O goberno de Santiago queda cunha soa edil electa nas municipais de 2011

Reyes Leis e Agustín Hernández © Concello de Santiago

O Concello de Santiago viviu este luns o enésimo episodio da inefable peripecia política iniciada en abril de 2012, cando Gerardo Conde Roa se viu obrigado a dimitir da Alcaldía á que chegara apenas nove meses antes a causa da fraude fiscal pola que despois sería condeado. O edil ao que Conde Roa lle pasou o bastón de mando, Ángel Currás, o mesmo que foi relevado o pasado verán tras a inhabilitación de sete dos seus edís e que segue imputado no caso Pokémon, anunciou este luns a súa dimisión. Marcha do Pazo de Raxoi con rumbo á súa praza de profesor de instituto e non á dirección territorial da empresa pública Tragsa, onde inicialmente fora colocado. A marcha de Currás provoca que o goberno compostelán, dirixido agora polo ex conselleiro Agustín Hernández, quede con só unha das 13 persoas electas na lista do PP nas municipais de 2011.

Este inédito balance, máis aínda tendo en conta que se trata dun goberno con maioría absoluta, acumula cifras de récord en todo tipo de supostos. Dende as eleccións producíronse, ademais da de Currás, cinco dimisións en sentido estrito: Conde Roa, pola fraude fiscal; Albino Vázquez, tras ser detido no marco da operación Pokémon, Adrián Varela, imputado no mesmo caso; e Rebeca Domínguez, en idéntica situación. Tamén deixou o seu posto no consistorio Paula Prado, aínda que o fixo, cando menos oficialmente, para dedicarse en maior medida ao posto de voceira do PPdeG, do que tivo que dimitir a causa da súa presunta implicación, tamén, na trama Pokémon.

Currás retorna á súa praza de profesor de instituto tras a frustrada marcha á delegación territorial de Tragsa

Onde si houbo relación directa cos tribunais foi na marcha de sete dos 13 edís do goberno: Cecilia Sierra, María Pardo, Amelia González, Luis Bello, Juan de la Fuente, María Castelao e Francisco Noya. Aínda que o propio Alberto Núñez Feijóo chegou a presentar a súa saída como unha asunción de responsabilidades políticas o certo é non tiñan outra posibilidade legal. Isto aconteceu tras a condena destes edís a nove anos de inhabilitación por prevaricar coa decisión de pagar con fondos públicos a defensa de Adrián Varela sen cumprir os requisitos legais.

Esta condena sumiu o Concello da capital nunha crise institucional sen precedentes que derivou no desembarco de Agustín Hernández, que en 2011 ocupara o vixésimo quinto posto da lista, isto é, o peche simbólico. A chegada de Hernández supuxo as renuncias, unhas máis espontáneas ca outras, da práctica totalidade das persoas que figuraran como titulares ou suplentes na candidatura conservadora. Só se incorporou Marta González, deputada no Congreso dos Deputados que non ten tarefa concreta no goberno local. Así as cousas, das persoas elixidas inicialmente só sobrevive politicamente unha, Reyes Leis, e o Concello compostelán chegará ás municipais co seu goberno composto maioritariamente por persoas sen aval cidadán ningún

Reyes Leis e Agustín Hernández © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.