Luis López, décimo suplente popular nese concello, imponse á delegada da Xunta e candidata en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e faise coa Deputación, pero aboca a unha nova remuda na Xunta
Luis López, delegado da Xunta en Pontevedra e presidente do PP na provincia, cargo ao que foi ascendido hai un ano cando Rueda se fixo coa presidencia do partido en Galicia tras a marcha de Feijóo, será o novo presidente da Deputación de Pontevedra. Pero el non era a primeira opción dos populares para substituír a socialista Carmela Silva á fronte da institución tras lograr a maioría absoluta a nivel provincial nas municipais do 28 de maio. Así o evidencia o feito de que concorreu a esas eleccións de xeito simbólico, como décimo e último suplente na lista do PP por Rodeiro.
Así que para que este sábado López poida tomar posesión como concelleiro, imprescindible para ser elixido dentro dunhas semanas presidente da Deputación, foi necesario que 16 persoas renunciasen a ser edís, xa que en Rodeiro o PP só logrou 5 concelleiros.
López farase coa presidencia da Deputación de Pontevedra, unindo novamente o cargo coa presidencia provincial do partido, como ocorría na época de Rafael Louzán, tras impoñerse nos debates internos á delegada da Xunta e candidata en Vigo, Marta Fernández-Tapias, que o 28M só logrou aumentar o peso popular nesa cidade de 4 a 5 edís.
A elección de López como presidente da Deputación obrígao a deixar a delegación da Xunta, o que aboca a unha nova remuda na administración autonómica que se suma á crise de goberno aberta por Feijóo ao levarse con el a Madrid a Francisco Conde e Rosa Quintana.
A operación de Rodeiro lembra a chegada en 2014 á alcaldía de Santiago de Agustín Hernández, 25 e último da lista do PP nas anteriores municipais
A operación para que López se faga coa Deputación de Pontevedra malia ser o último suplente da lista popular en Rodeiro lembra ao ocorrido en 2014 en Santiago cando tras as dimisións de Gerardo Conde Roa e Ángel Currás a alcaldía foi parar ao daquela conselleiro Agustín Hernández, número 25 e último da lista do PP na capital galega nas anteriores municipais.