0 Gardados para despois

O Porto da Coruña aproba a privatización dos terreos de La Solana

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


A Autoridade Portuaria da Coruña tensou un pouco máis a corda do conflito xerado pola súa intención de vender a mans privadas o complexo deportivo de La Solana e o Hotel Finisterre (construídos en terreo público), incumprindo o acordo ao que chegou en xuño co Concello para que La Solana pasase a ser de propiedade municipal. O Consello de Administración do ente portuario aprobou o inicio do proceso de poxa á alza dos dous espazos, co único voto en contra do representante do Concello da Coruña (o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela).

A Autoridade Portuaria espera ingresar 10 millóns de euros polas dúas vendas, que reducirán só de forma testemuñal a débeda de 300 millóns que arrastra, motivada polas obras do Porto Exterior

A Autoridade Portuaria espera ingresar 10 millóns de euros polas dúas vendas, que reducirán só de forma testemuñal a débeda de 300 millóns que arrastra, motivada polas obras do Porto Exterior, unha actuación que acumula xa un investimento de 750 millóns (350 máis dos previstos inicialmente) e na que o Estado central se desentendeu do seu financiamento, a diferenza do resto de grandes portos españois. Se se consuma a operación, A Coruña perdería un espazo privilexiado en primeira liña de costa, cuxa construción nos anos 40 xa rematara coa praia do Parrote, o único areal da Cidade Vella.

O Goberno local xa anunciara este xoves que se a Autoridade Portuaria seguía adiante co seu plan recorrería mesmo á vía xudicial

O Goberno local xa anunciara este xoves que se a Autoridade Portuaria seguía adiante co seu plan para privatizar La Solana, recorrería mesmo á vía xudicial para facer valer o acordo ao que se chegara o pasado 31 de xuño, e que lle daba ao Concello un prazo de seis meses para presentar unha oferta, que se fixo efectiva o pasado 21 de outubro, por un valor de 1,4 millóns, a taxación oficial da instalación. De feito, o proxecto de Orzamentos para 2017 fixo xa a reserva desa cantidade. Porén, esta semana sóubose que xa en outubro a Autoridade Portuaria xa estaba a negociar coa Inmobiliaria Río Mera a venda das instalacións, incumprindo o aprobado polo seu propio Consello de Administración e sen comunicarllo ao Concello.

“No suposto de que a proposta da Presidencia da Autoridade Portuaria sexa aprobada hoxe nos termos propostos, o Concello emprenderá as accións legais que procedan para evitar esta inxustiza da que a cidadanía da Coruña é vítima. Para nós, supón un intento da Autoridade Portuaria, representada polo seu presidente, de especular, actuando como unha inmobiliaria e non como unha entidade pública. A Autoridade Portuaria quere, unha vez máis, facer negocio coa cidade da Coruña”, anunciaba Xiao Varela antes da xuntanza. E, ao seu remate, declaraba que "o Porto da Coruña representa todo aquelo que viñemos a cambiar. A administración non é unha empresa. Seguiremos loitando mentres poidamos". Ao tempo, a Marea Atlántica publicaba un comunicado no que sinalaba que "o Goberno municipal chegará ata onde sexa preciso para impedir que se malvenda o que é de todas e todos nós". 

Xiao Varela: "O Porto da Coruña representa todo aquelo que viñemos a cambiar. A administración non é unha empresa. Seguiremos loitando mentres poidamos"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou esta mañá a intención do Concello de impugnar a decisión, considerando que o acordo "é nulo de pleno dereito". "Ademais, aínda temos que ver que pasa cunha poxa que xa está condicionada por unha oferta previa, o que dá un pouco idea do viciado que está este procedemento”, engadiu. “Estamos a falar dunha zona que foi arrebatada hai tempo á veciñanza, xa que antes tiña un uso público, era una praia”, subliñando que a oferta do Concello para adquirir os terreos “era unha oportunidade para que esa zona volvese a ser de todos e todas”.

Xulio Ferreiro manifestou esta mañá a intención do Concello de impugnar a decisión, considerando que o acordo "é nulo de pleno dereito"

“O Concello da Coruña foi absolutamente xeneroso, xa que lle presentamos a Autoridade Portuaria unha oferta polo mesmo que pedía, e que recibimos de volta cunha deslealdade institucional como nunca vira antes movida por unha avaricia que leva a especular cuns terreos que deberiamos intentar recuperar para a cidadanía", salientou Ferreiro. "O que temos de novo ante nós son dous modelos distintos: o que pensa que o ben común e o territorio son para especular, e os que pensamos que son para o goce da xente", engadiu. O rexedor coruñés estendeu a responsabilidade do sucedido ao presidente da Xunta (as tres representantes do Goberno galego no Consello de Administración votaron a favor da privatización), ao que lle esixiu que "non se poña de perfil nesta cuestión".

Ferreiro acusou á Autoridade Portuaria dunha "deslealdade institucional como nunca vira antes" e "movida por unha avaricia que leva a especular cuns terreos que deberiamos intentar recuperar para a cidadanía"

Na xuntanza do Consello de Administración, que contraveu o acordo adoptado en xuño por unanimidade polo mesmo organismo, o representante do Concello da Coruña foi o único que se opuxo á privatización deste privilexiado espazo. O resto dos votos deron o seu visto bo á operación, comezando por Enrique Losada, presidente da Autoridade Portuaria designado polo PP. Tamén Jorge Atán (subdelegado do Goberno na Coruña), Severino Ares (reprensentante do sector pesqueiro), Álvaro Mora (representante da Administración Xeral do Estado), Luis Felipe Llamas (Cámara de Comercio da Coruña), Gustavo Ortega (Capitanía Marítima) e Carlos Calvelo (alcalde de Arteixo). Tamén o fixeron as tres representantes da Xunta: Belén Docampo, delegada da Xunta na Coruña; Mª Isabel Concheiro, secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar; e Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio). E mesmo José Ramón Piñeiro, representante do sindicato UGT, que se uniu aos apoios á privatización.

 

Comisión Aberta en Defensa do Común

A Comisión Aberta en Defensa do Común convoca unha xuntanza para o vindeiro martes, día 27

Coincidindo coa xuntanza do Consello de Administración, a Comisión Aberta en Defensa do Común levou a cabo unha concentración de protesta ante a sede da Autoridade Portuaria, pedindo a devolución destes espazos á cidade. A entidade considera, ademais, que a devolución debería ser gratuíta, dado o carácter público dos terreos e que a construción de La Solana xa fixo desaparecer a antiga praia do Parrote. A plataforma denuncia que "os intentos da Autoridade Portuaria de financiar o sobrecoste de Punta Langosteira a costa dos sacrificados cidadáns coruñeses constitúe unha amenaza seria para unha grande parte do patrimonio público que, polo demais, non fai máis que potenciar situacións de privilexio e intereses de clase fronte a maioría da poboación".

A entidade convoca unha xuntanza para o vindeiro martes, día 27, na que se analizarán "diversas medidas susceptibles de seren ensaiadas". Sinala que "o problema ao que se enfronta a cidade exixe a consolidación dun movemento cívico forte".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.