A Coruña naceu e creceu como cidade mirando o mar, pero nos seus sucesivos procesos de expansión urbana sempre respectou o carácter público do terreo na súa liña costeira, tanto na Cidade Vella, coma na Pescaría e no Ensanche. Mesmo cando a mediados do século XIX se puxo sobre a mesa a posibilidade de que nos novos terreos gañados ao mar -o que hoxe serían os Cantóns e os Xardíns de Méndez Núñez- se erguesen varias fileiras de edificios (como sucedeu en Vigo no Areal), a cidade da Coruña impuxo outra visión (da man do enxeñeiro Celedonio de Uribe), dedicando finalmente ese novo espazo a zonas verdes e edificios públicos. "Os grupos dirixentes da Coruña tiveron sempre unha visión culta da cidade, que debuxou unha relación doce e respectuosa entre a urbe e a natureza, neste caso a ría ou o Atlántico", explica Xosé Lois Martínez, coordinador do Grupo de Arquitectura e Urbanismo da UDC.
"Esta burguesía tiña unha idea moi determinada da cidade da Coruña. Por suposto que había intereses económicos e especulativos, esa burguesía de finais do XIX e de comezos do XX tamén especulaba, e moito, pero estaba interesada en crear unha imaxe de cidade culta e moderna, sobre todo no porto, onde chegaban os barcos, a xeito de escaparate do que A Coruña debía ser", explica. "Había uns límites moi claros, establecíase un límite entre o público e o privado. Os terreos gañados ao mar sempre eran espazos públicos e cando se necesitaban servizos, eses servizos eran equipamentos públicos ou concesionábanse. Había grupos que pugnaban polo contrario, por suposto, pero esta visión do que A Coruña debía ser actuaba como contrapeso", di.
"Todo iso muda no Franquismo, que introduce outra maneira de debuxar a cidade. O grupo que a partir da vitoria do franquismo hexemoniza o poder na cidade introduce unha lóxica diferente. Non hai máis que ver que personaxes dirixen a cidade a partir de 1939, cun nivel cultural moi baixo. Teñen outra visión da vida e do mundo, son esencialmente depredadores, fronte aos outros que, sendo unha burguesía que noutros espazos -Praza María Pita, Praza de Lugo...- fai negocio coa venda das terras do común, no litoral si actúa doutra maneira", relata.
Martínez traza esta perspectiva histórica da construción da cidade ao fío da polémica xurdida polo intento da Autoridade Portuaria de privatizar os terreos ocupados por La Solana e o Hotel Finisterre. "Neste momento os grupos hexemónicos na cidade están procedendo a definir un novo límite urbano, unha nova relación entre a cidade e o mar, un novo límite que implica a invasión do privado sobre esa franxa que a burguesía previa á ditadura sempre considerou pública. Este é o gran tema: ata onde chega o público e ata onde chega o privado", destaca.
O arquitecto salienta de que "por primeira vez dende 1850 pódese consumar a privatización dun espazo en primeira liña de costa no que é a cidade histórica". E alerta de que "este é só o primeiro paso. Mañá pode ser que Correos venda o seu edificio porque necesita cartos, pasado mañá pode ser o Hotel Atlántico. Que ninguén pense que aquí remata a película, aquí comeza e película".
"Por primeira vez dende 1850 pódese consumar a privatización dun espazo en primeira liña de costa no que é a cidade histórica"
Destaca, neste senso, o simbolismo da loita por salvar o carácter público do espazo ocupado por La Solana, construída nos anos 40 sobre a antiga praia do Parrote: "Esta loita dáse neste momento nun punto moi especial, e simbólico, no lugar no que nace a cidade. Era o porto da Coruña, un lugar sagrado". E enmárcao no proceso de xentrificación que está a vivir a Cidade Vella nas últimas dúas décadas: "Na Cidade Vella sempre houbo unha mestura de xentes -funcionarios, profesionais..., clases altas, baixas...-. A nova clase social que entrou no barrio nos anos 80 e 90 comezou nese momento a adoptar decisións a través dos órganos que controla directa ou indirectamente co obxectivo de transformar este espazo de acordo coa súa visión do mundo".
"Que este e outros espazos se privaticen ou non vai depender dos coruñeses e coruñesas de 2016", di. Martínez sinala que nos últimos meses botou en falta "liderado" na cidade para opoñerse a este proceso "que xa se vía vir". "O liderado deben asumilo as entidades sociais, comezando polos veciños da Cidade Vella, que son os principais prexudicados", sinala e salienta que "a cidade ten que poñer sobre a mesa esa outra mirada, ten que reivindicar o que sempre foi Coruña, que é que a relación da cidade coa natureza se establece con respecto, con espazos públicos. Ai teñen que estar as institucións e a universidade".
