A Coruña reacciona ante o intento do Porto de enriquecerse coa venda dun espazo público

La Solana é hoxe un club privado nunha situación privilexiada © clubmetropolitan.net

O Concello da Coruña acudirá ante os xulgados, se é preciso, para facer valer o seu dereito de compra sobre os terreos do complexo deportivo de La Solana, terreos públicos que a Autoridade Portuaria quere privatizar. O Goberno local lembra que chegara a un acordo co Porto para facerse con estas instalacións por 1,4 millóns de euros, "de forma que a cidadanía poida gozar dun equipamento deportivo como este nunha zona no que hai un déficit de instalacións públicas". Tamén dende os movementos sociais se está a reaccionar e, neste senso, a Comisión Aberta en Defensa do Común, que esixe a devolución gratuíta destes espazos, convoca unha concentración este xoves

O pasado mes de maio a Autoridade Portuaria anunciou a súa intención de vender o complexo deportivo de La Solana e o Hotel Finisterre (construídos nos anos 40 do pasado século sobre terreos públicos) para obter ingresos que lle permitisen sanear as contas da entidade, lastradas polos gastos xerados pola construción do Porto Exterior, que xa provocaron unha débeda de 300 millóns de euros. Nese momento o Concello da Coruña reaccionou, exercendo o seu dereito á compra directa dos terreos que ocupa La Solana, taxados en 1,4 millóns de euros. O 31 de xuño, o Consello de Administración do Porto acordou por unanimidade paralizar a poxa anunciada, dándolle ao Concello un prazo de seis meses para presentar unha oferta, que se fixo efectiva o pasado 21 de outubro, coa aprobación do interventor municipal e achegando a documentación solicitada. O proxecto de Orzamentos para 2017 reserva unha partida de 1,4 millóns para a compra de La Solana.

Porén, esta semana a Autoridade Portuaria decidiu incumprir os compromisos que adquirira co Concello, anunciando por sorpresa a súa intención de venderlle as dúas instalacións á inmobiliaria Río Mero por 10 millóns de euros, unha operación que aparentemente levaba preparando dende outubro, e para a que esgrime tres informes (Avogacía do Estado, Facenda e Portos do Estado) que priman o beneficio económico sobre o carácter público do espazo.

"Se non se respecta acudiremos ás canles legais que entendamos necesarias, mesmo ao xulgado se é necesario”, di Xulio Ferreiro

O Concello reaccionou con dureza, sinalando o alcalde Xulio Ferreiro que “así non se fan as cousas". "Chegouse a un acordo no Consello de Administración do Porto, no que se lle daba ao Concello a prerrogativa de adquirir a Solana por 1,4 millóns de euros. Se non se respecta acudiremos ás canles legais que entendamos necesarias, mesmo ao xulgado se é necesario”, dixo. “O interese da cidade é que a Solana sexa da veciñanza. Se o Porto non quere eses terreos, o Concello si. Sería bo que non especulásemos cunha zona tan sensible do noso litoral”, engadiu. 

“A Autoridade Portuaria quere, unha vez máis, facer negocio coa cidade da Coruña”, denunciou esta mañá o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que sinalou que “o que se quere facer hoxe é un acto contrario a outro que foi tomado polo mesmo órgano, e incompatible co proceso de suspensión, polo que, de adoptarse, sería nulo de pleno dereito. Pero ademais, o acordo incluía admitir a trámite a oferta do Concello e pasala polo Consello de Administración, algo que aínda non ocorreu”. Varela participará esta tarde no Consello de Administración do ente portuario, onde solicitará a retirada da orde do día da proposta de acordo para reanudar a venda da parcela e o seu paso a mans privadas.

“No suposto de que a proposta da Presidencia da Autoridade Portuaria sexa aprobada hoxe nos termos propostos, o Concello emprenderá as accións legais que procedan para evitar esta inxustiza da que a cidadanía da Coruña é vítima. Para nós, supón un intento da Autoridade Portuaria, representada polo seu presidente, de especular, actuando como unha inmobiliaria e non como unha entidade pública”, concluíu Varela, que censurou que o responsable do porto negociase "ás agachadas cunha empresa, nunha actitude impropia dun presidente dun ente público, ademais de ilícita, ao noso entender”.

