A Solana, unha vitoria do público

A antiga praia do Parrote, antes da súa apropiación pola Solana Dominio Público Praza Pública

En poucos días, os terreos da Solana volverán ser o que nunca deberon deixar de ser: públicos. O xoves 16 de xaneiro, o Pleno do Concello da Coruña aprobará de xeito definitivo a modificación do planeamento urbanístico que comezamos no goberno da Marea Atlántica, para recuperar a natureza pública deste solo, que lle foi arrebatada en 2013 por un burdo cambiazo do PP, con nocturnidade e aleivosía, na fase de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pintando nun plano, cun rotulador vermello a palabra “privado” onde antes poñía “público”, sen ningún tipo de informe técnico nin xurídico que o xustificara. 

O xoves 16 de xaneiro, o Pleno do Concello da Coruña aprobará de xeito definitivo a modificación do planeamento urbanístico que comezamos no goberno da Marea Atlántica

Onde hoxe está a Solana atopábase a praia do Parrote, o histórico areal da Cidade Vella que os gobernos franquistas fixeron desaparecer para construír un club deportivo privado. Os terreos seguiron sendo públicos, ata que o Partido Popular cambiou a súa natureza para tentar especular con eles. Lograr impedirllo foi un dos maiores exemplos de como as políticas da Marea Atlántica, da man da mobilización cidadán, conseguiron protexer o patrimonio das tentacións privatizadoras. 

Este plan de privatización iniciouse, como dicía, en 2013. E xogouse en tres actos. No primeiro, o concelleiro de Urbanismo do PP, Martín Fernández Prado, encargouse de executar o cambiazo, contando coa complicidade da Xunta e da Autoridade Portuaria. No segundo , o presidente da APAC negociou a porta pechada un pacto cunha inmobiliaria interesada en mercar o solo. Sacou unha poxa, sabendo que xa tería unha oferta de antemán. E por último, no terceiro acto, o o Consello de Administración da Autoridade Portuaria aproba sacar a poxa o solo a finais de 2016. Co voto favorable de todos os representantes da Xunta e do Estado, en mans do PP naquela altura. Entre eles, a exconselleira de Medio Ambiente e posteriormente candidata á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato. Por desgraza, o único voto en contra naquel fatídico Consello de Administración foi o meu, como representante do Concello da Coruña. 

Pero aquelo non ía rematar alí; a Solana é un lugar importante na memoria da veciñanza da Coruña, que se mobilizou para defendela. O guión do PP rompeuse en maio de 2017, unha manifestación de máis de 4.000 persoas dixo ben claro que eses terreos non se vendían. E grazas a ese apoio cidadán, o Concello da Coruña puido impedir a tentativa de roubo e desfacer a privatización. Un proceso que culmina hoxe, e que tamén forma parte dos acordos aos que chegamos co PSOE no inicio deste mandato municipal. É a nosa herdanza.

 

O rescate do bordo litoral

Só é unha pequena parte do borde litoral da Coruña que segue ameazado pola privatización. Os peiraos de Batería, Calvo Sotelo ou San Diego levan décadas agochados tras un muro, vedados da cidade 

O caso da Solana é especialmente simbólico, por ser un terreo moi visible e que a xente da Cidade Vella aínda considera como propio. Pero só é unha pequena parte do borde litoral da Coruña que segue ameazado pola privatización. Os peiraos de Batería, Calvo Sotelo ou San Diego levan décadas agochados tras un muro, vedados da cidade. 

Para recuperar a súa memoria, o seu valor e a súa conexión coa Coruña, no anterior mandato a Marea Atlántica puxo en marcha o proceso Tecendo Litoral, do que formou parte a iniciativa Tribuna pública, o director de esta última, Juan de Nieves, resumiu moi ben o proceso nun recente artigo. Foi unha iniciativa na que participaron centos de persoas, aberta a voces plurais, que quixo contribuír a derrubar mentalmente o muro que non nos deixa ver o noso Porto, para que non se poida especular con el na sombra. 

A Autoridade Portuaria ten unha débeda inasumible, duns 300 millóns de euros, froito das obras do Porto Exterior. E o seu maior acredor é o propio Estado. Ata o de agora, o “plan” era vender os peiraos interiores da cidade para pagar unha ínfima parte desa débeda e encher uns cantos petos con negocios que nada teñen que ver co mar. O goberno de Xulio Ferreiro opúxose frontalmente e parou a operación, pero o certo é que esa posibilidade segue estando aí, recollida nos convenios asinados en 2004 entre os concellos da Coruña e Arteixo (onde se sitúa o Porto Exterior), a Xunta e o goberno do Estado.

Agardamos do novo goberno de coalición que dá os seus primeiros pasos, a xenerosidade e responsabilidade que non tiveron os anteriores

Agora, agardamos do novo goberno de coalición que dá os seus primeiros pasos, a xenerosidade e responsabilidade que non tiveron os anteriores. É tempo de mudar estes convenios, condonar a débeda como se fixo en Valencia, e permitir que sexa a veciñanza da Coruña a que decida sobre o futuro do seu litoral. Tamén é necesario mudar a Lei de Costas para impedir que estas operacións especulativas nos peiraos poidan levarse a cabo e que os terreos gañados ao mar, que deixen de ter uso portuario, podan ser recuperados para o uso público e cidadán. Pois a cobiza polos terreos en primeira liña de costa non é exclusiva da Coruña. 

 

Tras os pasos de Celidonio de Uribe

Ninguén dubida xa de que que o bordo litoral da Coruña deberá seguir sendo o que sempre foi; patrimonio público

Hai tres anos escribín outro artigo, en La Opinión de A Coruña, onde dicía que “o que está a suceder estes días puxo de actualidade a Celedonio de Uribe (Oiarzun, Guipúscoa, 1823-Madrid, 1871) o home que na segunda metade do século XIX ampliou a cidade co novo porto, e defendeu que os terreos gañados ao mar fosen destinados a xardíns para uso e goce de toda a cidadanía coruñesa e non á construción de vivendas, como pretendían daquela o Estado e certas forzas da cidade”. 

A transcendencia da decisión de Uribe naquela época definiu o modelo urbano actual, impedido a privatización duns terreos esenciais para a Cidade, co apoio da presión cidadá. 150 anos despois celebramos aquela decisión tan esencial para a cidade; loitaremos todo o posible para que noutros tantos anos o litoral da Cidade siga sendo un ben común.”

Subscribo hoxe cada palabra. Loitamos e paramos a especulación na Solana, demostrando que era posible mudar a senda que outros marcaran para a cidade. 

Ninguén dubida xa de que que o bordo litoral da Coruña deberá seguir sendo o que sempre foi; patrimonio público .

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.