O presidente dos populares galegos advirte de que "o partido ten que estar sempre en tensión" pero insiste en que non hai "ningunha novidade" a respecto dun posible adianto electoral en Galicia
O presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, volveu desmentir este xoves que a día de hoxe prevea adiantar as eleccións galegas que se deben celebrar como moi tarde en setembro do próximo ano. Así o dixo nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta na que lle preguntaron por diversas discrepancias internas e preocupacións no seo da súa formación que están saíndo á luz nas últimas xornadas e ás que el mesmo engadiu unha máis. Segundo admitiu, no PPdeG hai quen teme “relaxación electoral tras tantos procesos electorais seguidos”.
Rueda foi cuestionado polo contido das sucesivas reunións que vén mantendo coas direccións provinciais do PPdeG tras as eleccións municipais do pasado 28 de maio e sobre se nelas se falou dun posible adianto das galegas. O presidente dixo que neses catro encontros houbo preguntas repetidas, como cales foron as razóns polas que decidiu non adiantar os comicios autonómicos para facelos coincidir coas xerais do próximo 23 de xullo.
Segundo dixo, trasladou aos seus compañeiros de partido o mesmo argumento que deu en público, que aínda aspira a impulsar moitas medidas políticas no que queda de lexislatura. E puxo como exemplo que este mesmo mes de xuño comezarán os trámites para elaborar os orzamentos da Xunta para o próximo ano.
Pero Rueda tamén admitiu que unha das preguntas ou preocupacións que lle trasladaron os seus en varios deses encontros foi “se podía o partido ter unha relaxación electoral tras tantos procesos electorais seguidos”. Cuestión á que el, di, respondeu apelando a que “o partido ten que estar sempre en tensión”.
Rueda di que non é o momento de pronunciarse sobre os debates internos que admite que se están producindo no PP de Pontevedra sobre quen debe presidir a Deputación
Rueda tamén foi cuestionado este xoves sobre os debates internos que se están a producir na provincia de Pontevedra, que admitiu, sobre quen debe presidir a Deputación Provincial que o PP vén de recuperar nas municipais. Fronte a alcaldes gañadores con amplas maiorías e con experiencia de xestión en cargos superiores, como o de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña -ex-conselleiro, ex-presidente do Porto de Vigo e con experiencia tamén no goberno provincial-, os nomes sobre os que se pediu un pronunciamento de Rueda foron os da candidata en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e do presidente do PP provincial, Luis López.
Rueda non quixo pronunciarse sobre ningún limitándose a lembrar que antes das corporacións provinciais haberá que constituír as corporacións municipais, o vindeiro sábado 17. Pero sobre o caso de López si admitiu que se finalmente é o elixido para presidir a Deputación obrigará a un “movemento” na lista do PP en Rodeiro, pola que concorreu ás municipais como último suplente. Que López sexa presidente provincial implicaría, xa que logo, que 16 compañeiros e compañeiras dimitan para que poida ser concelleiro, condición legal para acceder á Deputación.
Rueda di que "segue en pé" a súa oferta a PSdeG e BNG para que sexa alcalde de Ourense o popular Manuel Cabezas en lugar de Gonzalo Pérez Jácome
Rueda tamén foi preguntado pola posibilidade cada vez máis próxima de que Gonzalo Pérez Jácome siga sendo alcalde de Ourense como candidato da lista máis votada se antes do sábado 17 non se configura unha maioría absoluta alternativa entre PP, PSdeG e BNG. A súa resposta foi que "segue en pé" a súa oferta para que sexa alcalde o popular Manuel Cabezas, líder da segunda lista máis votada, co apoio de socialistas e nacionalistas.