O pasado 20 de xullo faltaban tres días para as eleccións xerais e o Consello da Xunta celebraba a súa reunión semanal, a última antes dos comicios. Como é habitual, o presidente do Goberno galego compareceu ante a prensa tras esa xuntanza para dar conta dos asuntos tratados e, na quenda de preguntas, foi cuestionado polas expectativas electorais do PP tras os esvaróns sufridos polo seu candidato nos días previos, así como pola valoración do debate electoral celebrado a noite previa en RTVE, ao que Alberto Núñez Feijóo decidira non acudir.
Tres días antes das xerais, Rueda respondeu tras o Consello da Xunta que o PSOE daba mostras de "desesperación", subliñou que nos actos electorais do PP percibía ansias de "cambio" e deu a Feijóo como "gañador" do debate de RTVE ao que non foi
Malia á prohibición que, incluída hai unha década na lei electoral, impide usar "actos organizados ou financiados" polos "poderes públicos" para aludir "ás realizacións ou logros obtidos" ou "utilizar imaxes ou expresións coincidentes" coas dos partidos que concorren a cada elección dende que os comicios son convocados, Alfonso Rueda contestou con amplitude. Considerou, por exemplo, que o PSOE estaba a dar mostras de "desesperación" en previsión dun mal resultado electoral, comentou as ansias de "cambio" político que, dixo, viña "percibindo" nos "actos electorais" do PP ou afirmou que o debate do día previa o "gañara" quen "non estaba, Feijóo", cuxa vitoria o 23X deu por segura.
Estas declaracións foron denunciadas ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña, que o 31 de xullo acordou apercibir a Rueda por esta razón. O popular, disconforme co apercibimento, deu en recorrer ante a Xunta Electoral Central, que -tal e como adiantou a axencia Europa Press o pasado día 8- reafirma o apercibimento e desbota os argumentos formulados por Rueda, consistentes esencialmente en que a súa resposta dende o atril de San Caetano foi lanzada a título persoal e non como presidente da Xunta.
A Xunta Electoral Central responde a Rueda que alegar que falou a título persoal dende o atril de San Caetano implica admitir a "utilización inadecuada de recursos públicos" a prol do PP e "se así fose", advírteno, "quedaría deslexitimado" que a Asesoría Xurídica da Xunta o defendese, como así sucedeu
Na súa sesión do pasado 7 de agosto, a Xunta Electoral Central abordou o recurso interposto pola Xunta contra o apercibimento a Rueda. Nel, o Goberno galego reclamaba "anular o acordo" da Xunta Electoral coruñesa por "indefensión" do presidente e, en todo caso, que o supervisor electoral declarase que "as manifestacións" do xefe do Executivo galego non vulneraran a lei electoral.
Na defensa do presidente, a Xunta xustificou que as declaracións de Rueda dende o atril de San Caetano en resposta a xornalistas "non se efectúan no desempeño da actividade institucional propia dunha autoridade pública nin se suscita confusión ningunha nese sentido". Porque, argumenta, "solicitáranlle a súa opinión persoal e se limita a emitila sen que poida levar a erro a ningún observador neutral de que se trata dunha resposta oficial da Presidencia da Xunta de Galicia como autoridade ou poder público".
Se así fose, responde a Xunta Electoral, estaría "recoñecendo a utilización inadecuada de recursos públicos en beneficio dunha determinada formación política, que é precisamente o que prohibe" a lei electoral. Ademais, abonda a XEC, "se así fose, quedaría deslexitimada" a actuación da Asesoría Xurídica da Xunta "en representación e defensa do señor R.V. [Rueda Valenzuela], que non do presidente da Xunta de Galicia".
A XEC conclúe que Rueda "incorreu en falta de dilixencia debida para evitar a introdución de manifestacións (...) electoralistas" nun acto institucional e ínstano a non repetilo
Fronte a esta "contraditoria alegación", a XEC conclúe que, "igual que noutras vulneracións parecidas" do mesmo artigo por parte "doutros altos cargos", "o presidente da Xunta (non o presidente do Partido Popular de Galicia) incorreu en falta de dilixencia debida para evitar a introdución de manifestacións con connotación electoralista no curso dun acto institucional, como é a rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno" onde actúa "sempre como presidente dunha comunidade autónoma e non a título persoal nin como alto cargo dun partido político". Iso sucede, abonda, "mesmo cando -no marco e cos recursos propios que ten asinados como presidente da Xunta- emite unha opinión propia do alto cargo dun partido político".
A XEC conclúe o seu acordo sobre Rueda -no que non identifica o denunciante- "recordando" que "os altos cargos das Administracións Pública están ao servizo de todos os españois" e polo tanto "está prohibido o uso arbitrario en beneficio dunha determinada facción política dos recursos institucionais que teñen asignados". Por isto, rematan, estivo "xustificado" que a Xunta Electoral da Coruña instase a Rueda a que "en futuros actos institucionais extreme a súa dilixencia para evitar vulnerar o principio de neutralidade que os poderes públicos están obrigados a respectar durante o proceso electoral". Por un recente apercibimento semellante á ministra de Política Territorial en funcións, a socialista Isabel Rodríguez, o vicesecretario de organización do PP e cabeza de cartel do partido pola Coruña, Miguel Tellado, esixiu a súa dimisión.