A esquerda poderá seguir gobernando a deputación da Coruña e tamén a de Lugo, neste caso por unha estreita marxe. Este é o veredito que deixa tras de si a nivel provincial o reconto provisional das eleccións municipais deste 28M, polo cal o PP logra unha das metas que se lle resistía dende 2015, ao lograr a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra e ver garantido o goberno desta institución mentres a de Ourense queda no aire.
A Deputación da Coruña seguiría presidida polo PSdeG e igual que a de Lugo, onde o resultado foi moi apertado; Pontevedra cae para o PP e en Ourense, Baltar non ten maioría
Problemas no escrutinio nalgunhas mesas da provincia lucense dificultaron ata a madrugada saber se o ente provincial lucense volvería ser gobernado polo PSdeG e o BNG ou se caería nas mans do PP. Pasada a 1, e segundo adiantou El Progreso, confirmábase que o bipartito de socialistas e BNG mantiña o poder tras un reconto in extremis e con problemas nunha mesa no barrio de Fingoi da capital lucnse e con outra en Castro de Rei, onde un erro ao contabilizar as papeletas daba en principio ao PP a Deputación, que finalmente se mantería en mans da esquerda. Fontes do PSdeG lucense consultadas por Praza.gal dan por ratificada a continuidade do goberno da esquerda e tamén o axustadísimo da vitoria.
En Ourense, pola súa banda, e tamén co 100% xa escrutado, a perda da maioría absoluta por parte do PP deixaba en dúbida que José Manuel Baltar repita como presidente.
No ano 2019 o pacto entre PSdeG e BNG foi quen de reter para a esquerda os gobernos provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra, mentres que en Ourense o PP de Baltar mantivo o poder grazas ao apoio de Democracia Ourensana (a cambio de entregarlle a Gonzalo Pérez Jácome a alcaldía da capital provincial).
Daquela, a maioría de PSdeG e BNG foi clara en Pontevedra (16 contra 11) e a esquerda tamén dominou amplamente na Coruña, con 17 votos de PSdeG, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños fronte a 14 do PP. En Lugo o triunfo do bloque progresista fora moito máis axustado, cunha maioría dun só deputado, 13 contra 12, unha circunstancia igual de apertada agora.
A sorpresa, xa confirmada esta vez, foi en Pontevedra: os populares lograron 14 deputados, mentres que o PSdeG baixou de 13 a 9 e o Bloque subiu a 4. Carmela Silva deixará, xa que logo, de ser presidenta do organismo provincial.
Ademais, en Ourense, o PP non obtivo a maioría absoluta na Deputación de Ourense, polo que Manuel Baltar non ten garantido repetir como presidente do ente provincial. Co escrutinio case rematado, os populares obterían 12 deputados, por 7 para o PSdeG, 3 para o BNG e outros 3 para Democracia Ourensana.
A situación é semellante á de 2019 e daquela Baltar salvara a presidencia grazas a un pacto con Pérez Jácome, que foi investido alcalde polo PP tras acordar darlle a presidencia aos populares na Deputación. Agora, cos resultados na capital e co enfrontamento dos últimos tempos, o acordo parece moito máis complicado, máis tendo en conta que desde o PP insistiron en que aquel acordo non se ía repetir desta vez e, sobre todo, que Jácome non os precisa para reter a alcaldía da capital da provincia.