Rueda promete outro bono deportivo de 100 euros, agora para maiores de 65 anos

Rueda saúda unha muller no ximnasio do complexo La Solana, na Coruña CC-BY-SA PPdeG

Un bono máis. O presidente da Xunta e candidato do PP á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este martes na Coruña tras unha visita a un complexo deportivo o Bono Actívate, unha axuda universal de 100 euros para contribuír a gastos que a práctica deportiva ocasione ás persoas maiores de 65 anos.

Serán 100 euros que se poderán utilizar para pagar as cotas do ximnasio, as clases deportivas ou o material deportivo co obxectivo de fomentar a práctica do deporte "ata que un queira". Rueda insistiu en destacar o carácter universal dunha axuda na que non se terá en conta "nin renda nin grao de dependencia", á vez que subliñou que, aínda que ninguén vai realizar deporte exclusivamente por unha medida coma esta, si considera que pode servir para "mobilizar" e favorecer as opcións de manterse activos.

Rueda saúda o ex-xogador do Deportivo Dagoberto Moll no ximnasio do complexo La Solana, na Coruña CC-BY-SA PPdeG

Rueda anunciou o Bono Actívate, outra axuda universal que "non ten en conta nin renda nin grao de dependencia" para sufragar os gastos deportivos dos maiores de 65 anos

"Igual que axudamos as familias con menores de 16 anos que practican algún deporte federado ou no programa Xogade co Bono Deporte, é de xustiza facelo tamén coa xeración que o deu todo e achegou os recursos que fan posibles medidas como esta", defendeu o presidente galego sobre a nova medida, tras destacar o éxito da axuda para menores federados a pesar de ser "criticada".

"Pero o Bono Deporte foi unha boa idea, aínda que dicían que era unha chapuza e que a xente non o ía a entender. Con todo, dos 120.000 bonos que previamos inicialmente, debemos estar xa polos 115.000. Cando as cousas se expoñen ben, hai unha necesidade detectable e actuamos, as familias aprovéitano", reivindicou o xefe do Executivo galego.

Rueda fixo o anuncio en La Solana, complexo deportivo nuns terreos que o TSXG vén de ratificar como públicos logo de que o goberno local do PP en 2013 mudase o PXOM para tornalos en privados

Rueda fixo este anuncio logo de visitar o club deportivo de La Solana, no centro da Coruña, unhas instalacións xurdidas logo de que nos anos 40 un grupo de empresarios afíns ao franquismo impulsaran a ocupación duns 25.000 metros cadrados na zona do Parrote, espazo logo ampliado sobre un novo recheo gañado ao mar, praia incluída. 

A titularidade dos terreos seguiu sendo pública ata o ano 2013, cando o goberno municipal do PP decidiu a modificación do PXOM para que pasasen de espazo dotacional público a dotacional privado, unha operación que contou co beneplácito da Autoridade Portuaria e da Xunta. Unha nova modificación puntual do PXOM tras o visto e prace or parte do pleno municipal coruñés en 2020 devolveu a zona á titularidade pública e, só hai  uns meses, o TSXG desestimou un recurso da Autoridade Portuaria, ratificando ese carácter público do complexo, situado cabo do Hotel Finisterre. 

Alfonso Rueda, durante a súa visita ao complexo deportivo La Solana CC-BY-SA PPdeG

Antes de sumarse a unha mesa redonda que fora moderada polo responsable autonómico da área de Deporte, José Ramón Lete, de quen Rueda avanzou que seguirá no seu posto se el se mantén á fronte da Xunta, Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro, Diego Calvo, visitou as instalacións deste complexo deportivo.

Alí saudou varias persoas maiores, como o ex-xogador do Deportivo Dagoberto Moll, de 96 anos, habitual destas instalacións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.