A Xunta anuncia descontos tamén en cruceiros para maiores e mozos

Buque 'Costa Toscana' de Costa Cruceros no que a conselleira de Política Social anunciou os descontos © Costa Cruceros

A conselleira de Política Social di que a medida "fai posible que a aventura de ver mundo a bordo dos barcos de Costa Cruceros estea ao alcance de dúas xeracións" de galegos

A conselleira de Política Social, Fabiola García, desprazouse este venres a Xénova (Italia) para anunciar unha nova axuda da Xunta para persoas maiores e mocidade, desta volta a través de descontos para realizar cruceiros a bordo dos buques da compañía Costa Cruceros. Así o avanzou nun acto a bordo dun dos barcos da compañía xunto co director xeral de ventas desta, Mirco Vassallo.

Fabiola García en Xénova a bordo do cruceiro Costa Toscana no que anunciou o novo desconto da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

No pasado debate sobre política xeral de outubro o presidente Rueda anunciou diversos tipos de axudas directas e a creación dun Carné +65 de descontos ao xeito do Carné Xove. O primeiro desconto asociado a ese carné, que se implantará mesmo antes de existir o carné, será a gratuidade do transporte público interurbano para as persoas maiores, como xa existe para a mocidade. A segunda gran medida, anunciada este venres, serán os descontos en cruceiros turísticos. Un anuncio que chega despois de que este xoves o propio Rueda anunciase que estenderá o bono de 200 euros creado o pasado xuño para que mozos e mozas fagan o Camiño tamén á mocidade do resto do Estado. 

O desconto será aplicable tanto a través da páxina web da compañía Costa Cruceros como das axencias de viaxes

Segundo o anunciado este venres pola conselleira de Política Social, o Carné Xove e o Carné +65 "ofrecerán a máis dun millón de galegos descontos en calquera das viaxes de Costa Cruceros". O desconto será aplicable "tanto a través da páxina web da compañía como de calquera axencia de viaxes onde organicen a súa saída".

Fabiola García en Xénova a bordo do cruceiro Costa Toscana no que anunciou o novo desconto da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a Xunta, Fabiola García agradeceu a Costa Cruceros a firma deste convenio, que "fai posible que a aventura de ver mundo a bordo dos seus barcos estea ao alcance de dúas xeracións e que fai de Galicia unha terra aínda máis viaxeira para grandes e pequenos". A conselleira enmarcou este acordo "no desexo da Xunta de ofrecer a cada xeración de galegos a oportunidade de desfrutar ao máximo de cada etapa, viaxando e aproveitando o tempo libre".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.