O candidato popular anuncia un centro autonómico de acollida de animais, actividade que ata agora viñan realizando os concellos
O programa electoral do PPdeG nada concreta ao respecto, limitándose ao seguinte: "Fomentaremos a adopción de animais de compañía abandonados". Pero este venres o candidato popular, Alfonso Rueda, foi máis alá e, na liña de anunciar todo tipo de bonos ou subvencións públicas para diversos colectivos, como fixo aínda o martes cun bono deportivo para maiores de 65 anos, comprometeu axudas da Xunta para os primeiros gastos sanitarios de quen adopte unha mascota.
Foi en Ponteareas, onde visitou unha clínica veterinaria, onde lanzou a nova promesa. "O noso compromiso é ofrecerlle a vacina e o microchip a todos os que acollan unha mascota adoptada, porque se producen moitos abandonos", dixo Rueda.
Rueda tamén avanzou que "ao mesmo tempo queremos poñer en marcha un centro autonómico de acollida de animais, conscientes dos esforzos que se están facendo en moitos lugares, concellos que dan esa atención". Igualmente, asegurou que construirá parques para cans en concellos de máis de 20.000 habitantes.
Dentro das competencias da Xunta na materia, o pasado outubro un ataque informático deixou expostos datos persoais e documentos do rexistro de mascotas da Consellería de Medio Ambiente.