Rueda, a conselleira de Política Social, altos cargos dese departamento e ata o conselleiro do Mar acudiron a residencias ou centros de día nun total de 22 concellos
Desde que o pasado 26 de decembro o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria das eleccións do 18 de febreiro diversos altos cargos da Xunta realizaron xa dentro das súas axendas oficiais públicas cando menos 27 visitas a centros de maiores repartidos por 22 concellos de toda Galicia. Esas visitas non só estiveron protagonizadas por altos cargos directamente vinculados con ese tipo de centros senón que ata o conselleiro do Mar visitou unha residencia en Cervo, a vila da que foi alcalde.
Visitas da Xunta a residencias de maiores antes do 18F
-
A conselleira de Política Social nunha residencia de Bergondo o 26 de xaneiro -
O xerente do Consorcio de Servizod de Igualdade e Benestar nun centro de día en Xinzo de Limia o 25 de xaneiro -
A conselleira de Política Social nunha casa do maior en Moraña o 24 de xaneiro -
O director xeral de Maiores nun centro de maiores en Sarreaus o 23 de xaneiro -
A conselleira de Política Social nunha residencia de maiores en Teo o 21 de xaneiro -
A conselleira de Política Social nunha residencia de maiores en Santiago o 20 de xaneiro -
O director xeral de Maiores nunha casa do maior en Castrelo de Miño o 18 de xaneiro -
O director xeral de Maiores nunha casa do maior en Boqueixón o 12 de xaneiro -
O xerente do Consorcio de Servizod de Igualdade e Benestar nun centro de día en Tomiño o 4 de xaneiro -
O xerente do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar nun centro de día en Ponteareas o 3 de xaneiro -
O xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar nun centro de día para maiores en Pantón o 7 de febreiro -
A conselleira de Política Social nun baile no centro sociocomunitario de Santiago este xoves 15 de febreiro
A xeira de visitas iniciouna ao día seguinte da convocatoria electoral o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que o 27 de decembro visitou en Nigrán ás persoas maiores usuarias do programa Xuntos polo Nadal. Despois virían visitas a centros de Portas, Mos, Lugo, Ourense, O Carballiño, Viveiro, Ferrol, Boqueixón, Val do Dubra, Gondomar, A Coruña, Teo, Cervo, Moraña, Xinzo de Limia, Bergondo, Sarreaus, Ortigueira ou Láncara. En Castrelo de Miño chegou a haber neste tempo tres visitas distintas e en Santiago e Arteixo dúas.
Estas visitas foron protagonizadas polo presidente Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García, en seis ocasións; e altos cargos responsables das áreas de Maiores, Discapacidade e do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, así como os delegados da Xunta en Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Pero entre as visitas a residencias mesmo houbo unha do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, o 22 de xaneiro á residencia e centro de día San Ciprián en Cervo, vila da que foi alcalde. Para este martes convocara o mesmo Villares na súa axenda oficial outra visita a unha residencia, desta volta a de DomusVi en Outeiro de Rei, pero foi posteriormente desconvocada.