Sintonía de goberno entre Sánchez e Díaz mentres Abascal promete prioridades negacionistas se a dereita suma

Santiago Abascal, Xabier Fortes, Yolanda Díaz e Pedro Sánchez, no inicio do debate de RTVE, este 19 de xullo de 2023 CC-BY-NC-ND PSOE

Na noite deste 19 de xullo o servizo de mensaxería instantánea WhatsApp sufriu unha caída de servizo. Sucedeu mentres, nas pantallas e altofalantes de Radio Televisión Española, o líder de Vox expuña boa parte da materia prima dos argumentarios de extrema dereita que adoitan espallarse a través desa rede.

En ausencia de Feijóo, Abascal aproveitou a súa representación exclusiva da banda dereita para expoñer as prioridades negacionistas que trasladaría ao Goberno de España se logra chegar xunto ao PP

En ausencia de Alberto Núñez Feijóo, que se negou a acudir malia ao convite de RTVE, Abascal aproveitou a súa representación exclusiva da banda dereita para expoñer as prioridades negacionistas que trasladaría ao Goberno de España se logra chegar a el da man do PP. De supostas conspiracións asociadas á Axenda 2030 a ataques á protección das persoas trans ou LGBTIQ, pasando por prometer derrogar a lexislación para combater a crise climática e, sobre todo, negar a existencia da violencia machista.

O carril da dereita estivo ocupado por un único contendente mentres Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, no nome do PSOE e Sumar, expuxeron sintonía de Goberno no encontro moderado polo xornalista Xabier Fortes. As coincidencias e xestos de afinidade entre ambos dirixentes da esquerda foron claras, especialmente en aspectos como a defensa da reforma laboral ou das políticas sociais e, en xeral da acción do Goberno de coalición do PSOE e UP, aínda que menos intensas ao rebater as mentiras lanzadas por Abascal contra a lei trans.

Os líderes de PSOE e Sumar amosan a súa vontade de seguiren gobernando xuntos e advirten dos riscos que suporía a dereita para a clase traballadora ou o combate fronte á crise climática e a violencia machista

Esa coincidencia tamén foi patente á hora de destacaren os riscos que entrañaría un goberno da dereita á hora de loitar contra a violencia machista, cuestión que deu lugar a un dos momentos máis tensos do debate. "Deixe de rir de nós", esixiu Díaz a Abascal en referencia a dous edís da extrema dereita que se desmarcaron entre sorrisos dun minuto de silencio por unha muller asasinada. "Sabe por que nos matan? Porque somos mulleres e vostedes, negando a violencia sobre as mulleres, provocan isto", remarcou.

"A igualdade de xénero non é unha ideoloxía, é unha cuestión de dereitos humanos", enfatizou Sánchez nun bloque no que, advertiu, ese obxectivo tamén se procura con accións da esquerda como subir o salario mínimo, revalorizar as pensións ou mellorar a lei de depdencia. "Iso está en risco se gobernan o PP e Vox", advertiu o candidato socialista á reelección.

Construír 183.000 novas vivendas protexidas e "rehabilitar a escala masiva", pola banda do PSOE, ou incorporar novas prestacións á sanidade pública como fisioterapia ou maior atención á saúde mental e bucodental, pola banda de Sumar, foron propostas que salferiron tamén as intervencións de Sánchez e Díaz. Todo, nun debate no que se brindaron con claridade a volveren gobernar xuntos se o xogo de maiorías o permite. 

Menos claro se amosou Abascal ao ser cuestionado sobre o seu eventual acordo co PP. O líder de Vox, non obstante, evitou dedicar ataque ningún ao ausente Feijóo e, ao ser cuestionado por Díaz e Sánchez sobre a súa opinión a respecto das relacións do ex-presidente da Xunta co narco Marcial Dorado, optou por non responder porque Feijóo, dixo, "non pode defenderse".

Minutos finais

O debate rematou con intervencións finais dun minuto dos tres participantes. Na súa, Díaz apelou directamente á cidadanía: "Necesitámoste a ti, é por ti, polos traballadores, pola mocidade, pola xeración do meu pai pero tamén pola da miña filla, o domingo vota por ti", dixo.

Abascal, Díaz e Sánchez, no debate de RTVE deste 19 de xullo CC-BY-NC-ND PSOE

Abascal insistiu no seu minuto final en cargar contra "un goberno que quere ocultar a realidade, que somos máis pobres, menos libres e que estamos divididos". E presentou Vox como garantía dunha mudanza de políticas, antes de rematar cun sonoro "boas noites e viva España".

A última intervención foi a de Sánchez, que lembrou diversas cuestións polas que pediu o voto para o PSOE hai catro anos e presentou sobre cada unha delas novos retos para a próxima lexislatura. Tamén pediu o voto "para que gañe a verdade e perda a mentira. "Pídolles o voto para o partido socialista, adiante", rematou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.