Santiago chegará ás municipais co 60% do seu goberno non elixido pola veciñanza

Tomas de posesión de Conde Roa, Currás e Hernández CC-BY-SA Praza Pública

A finais do pasado setembro Agustín Hernández levaba algo menos de dous meses na Alcaldía de Santiago, á que chegou como terceiro rexedor do mandato despois de senllas dimisións vinculadas a casos de corrupción. O ex conselleiro afrontaba o pleno municipal ordinario de setembro e explicaba ante a prensa a súa aposta por sacar adiante nel unha moción na que o PP defendía a reforma electoral para ilegalizar os gobernos locais de coalición. Tratábase, explicaba Hernández, de que "se garanta o respecto á vontade maioritaria da cidadanía". Apenas un mes despois confírmase o alcalde compostelán chegará ás eleccións municipais de 2015 apoiado nun goberno no que o 60% dos seus membros nin sequera se presentou aos comicios de 2011.

Mentres o PP galego segue teimando nunha reforma electoral que o Goberno central dá, cando menos de momento, por aparcada -Paula Prado reiterou hai apenas dúas semanas que o seu partido "non renuncia" ao proxecto- a propia formación conservadora avala a saída do equipo de goberno da capital de Galicia do ex alcalde Ángel Currás e a súa substitución por outra persoa non electa. O que fora xerente da Cidade da Cultura en tempos de Fraga vai ser colocado como máximo responsable en Galicia da empresa pública Tragsa e, dado o esgotamento da lista electoral do PP compostelán, Hernández designará para completar o seu goberno a quen considere oportuno el ou o seu partido.

O goberno de Santiago terá 8 dos seus 13 membros non electos, pero o alcalde reivindica unha reforma electoral para "respectar a vontade da cidadanía"

Así as cousas, cando este cambio se execute -é previsible que a saída de Currás, edil de Relacións Institucionais sen responsabilidade definida, se produza esta semana- ata 8 das 13 persoas que conforman o goberno da capital serán froito da vontade única do PP pero non das urnas. Para o PSdeG local os populares están "premiando" o ex rexedor e culminando un "conxunto de despropósitos". A xuízo do voceiro do BNG no Concello, Rubén Cela, esta operación é un "escándalo maiúsculo" deseñado para "comprar o silencio" de Currás. Segundo o vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, a colocación de Currás en Tragsa, onde cobrará uns 78.000 euros anuais, é o "peche dunha etapa". O que poida pensar a cidadanía ao respecto "verase cando sexan as municipais", resolve.

Substituto doutro alcalde popular de xestión investigada

Currás chegará á dirección de Tragsa en Galicia como substituto doutro ex alcalde popular, César Aja, rexedor de Viveiro durante máis de 20 anos que saíu do cargo envolto en múltiples dúbidas sobre a súa xestión, moitas das cales chegaron a dilucidarse ante a xustiza por iniciativa do seguinte goberno do Concello, de PSdeG e BNG, e da Fiscalía de Lugo. Entre as cuestións máis rechamantes do mandato de Aja no Concello figuraba a compra de case 6.000 euros en marisco coa tarxeta Visa municipal. Ese marisco chegou a, entre outros, José María Aznar ou Rodrigo Rato e o caso chegou ata o Tribunal Supremo, que o arquivou ao considerar que os produtos mercados con cartos públicos eran atencións protocolarias e fiscalizadas.

César Aja foi demandado por varias causas como a compra de marisco coa Visa municipal, que foron arquivadas

Tampouco prosperaron as denuncias contra Aja por presuntos arranxos en casas particulares con fondos públicos nin polo pagamento de dietas a edís polo mero feito de asistir ao Concello; este segundo caso non lle supuxo consecuencias legais porque, segundo o Supremo, descoñecía a reforma legal que impedía estes pagametnos. Asemade, o propio Supremo concluíu que Aja non delinquira ao contratar persoas sen o proceso de selección correspondente, aínda que admitiu que incumprira varios requisitos, e tampouco apreciou delito penal na compra dun pazo por parte do Concello. "Todas as acusacións eran falsas", asegurou en 2010 o ex alcalde mariñao, que tras ser rexedor, deputado, senador e responsable de Tragsa, agora continuará o seu periplo por cargos públicos como conselleiro do departamento de educación da embaixada de España en Bulgaria.

Hernández e Feijóo, nun acto do Concello © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.