A Coruña recupera a titularidade pública dos terreos da Solana

Praia do Parrote e antigo cárcere, antes da ocupación dos terreos Dominio Público

En 1942 un grupo de empresarios afíns ao Franquismo impulsaron a ocupación duns 25.000 metros cadrados de espazo público na zona do Parrote, construíndo alí o complexo de ocio da Solana, que nas décadas seguintes foi ampliado sobre un novo recheo nun espazo gañado ao mar. A titularidade dos terreos, en todo caso, seguiu sendo pública ata o ano 2013. Nese ano o Goberno municipal do Partido Popular decidiu a modificación no PXOM da cualificación dos terreos, que pasaron a ser espazo libre deportivo; de dotacional público a dotacional privado. Unha operación que contou co beneplácito da Autoridade Portuaria e da Xunta de Galicia.

A modificación puntual do PXOM protexe o espazo dunha hipotética privatización e reverte a manobra levada a cabo en 2013 polo PP, que modificaran a natureza pública deste solo

No pasado mandato o Goberno municipal da Marea Atlántica impulsou o retorno dos terreos á titularidade pública, un proceso ao que lle deu continuidade o novo Goberno local. Este xoves o pleno municipal aprobou por unanimidade a modificación definitiva do PXOM para devolverlle a este solo a natureza pública que tiña antes do ano 2013.

No ano 2016 a Autoridade Portuaria da Coruña aprobou (co único voto en contra do Concello) a privatización dos terreos nos que se sitúa a Solana, mesmo incumprindo un acordo previo co Goberno municipal, que aceptara pagar 1,4 millóns de euros (incluídos nos orzamentos dese ano) por este espazo. O Porto estaba en negociacións coa Inmobiliaria Río Mera para a venda deste solo. O pleno municipal pronunciouse nese momento en contra desta privatización, aprobando mocións que só contaron coa oposición do PP. E en maio do ano 2007 unha gran manifestación cidadá rexeitou nas rúas a privatización da fachada marítima da cidade.

Instalacións do complexo deportivo da Solana © Metropolitan La Solana

O PP argumentou que a titularidade dos terreos da Solana "xa é pública" e nunca deixou de selo

Este xoves todos os grupos políticos presentes no pleno municipal (PSdeG-PSOE, Marea Atlántica, BNG, PP e Ciudadanos) deron o seu apoio á modificación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal, unha decisión que, sobre todo, protexe os terreos dunha hipotética venda a algunha empresa privada. Non cambia a titularidade do solo, que segue a ser da Autoridade Portuaria, nin tampouco o funcionamento da concesión do complexo deportivo da Solana, que seguirá sendo xestionado por Metropolitan ata o ano 2027, momento en que vence a actual concesión.

O Partido Popular, que en xaneiro do ano 2019 se abstivera na votación que deu inicio ao proceso de modificación puntual do PXOM, aceptou nesta ocasión unirse ao consenso dos demais grupos, e fíxoo argumentando que a titularidade dos terreos da Solana "xa é pública" e nunca deixou de selo, entendendo polo tanto que o cambio no Plan Xeral é un trámite innecesario. Ademais, acusou aos demais grupos de realizar "partidismo" con esta cuestión.

PSdeG-PSOE,  Marea Atlántica e BNG criticáronlles aos edís populares a operación levada a cabo no ano 2013

En cambio, tanto o PSdeG-PSOE, como a Marea Atlántica coma o BNG criticáronlles aos edís populares a operación levada a cabo no ano 2013, celebraron que a votación deste xoves "blinda" o carácter público destes terreos e puxeron en valor a mobilización cidadá levada a cabo nos últimos anos neste ámbito. Juan Manuel Villoslada (PSdeG-PSOE), que agradeceu o traballo previo realizado por BNG e MA, afirmou que "non hai xustificación" para o cambio dos terreos a titularidade privada realizado polo PP en decembro de 2012 e lembrou a singularidade deste solo, por tratarse dun recheo sobre o dominio público marítimo-terrestre e por atoparse dentro do conxunto histórico da cidade.

Xiao Varela (Marea Atlántica) subliñou que a operación, "que contou coa connivencia da Xunta e da Autoridade Portuaria", abriu a porta á privatización da Solana e fíxose "sen ningún tipo de xustificación xurídica ou técnica". Varela destacou que "grazas ao apoio cidadán" amosado na manifestación que tivo lugar na primavera do 2017 "o concello puido impedir a tentativa de roubo e desfacer a privatización". Avia Veira (BNG) lembrou que "o cambiazo" apareceu "con nocturnidade e aleivosía" en decembro de 2012 e denunciou que esta decisión respondeu "á necesidade da Autoridade Portuaria de facer caixa e resolver os seus problemas de xestión".

Nas intervencións tamén se fixo referencia á condonación da débeda da Autoridade Portuaria

Tanto Xiao Varela como Avia Veira, pero tamén os representantes do Partido Popular, fixeron referencia á posible condonación da débeda da Autoridade Portuaria, unhas obrigas xeradas polas obras de construción do Porto Exterior e cuxo futuro depende do Goberno central, xestionado agora por PSOE e Unidas Podemos. O Executivo central xa anunciou o perdón da débeda da Autoridade Portuaria de Valencia, pero aínda non se pronunciou sobre a que pesa sobre o ente portuario coruñés.

Primeiras instalacións da Solana, despois da ocupación privada dos terreos CC-BY-SA Universidade de Zaragoza

“A ocupación destes terreos públicos foi un auténtico botín de guerra daqueles que protagonizaron en 1936 unha sublevación militar e fascista"

“A ocupación destes terreos públicos foi un auténtico botín de guerra dos vencedores, daqueles que protagonizaron en 1936 unha sublevación militar e fascista contra o goberno lexítimo e democrático da República”, destacou a Comisión Aberta en Defensa do Común, como lembraba neste artigo Manuel Monge. A forma e o momento en que se levou a cabo o proceso de ocupación dos terreos e tamén o feito de facer desaparecer a praia do Parrote, o areal tradicional da Cidade Vella da Coruña dotan a este espazo dunha grande importancia simbólica.

Porque ata os anos 40 do pasado século na zona do Parrote, na Coruña, había unha praia. En realidade, pódese dicir que nesta ribeira naceu A Coruña, que foi no seu inicio un núcleo mariñeiro que vivía esencialmente da pesca. A desaparición da praia do Parrote coincide coa vitoria franquista; en 1942 un grupo de empresarios afíns ao novo réxime impulsan a ocupación duns 25.000 metros cadrados de espazo público, construíndo alí o complexo de ocio da Solana. Posteriormente, en 1948, ergueron o Hotel Finisterre sobre o predio que ata 1928 ocupaba o vello cárcere e en 1970 inaugurouse a ampliación da Solana, realizada sobre un novo recheo.

Baño no Parrote coruñés CC-BY-SA Jose Luis Cernadas Iglesias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.