O presidente da Xunta nega agora o nomeamento de Currás en Tragsa

Hernández, con Currás e Feijóo nun acto oficial © Concello de Santiago

“Non coñezo nin creo que se produza ningún nomeamento nunha empresa pública”. Esta mañá, na sesión de control no Parlamento, Núñez Feijoo negou deste xeito, a pregunta do socialista Méndez Romeu, as informacións que dende a pasada fin de semana veñen colocando o ex alcalde compostelán Ángel Currás á fronte da delegación galega de Tragsa. José Luis Méndez Romeu criticou que o PP "premiase" con este lucrativo posto a unha persoa que arrastra unha dobre imputación xudicial. Porén, o presidente da Xunta negou a posibilidade de que se vaia producir este nomeamento, que espertara fortes críticas tanto nos partidos da oposición coma nos propios traballadores e traballadoras desta empresa pública.

“Non coñezo nin creo que se produza ningún nomeamento nunha empresa pública”, limitouse a afirmar Núñez Feijoo a preguntas de Méndez Romeu

Méndez Romeu acusou a Núñez Feijoo de ofrecer simplemente “medidas cosméticas” contra a corrupción. Dixo que “cando a xente demanda decencia vostede ofrece tolerancia e impunidade”, xa que “evita acordos serios e limítase a xestos tan escandalosos” coma a recolocación á do ex alcalde de Santiago Ángel Currás, “dimitido por unha dobre imputación” á fronte da empresa pública Tragsa “para comprar o silencio”. Foi nese momento cando o presidente da Xunta negou a posibilidade (cando menos inminente) desa designación.

Currás negouse a realizar declaracións e limitouse a dicir: "se o di o presidente..."

Preguntado por Europa Press, Ángel Currás negouse a realizar declaracións ou a valorar se as palabras de Feijoo significan que lle pechan as portas de Tragsa. O ex rexedor compostelán limitouse a dicir: "se o di o presidente...". Pola súa banda, o actual alcalde, Agustín Hernández, recoñeceu que non sabe se Currás abandonará a corporación e deixará a súa acta. Hernández asegura que esta cuestión depende tan só da "decisión persoal" do seu predecesor no cargo: "Cando o señor Currás decida o que vai facer da súa vida, trasladaralle esa decisión ao alcalde, e nese momento o señor alcalde tomará a decisión que corresponda". Agustín Hernández tampouco quixo valorar as palabras pronunciadas hoxe por Feijoo sobre este asunto: "para min non supón novidade ningunha, xa que non teño relación con ese tema, nin é da miña competencia", dixo.

O pasado sábado, tras publicarse as primeiras informacións ao respecto, o vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, non negou esta posibilidade, destacando que significaba "o peche dunha etapa" no consistorio compostelán. Rueda non confirmou, iso si, as noticias, como tampouco fixeron outros representantes populares. Este mércores semella que Núñez Feijoo vén de pechar esta posibilidade.

A operación, agora no aire, beneficiaba sobremaneira un Ángel Currás que dende o seu abandono da alcaldía permanece na corporación compostelá á fronte dun departamento de Relacións Institucionais practicamente sen competencias e cun despacho apartado mesmo da sede do Concello. Currás, que leva dende maio reclamando algún nomeamento (falouse da posibilidade de que accedese a algún cargo diplomático ou mesmo á presidencia do Consorcio compostelán, aínda vancante) ocuparía un posto moi cómodo e afastado dos focos mediáticos no que, ademais, percibirá un soldo mesmo superior ao que recibía como alcalde. E, dende logo, o movemento tamén suporía un alivio para o actual rexedor Agustín Hernández, que se liberaría dun evidente lastre na súa corporación, despois de que fose moi criticada publicamente a permanencia de Currás.

 

Críticas ao posible nomeamento

As representacións sindicais en Tragsa, así como representantes de PSdeG, AGE e BNG, criticaron con dureza a operación

As seccións sindicais de CC.OO. en Tragsa e Tragsatec, emitiron o mesmo sábado no que se publicou a posibilidade do nomeamento un comunicado no que sinalaban que a fichaxe de "presuntos delincuentes" supuña "un insulto". "Que a Dirección do Grupo Tragsa decida acoller e protexer presuntos delincuentes nunha empresa financiada exclusivamente con fondos públicos debería supor a inmediata intervención da SEPI e o cese inmediato non só de Ángel Currás, senón tamén do presidente e secretario xeral do Grupo Tragsa, Miguel Giménez de Córdoba e José Manuel Díez Quintanilla", sinalaron.

Francisco Reyes, portavos do PSdeG-PSOE en Compostela, acusou o PP de "avalar" con esta designación "unha xestión desastrosa" e sinalou o actual rexedor Agustín Hernández como "cómplice". Tamén Yolanda Díaz cualificou de "indecentes" estes movementos e criticou as "portas xiratorias". Para Díaz, a "un alcalde corrupto, un delincuente", agora "atópanlle un posto marabilloso pola porta de atrás nunha empresa pública como Tragsa".De igual xeito, a xuízo do voceiro do BNG no Concello de Santiago, Rubén Cela, esta operación é un "escándalo maiúsculo" deseñado para "comprar o silencio" de Currás. E o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, cualificou o posible nomeamento como "impresentable" e "un insulto a toda a cidadanía que está neste momento escandalizada coa onda de corrupción do PP".

Hernández, con Currás e Feijóo nun acto oficial © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.