A Xunta Electoral ordena o PP retirar imaxes co emblema do Goberno galego da web da campaña de Feijóo

Imaxes da actividade oficial do Goberno galego -en destaque- na web electoral do PP, xa retiradas por orde da Xunta Electoral de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Durante semanas, o PP inseriu no sitio web que creou para promocionar a imaxe do seu candidato cara ás eleccións galegas diversos textos sobre a actividade de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Ían acompañados das mesmas imaxes e fotografías que as divulgadas polo servizo de comunicación do Goberno galego aos medios e á cidadanía en xeral a respecto dos propios actos. Entre elas figuraban, por exemplo, a imaxe corporativa da Xunta sobre a concesión das Medallas Castelao ou a participación do candidato, na súa condición de presidente, nun acto de Iberdrola en Navantia. Nalgunhas delas era visible o emblema da Xunta de Galicia e outras marcas e símbolos oficiais da institución

A Xunta Electoral acepta a denuncia do PSdeG no relativo á inclusión de imaxes co logotipo da Xunta na web do PP e ordena a súa retirada sen impoñer sancións

O pasado 25 de xuño, na véspera do comezo da campaña electoral, o PSdeG dirixiuse á Xunta Electoral de Galicia para denunciar estes contidos apelando a varios artigos da lei electoral. A autoridade electoral desbotou parte dos argumentos dos socialistas -os que apelaban á prohibición de publicitar logros de Goberno en período electoral dende os propios Executivos- por ser un espazo web do partido e non da Xunta, pero si acolleu o resto da denuncia precisamente polo mesmo motivo: o PP non pode empregar os emblemas da Xunta con fins electorais.

Mitin do PP na Rúa, este 26 de xuño CC-BY-SA PPdeG

"A difusión por unha formación política dos logros do goberno, realizada con medios do propio partido", neste caso un sitio web, "nunca pode entenderse contraria" á lei electoral, sinala a resolución datada neste 26 de xuño. A mesma si acredita, non obstante, que nese sitio web do PP "se recollen novas acontecidas durante o ano en curso e nas mesmas aparece o emblema do Executivo autonómico Xunta de Galicia. "En dúas delas, en concreto no apartado dedicado ás Medallas Castelao e á [campaña] Galicia sempre volve, nas que se exhibe na marxe dereita superior o emblema da Xunta".

A Xunta Electoral baséase na súa propia orde do pasado marzo, cando ordenou ao PP retirar logotipos da Xunta dun vídeo de precampaña: "O que se cuestiona é a apropiación dunha institución galega nun vídeo de presentación do candidato do PP"

Para resolver, a Xunta Electoral de Galicia remítese á súa propia doutrina de hai apenas tres meses, cando prohibiu ao PP utilizar o logotipo do Goberno galego no seu vídeo musical de precampaña. "Sen cuestionar a difusión por un partido político de logros ou actuacións levadas a cabo dende o Goberno" e tampouco "a difusión de imaxes do presidente da Xunta e candidato do Partido Popular", sinala, "o que se cuestiona é a apropiación dunha institución galega, a Xunta de Galicia, nun vídeo de presentación do candidato do Partido Popular".

Aquela decisión, lembran, estivo motivada pola "posible confusión implícita que nos electores puidera provocar" entre "a entidade política 'Partido Popular' e a institución autonómica 'Xunta de Galicia', máis aínda porque o vídeo fora difundido antes da propia campaña. Unha vez examinada a denuncia do PSdeG, conclúen, a Xunta Electoral debe asumir o seu propio criterio e entende que "o uso do emblema Xunta de Galicia na web do candidato do PP pode causar confusión nos electores", polo que "se ordena retiralo" da mesma.

Este apercibimento, igual que o relativo ao vídeo da precampaña, non implica sanción ningunha para o PP. Este 26 de xuño esas novas coas imaxes que incluían o logotipo da Xunta xa desapareceran do sitio web electoral do partido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.