Este conflito engade un novo capítulo a unha sucesión de enfrontamentos entre o Concello e o Porto, que teñen o seu centro no proxecto da Autoridade Portuaria -rexeitado polo Goberno municipal- de facer caixa cos terreos do peirao que nos vindeiros anos ficarán baleiros co traslado a Punta Lagosteira da maior parte da actividade. Concello e Porto chocaron tamén na cuestión do túnel da Mariña, construído polo Porto a través dunha UTE. A paralización da venda de La Solana á inmobiliaria Río Mero o pasado mes de maio non sentou ben nos xestores da Autoridade Portuaria

 

Concentración de protesta

Este xoves ás 18 horas a Autoridade Portuaria celebra xuntanza do seu consello de administración. Media hora antes, ás 17.30 horas, a Comisión Aberta en Defensa do Común convoca ante a sede deste ente dependente do Ministerio de Fomento unha concentración de protesta contra o seu intento de "facer caixa" coa venda de La Solana e o Hotel Finisterre. A entidade exixe a devolución gratuíta de ambas as dúas propiedades ao Concello da Coruña, lembrando que "tanto a Solana coma o Finisterre ocupan 25.000 metros cadrados de terreos de titularidade pública ou gañados, en diversas etapas, ao mar". "A antiga praia do Parrote sobre a que se ergue a Solana forma parte do común e, xa que logo, o complexo debe ser devolto gratuitamente ó pobo da Coruña", subliñan.

"A antiga praia do Parrote sobre a que se ergue a Solana forma parte do común e, xa que logo, o complexo debe ser devolto gratuitamente ó pobo da Coruña", di a plataforma cidadá

A plataforma lamenta que "a cidadanía teña que pagar facturas políticas en nome das exiguas contas dunha entidade pública como a Autoridade Portuaria, máis interesada en fomentar a cuestión privada que o aspecto público das instalacións". "Permitilo sería tanto como abdicar da nosa propia condición de cidadáns", engaden. A Comisión denuncia que "asistimos nos últimos anos a unha perda de edificios e espazos públicos, que foron sempre unha referencia na historia da cidade e moitos deles de titularidade pública. Semella que a cidade está en venda". E destaca o carácter de "espazos comunais, bens propios pertencentes á cidade dende a súa fundación" que "non poden ser obxecto de operacións especulativas para rematar un peirao que leva xa enterrados millóns de euros dos sacrificados contribuíntes coruñeses".

 

Un complexo construído xusto despois da Guerra Civil

A historia de La Solana comeza coa vitoria franquista na Guerra Civil. Un grupo de empresarios da cidade, afíns ao novo réxime, impulsan a ocupación da praia do Parrote (uns 25.000 metros cadrados espazo público), construíndo alí o complexo de ocio La Solana, inaugurado o 17 de xullo de 1942 e deixando sen praia á Cidade Vella da Coruña. Posteriormente, en 1948, ergueron o Hotel Finisterre sobre o predio que ocupaba o vello cárcere até 1928, e en 1970 inaugurouse a ampliación de La Solana, realizada sobre un novo recheo.

Para a Comisión Aberta en Defensa do Común salienta que a operación levouse a cabo "cando aínda estaban quentes os corpos dos cidadáns asasinados polo franquismo". A entidade subliña que La Solana e o Hotel Finisterre son "o símbolo referencial do que iba a ser o botín dos vencedores" e destaca que ambas as dúas construcións se levantaron pegadas á muralla do século XVIII, rachando co "perfil da Cidade Vella"  e "invadindo un areal ata entón practicamente virxe, circunstancia ilustrativa da sensibilidade urbana dos entusiastas do Glorioso Alzamiento Nacional".

As dúas instalacións foron xestionadas pola sociedade Finisterre S.A.U, con concesión ata o ano 2027, e que paga un arrendamento anual duns 100 mil euros. Segundo a taxación realizada pola Autoridade Portuaria, o hotel e mailo complexo deportivo xeran uns beneficios anuais dun millón de euros.

 

La Solana e o Hotel Finisterre antes do recheo © II Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
A desaparecida praia do Parrote © III Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
A antiga praia e o Castelo de San Antón Dominio Público Praza Pública
Vista do Castelo de San Antón dende La Solana © I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
Vista da Cidade Vella dende a ría nos anos 20 do século XX © I Catálogo da colección de postais do arquivo do Concello da Coruña
Praia do Parrote nos anos 30 © Alberto Martí
A antiga praia do Parrote © Comisión Aberta en Defensa do Común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.