O PP está sendo o partido ao que máis deixan en evidencia as resolucións do órgano encargado de velar pola limpeza dos comicios, pero de momento sen chegar a abrir ningún expediente sancionador
As xuntas electorais son os órganos encargados de "garantir a transparencia e obxectividade dos procesos electorais e do principio de igualdade" entre forzas políticas. No caso das eleccións do 18 de febreiro a Xunta Electoral Galega, composta por maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e por profesores universitarios, xa emitiu varias resolucións pronunciándose sobre denuncias formuladas por varias formacións políticas contra outras ou contra a Xunta por supostas vulneracións da lexislación electoral.
De momento o PP está sendo o partido ao que máis deixan en evidencia estas resolucións, que poden ser recorridas ante a Xunta Electoral Central. Pero tamén de momento ningunha das resolucións, mesmo censurando directamente actuacións concretas, supuxo aínda a apertura de ningún expediente sancionador.
A primeira denuncia ante a Xunta Electoral formulada desde a convocatoria das eleccións para o 18F, momento no que comezan a aplicarse prohibicións como a de non facer inauguracións nin publicitar logros das administracións, presentouna o PP o 28 de decembro contra a Deputación da Coruña, gobernada por PSdeG e BNG, por enviar cartas a domicilios detallando investimentos da institución en cada concello da provincia. A Xunta electoral desbotou a denuncia do PP porque as cartas enviáranse antes de coñecerse a convocatoria dos comicios.
Similar desestimación tivo outra denuncia do PP do 5 de xaneiro, desta volta contra o BNG por publicar en redes sociais críticas contra a Xunta e os populares. A Xunta Electoral arquivou igualmente a denuncia e considerou esas publicacións como parte da actividade ordinaria dun partido político, que pode criticar nas súas propias redes sociais ao resto de formacións se non solicita o voto para si mesmo antes do inicio da campaña electoral propiamente dita, o 2 de febreiro.
Si tivo máis sorte o PP na súa seguinte denuncia, o 9 de xaneiro, contra a visita que fixo o ministro de Transportes, Óscar Puente, a Vigo a bordo dun tren de alta velocidade acompañado dos Reis Magos. A Xunta Electoral si entendeu que tanto o ministro como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "incorreron nas prohibicións" establecidas na lei electoral xa que "se ben non se cuestiona" que Puente puidera viaxar nun tren de probas no marco da próxima posta en servizo da alta velocidade a Vigo, o acto posterior na propia estación tivo "carácter electoralista". A presenza nel "dun dos candidatos á Presidencia da Xunta", en referencia ao socialista José Ramón Gómez Besteiro, "non pode reputarse casual", di a Xunta Electoral, que tamén censura que as declaracións de ministro e alcalde "evidencian eloxios aos logros obtidos en materia de infraestruturas e teñen indubidables connotacións electoralistas".
Por isto, a Xunta Electoral considera que houbo "violación dos principios de neutralidade dos poderes públicos e de igualdade entre os actores electorais". Pero "unha vez ponderadas as circunstancias concorrentes", e malia estimar parcialmente a denuncia do PP, decidiu non incoar ningún expediente sancionador.
O PP xa foi apercibido tamén por carteis nas rúas contra outros partidos e por pedir o voto en redes sociais facéndoo pasar por información sobre o voto por correo
A seguinte denuncia recibida pola Xunta Electoral foi formulada o 11 de xaneiro polo BNG contra a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta por difundir en Instagram bolsas de axudas para mocidade galega que vive no exterior empregando unha imaxe do propio Alfonso Rueda. A Xunta Electoral considerou que os anuncios "deben ser entendidos como campaña informativa, e polo tanto non son contrarios á lexislación electoral", pero viu tamén "convinte, non obstante, aclarar que a foto do Presidente da Xunta que acompaña a información publicitada resulta innecesaria para a consecución do fin pretendido". Como a Xunta retirou voluntariamente as imaxes, a resolución arquiva a denuncia sen incoar tampouco ningún expediente sancionador.
Outra censura ao PP chegou logo da denuncia presentada o 12 de xaneiro polo PSdeG por varios carteis dos populares en varias localidades que ao tempo que criticaban ao Goberno de España ou as desavinzas do resto de partidos políticos pedía "Teñamos Galicia en paz".
Neste caso, ao contrario das publicacións do BNG nas súas propias redes sociais, a Xunta Electoral tivo en conta que a lei prohibe "a realización de publicidade ou propaganda electoral mediante carteis" ou "soportes comerciais" ata o inicio da campaña electoral o 2 de febreiro. Por iso, considerou os carteis do PP como "insercións publicitarias encamiñadas á captación de sufraxios", actuación que "resultaría lexítima se se fixese dentro do perfil ou da páxina do partido, pero que ao tratarse dunha contratación comercial incorre na prohibición" legal. Porén, e malia instar a retirada dos carteis "de forma inmediata", a Xunta Electoral tampouco neste caso considerou necesario abrir un expediente sancionador.
A última denuncia resolta pola Xunta Electoral ata o momento de publicación desta información foi formulada tamén polo PSdeG contra o PP o 15 de xaneiro por publicacións nas súas redes sociais acompañadas de vídeos que baixo a escusa de informar á cidadanía do procedemento do voto por correo apelaban ao voto aos populares. As publicacións incluían a imaxe gráfica institucional da Xunta e mensaxes sobre o voto por correo como que "hai moitas papeletas que están disfrazadas, teñen diferentes siglas, pero está detrás o mesmo barullo e Pedro Sánchez", contrapoñendo que "tamén tes a papeleta do Partido Popular de Galicia".
A Xunta Electoral considerou que o PP "pretende camuflar como un anuncio informativo e de promoción do dereito ao sufraxio" unha actuación contraria á lei electoral ao incluír frases cun "claro carácter electoralista" e de "chamada ao voto en favor dese partido". A resolución estima a denuncia do PSdeG pero novamente, "ponderadas as circunstancias concorrentes", non considera adecuado abrir un expediente sancionador.