Martínez sinala que botou en falta "liderado" na cidade para opoñerse a un proceso "que xa se vía vir" pero destaca que "é positivo que o alcalde tome a iniciativa de sinalar a persoa que, á fronte dunha institución, está a manter unha posición impresentable
E amósase moi crítico coa actitude amosada pola Autoridade Portuaria e, en concreto, polo seu presidente, Enrique Losada: "É positivo que o Concello estea a defender esta posición no consello de administración. E é positivo que o alcalde tome a iniciativa de sinalar a persoa que, á fronte dunha institución, está a manter unha posición impresentable, intolerable". Para Martínez, Losada "pertence a ese grupo de depredadores que pretende sacar rédito do público. É a mesma idea que sempre tivo a burguesía depredadora, unha pulsión que sempre existiu, pero sempre estivo freada por unha burguesía culta".
"Estamos gobernados polo sector extractivo de rendas do solo da clase dirixente. Ese sector mira a urbe con eses ollos, sempre pensando na oportunidade de facer negocio coa cidade, coa idea de que o público está aí para apropiarse del, sen regras, seguindo os valores no neoliberalismo. No Consello de Administración do Porto vemos persoas, ligadas a grupos de poder locais, que apoian a privatización do espazo", denuncia. "Fronte a esa visión deben erguerse os grupos que defenden o común, dentro dos que deberían estar todas as institucións", engade.
"Estamos gobernados polo sector extractivo de rendas do solo da clase dirixente. Ese sector mira a urbe con eses ollos, sempre pensando na oportunidade de facer negocio coa cidade, coa idea de que o público está aí para apropiarse del"
Á batalla por salvar o espazo da Solana e o Hotel Finisterre pode unirse nos vindeiros meses e anos outra, de maior impacto aínda na definición da cidade da Coruña para as vindeiras décadas: o uso dos terreos portuarios que quedarán liberados de actividade co traslado a Punta Lagosteira, e que a Autoridade Portuaria tamén quere privatizar, mentres que o Concello quere dedicar a zonas verdes e instalacións dotacionais (co apoio da maioría absoluta do pleno). "Este proceso forma parte dunhas estratexias que teñen que ver coa crise económica. Estes grupos hexemónicos neste momento teñen liquidez e os prezos do solo están baixísimos. É un mal momento para vender, pero un excelente momento para mercar", di.
"Se a Administración Central pode rescatar as autoestradas radiais de Madrid por 5.000 millóns de euros, pois parece que unha débeda de 300 millóns é máis que asumible, sobre todo tendo en conta que esa débeda se xera por unha obra que é competencia dela"
"Para estas operacións sempre hai argumentos. E se non, créanse. Din que queren reducir a débeda de 300 millóns de euros xerada pola construción do Porto Exterior. Pero se a Administración Central pode rescatar as autoestradas radiais de Madrid por 5.000 millóns de euros, pois parece que unha débeda de 300 millóns é máis que asumible, sobre todo tendo en conta que esa débeda se xera por unha obra que é competencia dela e que é responsabilidade dela tela feito aí e con eses problemas", di. "Que a Autoridade Portuaria repita ese argumento significa que considera que os coruñeses somos estúpidos", conclúe.
En Marea esixe o cese do presidente da Autoridade Portuaria
En Marea presentou no Parlamento galego unha proposición non de lei co obxectivo de que se paralice a venda dos terrreos da Solana e que se facilite a súa adquisición por parte do concello da Coruña, cumprindo co acordado no Consello de Administración da Autoridade Portuaria o 30 de xuño deste ano. Ademais, esixe o cese de Enrique Losada como presidente da Autoridade Portuaria e a reprobación da conselleira Beatriz Mato [que no Consello de Administración votou a favor da privatización do espazo], "que é cómplice dunha escandalosa operación especulativa e de privatización do patrimonio público”.
O Concello reiterou esta semana a vontade adquirir a parcela, aínda dentro do prazo acordado en xuño para facelo
A Xunta de Goberno local reiteroulle esta semana ao Consello de Administración da Autoridade Portuaria a vontade municipal de adquirir mediante adxudicación directa a parcela onde está ubicado o complexo deportivo da Solana, cumprindo así o requisito fixado pola resolución aprobada polo devandito Consello de Administración en xuño, que lle daba de prazo ao Concello ata final de ano para formalizar a oferta. Un acordo despois incumprido polo ente portuario.
Pola súa banda, os responsables este organismo público, dependente do Ministerio de Fomento, seguiron cargando politicamente contra o Goberno da cidade da Coruña. O presidente Enrique Losada, acusou o alcalde Xulio Ferreiro de "actuar con neglixencia e incompetencia" neste asunto e negou ter recibido oferta formal ningunha. De igual xeito, o presidente de Puertos del Estado, José Llorca, xustifica a través dunha entrevista en La Voz de Galicia a decisión da Autoridade Portuaria de incumprir o compromiso ao que chegara co Concello e o propio acordo aprobado por unanimidade polo seu Consello de Administración.