0 Gardados para despois

O PP queda só na defensa da venda dos terreos do porto da Coruña

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O PSdeG-PSOE vén de sumarse á posición defendida polo Goberno municipal da Marea Atlántica, e tamén polo BNG, rexeitando a venda dos terreos dos peiraos do porto interior da Coruña para financiar unha parte do custe do Porto exterior de Punta Lagosteira. O proxecto de urbanización destes valiosos espazos no centro da cidade, que prevé a construción de edificios de vivendas e de oficinas e de zonas comerciais e de ocio, foi asinado en 2004 polo daquela alcalde socialista Francisco Vázquez. Porén, o PSdeG-PSOE defende agora que debe ser o Goberno central quen pague as obras do Porto exterior, como fixo noutras cidades, como Xixón. O Partido Popular queda só, polo tanto, na defensa da privatización deste espazo.

O PSdeG-PSOE defende agora que debe ser o Goberno central quen pague as obras do Porto exterior, como fixo noutras cidades, como Xixón

Mar Barcón salientou que as expectativas de negocio pola venda destes terreos son agora moi distintas das que se podían ter en 2004, en pleno auxe da burbulla inmobiliaria. Se daquela se esperaban obter máis de 200 millóns de euros na operación, hoxe a cantidade sería notablemente inferior. Barcón animou ao Ministerio de Fomento a "reconsiderar" o plan de financiamento da obra e chamou á construción dun "novo consenso" sobre este tema, ao que se debería incorporar a Autoridade Portuaria.

Ferreiro: "Se xa era moi discutible a operación cando se dicía que se ía sacar unha ‘millonada’, hoxe imos a esa mesma operación para sacar algo que non é relevante nun investimento de 750 millóns de euros”

Pola súa banda, Xulio Ferreiro apostou este venres novamente por abrir “unha discusión pública” arredor do financiamento do Porto Exterior, pedindo que "non se hipoteque a cidade nin o seu pequeno comercio para rematar de pagar as obras dun Porto Exterior moi necesario e que eu confío en que sexa unha fonte de riqueza". "Para iso as cousas teñen que facerse ben, planificarse, e hai que facer os necesarios accesos, e atraer negocios, e niso estamos traballando desde o Goberno local”, indicou. Ferreiro reclamou igualmente que as obras de Punta Lagosteira sexan pagadas "como o resto de portos de Interese Xeral, a través dos fondos do Estado”.

O Grupo de Goberno presentará no próximo Pleno municipal de decembro unha moción a favor dun uso público dos terreos portuarios que queden libres polo traslado de actividade ao Porto Exterior de Punta Lagosteira

O Grupo de Goberno presentará no próximo Pleno municipal de decembro unha moción a favor dun uso público dos terreos portuarios que queden libres polo traslado de actividade ao Porto Exterior de Punta Lagosteira. “Vemos como hai un amplo consenso favorable a unha revisión do Convenio entre Concello e Porto asinado en 2004 para que desemboque na ordenación dos terreos portuarios a desafectar. O que hoxe é dominio público portuario debe seguir sendo de dominio e uso público ao servizo da cidadanía, sinalou Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda. Varela espera que a moción “obteña un amplo respaldo e sexa atendida por parte da Autoridade Portuaria e Fomento, que non deberían posicionarse en contra dunha aposta maioritaría da cidade”.

Dende o Concello calcúlase que a venda dos terreos do porto exterior permitirían obter unicamente 17 millóns de euros, moi lonxe dos 200 millóns calculados inicialmente. "Se xa era moi discutible a operación cando se dicía que se ía sacar unha ‘millonada’, hoxe imos a esa mesma operación para sacar algo que non é relevante nun investimento de 750 millóns de euros”, sinalou Ferreiro. O rexedor preguntouse así mesmo "en que lle vai servir ese diñeiro á Autoridade Portuaria para aliviar a súa débeda, de máis de 300 millóns de euros, e que está provocada por ese modelo de financiamento do Porto Exterior?”.

A Autoridade Portuaria, afogada pola débedas, confiaba na venda destes terreos para compensar a súa situación, produto da fórmula de financiamento escollida para as obras do porto exterior

Así mesmo, Xiao Varela (representante municipal no consello de administración da Autoridade Portuaria), sinalou este venres que se se reinician as negociacións do convenio, estas “non van ser só para definir os documentos necesarios para a venda dos terreos do peirao interior”. “A desafectación dos terreos é competencia do Porto, pero a potestade de ordenación urbanística é municipal”, explicou. E engadiu que “os tempos mudaron moito, hai unha nova realidade económica, e unha nova forma de entender á cidade, polo que o convenio ten que adaptarse”. O edil recordou así mesmo que o convenio que firmado en 2004 entre o Goberno local daquel entón e o Ministerio de Fomento se aprobou no mes de febreiro e foi modificado en outubro. “Con moita máis razón entendemos que se poderá modificar 11 anos despois, cando o escenario económico e a previsión de valoración dos terreos e ingresos pola súa venda pouco teñen que ver co conveniado en 2004”, concluíu.

Mentres, pola banda da Autoridade Portuaria seguen chegando críticas moi duras á negativa do Goberno municipal a privatizar este espazo. Esta entidade, afogada polas débedas, cunha escasa cifra de negocio e un deficit anual de 4 millóns de euros o pasado ano, confiaba na venda destes terreos para compensar a súa situación, produto da fórmula de financiamento escollida para as obras do porto exterior.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.