes. Nese recorrido estiveron tamén no Centro Sociocomunitario de Santiago, situado na Porta do Camiño, a carón do casco histórico. Segundo o Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta, o centro, de atención diúrna, é de titularidade autonómica e está xestionado directamente pola Consellería de Política Social. 

Cargos da Xunta veñen visitando centros de maiores de xeito reiterado desde a convocatoria das eleccións

Este diario preguntou á consellería se autorizou ese acto, se controla dalgún xeito o acceso aos seus centros e se pode facer campaña nese ou noutros centros calquera outro partido ou candidato. A resposta de Política Social é que "os centros sociocomunitarios son instalacións abertas a todo o público, polo que non é necesario autorizar a entrada ou saída de ningunha persoa".

Rajoy, Prado e Verea durante o paseo electoral deste venres © PPdeG

Ademais desta visita de Rajoy e outros cargos do PP, centros de maiores de toda Galicia veñen recibindo visitas reiteradas de diversos cargos da Xunta desde que se convocaron as eleccións. Segundo un recompilatorio feito por este diario, só durante a precampaña, desde a convocatoria e ata o comezo da campaña o 2 de febreiro, foron 27 as visitas a centros de maiores repartidos por 22 concellos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.