A crise de máis dunha década do PP de Vigo irrompe na campaña de Rueda

Rueda na presentación hai un ano da candidatura do PPdeG en Vigo, encabezada por Marta Fernández-Tapias © PPdeG

A presidenta do PP vigués, Marta Fernández-Tapias, admite que tras o 18F abrirá "unha nova etapa" despois de que a portavoz local do PSOE asegurase que vai deixar a política

Apenas 12 horas despois de iniciada a campaña electoral a Rueda estouráballe a primeira crise desta carreira ás urnas. Contra o mediodía deste venres Faro de Vigo facíase eco dunhas declaracións da portavoz local do PSOE, Yolanda Aguiar, asegurando que a presidenta do PP na cidade, Marta Fernández-Tapias, persoa de confianza de Rueda e candidata nas municipais do pasado maio, ten pensado deixar a política tras as eleccións galegas. Dúas horas e media despois a propia Fernández-Tapias confirmaba que "efectivamente" abrirá "unha nova etapa" tras o 18F.

Rueda e Marta Fernández-Tapias nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

As sucesivas vitorias esmagadoras en Vigo de Abel Caballero, principal obstáculo político en Galicia primeiro de Feijóo e despois de Rueda, veñen retroalimentando a crise interna do PP na cidade. O último intento de superala foi impulsado polo propio Rueda, que apostou persoalmente por Marta Fernández-tapias, a súa directora xeral de Administración Local entre 2016 e 2020. Ese ano situouna como delegada da Xunta en Vigo e un ano máis tarde apoiouna como presidenta local do partido. 

Fernández-Tapias foi a candidata nas municipais do pasado maio, nas que o PP, con apenas o 18,5% dos votos, pasou de 4 a 5 escanos, fronte aos 19 de Caballero. Tras ese novo fracaso popular na principal cidade galega Rueda xa non foi quen de darlle a presidencia da Deputación de Pontevedra que si logrou o PP a nivel provincial e Fernández-Tapias tivo que conformarse cunha vicepresidencia centrada en Vigo. Un cargo co que tampouco vén sendo quen de lograr maior visibilidade para o PP na cidade. 

Neste contexto, este venres as declaracións da portavoz socialista asegurando que Fernández-Tapias deixará a primeira liña política foron respondidas inicialmente co silencio por parte do partido ata que a propia implicada publicou unha mensaxe na súa conta de X, antigo Twitter: "Moi mal lle ten que ir ao PSOE para isto. Do que toca falar é do futuro de Galicia. Non respectan nada nin a ninguén. Aposto pola miña vida persoal e iso correspóndeme a min. Efectivamente, abrirei unha nova etapa tras gañar as autonómicas ao PSOE en Vigo e con Rueda de presidente".

A dúas semanas das eleccións nas que xoga o seu futuro Rueda ve como Vigo segue sendo un problema para o PPdeG.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.