Good Bye, Xunta

Feijóo desfila canda Rueda pola Festa do Albariño de Cambados, este 6 de agosto CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Hai agora vinte anos, Wolfgang Becker estreou Good Bye, Lenin!. Naquel filme o realizador relataba a historia de Alexander (Daniel Brühl), un mozo residente na RDA que, a través de diversas simulacións, tentaba evitar que a súa nai, acabada de espertar tras oito meses en coma, se decatase da caída do Muro de Berlín, da reunificación alemá, da implantación do capitalismo no país ou dos acontecementos que conducían á fin da Unión Soviética.

A Ofrenda da Casa Real ao Apóstolo o 25 de xullo e a Festa do Albariño de Cambados serviron a Feijóo para protagonizar actos, xestos e declaración en situacións semellantes aos seus anos de presidente, pero sen selo

O pasado 25 de xullo, cando non transcorreran nin corenta e oito horas dende a fin do reconto provisional das eleccións xerais, Alberto Núñez Feijóo xa estaba en Galicia. Aproveitando a normativa en materia de protocolo que lle permite figurar en lugares preeminentes dos actos oficiais malia non ser presidente, formou na compostelá Praza do Obradoiro ao carón de autoridades como o presidente do Parlamento. Despois sentou no primeiro banco da Catedral durante a Eucaristía pola Ofrenda da Casa Real ao Apóstolo Santiago e atravesou a praza xunto a Alfonso Rueda, delegado do rei no acto, para asistir á recepción do Concello no Pazo de Raxoi.

Feijóo, como '"gran mestre" do "capítulo serenísimo" do Albariño, 'inviste' como cabaleiro desa entidade ao conselleiro Román Rodríguez, este 6 de agosto de 2023 en Cambados CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Neste pequeno paseo polos apenas 50 metros que separan a basílica do consistorio, Feijóo foi saudado por algúns turistas e fixo algún selfie. Por uns minutos, o ambiente non era moi distinto a aquel tempo no que, en días coma eses, medios con sede en Madrid enviaban correspondentes para interpelar o presidente da Xunta sobre algún asunto da actualidade e sinalar o barón gallego como figura de contraste positivo, por moderación e xestión, fronte a Mariano Rajoy ou Pablo Casado, segundo o momento.

Estes días, Feijóo combina a súa estancia vacacional en Galicia con aparicións públicas como a de Cambados, onde saudou como "avance no constitucionalismo" que Vox ofreza o seus votos se concorre á investidura

Pero o pasado 25 de xullo polo que lle preguntaron a Feijóo baixo os soportais de Raxoi foi polos resultados do 23X, pero tamén pola negativa do PNV a negociar con el, ratificada horas antes. O ex-presidente dixo aquel día qu era unha "conclusión precipitada" afirmar que non tiña apoios para ser investido e apelou a acordos entre os "partidos de Estado" en referencia ao PP pero tamén ao mesmo PSOE ao que descualificara como "Partido Sanchista" durante as semanas previas. A súa expresión facial era ben distinta á doutros 25 de xullo. Houbo quen advertiu abatemento.

Esta pasada fin de semana, tras días nos que o PP cargou con dureza contra Pedro Sánchez por coller vacacións -o presidente en funcións viaxou a Marrocos-, Feijóo combinou a súa estancia vacacional en Galicia con algunha aparición pública. Primeiro en Porto do Son e despois, este domingo, en Cambados aproveitando outra volta os devanditos recursos protocolarios e mais a súa condición de integrante do Capítulo Serenísimo da Festa do Albariño.

Na vila do Salnés, coa capa festiva aos ombros, Feijóo volveu desfilar canda Rueda, saudou turistas, foi fotografado e mesmo entregou diplomas coa súa sinatura ás persoas homenaxeadas pola organización da festa -entre elas, o conselleiro Román Rodríguez-, na que exerceu como "gran mestre" do Capítulo Serenísimo. Xestos, fotografías e atención mediática nun domingo por veces semellante aos dos trece agostos que viviu como presidente da Xunta. Pero sen selo.

Mesmo co PP captando o voto de Coalición Canaria, a investidura segue pasando polo independentismo catalán

Alí, a preguntas da prensa, saudou que Vox ofrecese o apoio dos seus deputados se concorre á investidura -así o pactou coa extrema dereita na reunión que tivo con Santiago Abascal despois do 23X, segundo transcendeu- e aplaudiuno como un "avance no ámbito do constitucionalismo". Reiterou que busca un "goberno en solitario do PP", lamentou que o PSOE non o "felicitase por gañar as eleccións" e acusou a Sánchez de estar "desaparecido". Case como cando era presidente, pero sen selo.

Este luns de agosto, como naqueloutros trece, hai titulares en Galicia con declaracións de Feijóo. Tamén na prensa de ámbito estatal, á que o PP suxire que vai captar tamén o voto de Coalición Canaria e que estaría en condicións de presentar o seu líder á investidura con máis apoios que Sánchez. 

Os números, non obstante, indican que mesmo coa formación canaria desfacendo o eventual empate a 171 votos a prol de Feijóo, a investidura pasa pola colaboración do independentismo catalán de Junts. Só nese -a priori, improbable- caso o líder do PP podería retirar o prefixo "ex-" do cargo de presidente e actualizar o seu álbum de imaxes presidenciais sen ter que recorrer a xestos e eventos raianos coa ficción.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.