Rueda recupera o ex-conselleiro Almuiña como candidato en Baiona tras o afundimento do PP na comarca

Rueda e Almuiña, este mércores en Baiona CC-BY-SA PPdeG

O intento do popular de volver á alcaldía que ocupou de 2004 a 2015 deixa no aire a presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo, contrapoder que os populares veñen empregando fronte o alcalde da cidade

O PPdeG quixo dar este mércores unha relevancia inusual á presentación do seu candidato para Baiona (12.000 habitantes) nas próximas eleccións municipais do 28 de maio. No acto no que se desvelou o nome participaron o presidente Alfonso Rueda, a súa número 2, Paula Prado, e o presidente e a secretaria provincial do PP en Pontevedra, malia que a persoa elixida, o ex-conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, nin sequera será unha novidade, posto que xa foi alcalde da vila entre 2004 e 2015. 

A elección non é unha sorpresa, pero é un movemento que pon o foco na necesidade do PP de recuperarse do seu afundimento na comarca do Val Miñor e en xeral na maioría da área metropolitana de Vigo. E ao tempo implica deixar no aire o control da Autoridade Portuaria que ata agora ocupaba Almuiña e que os populares veñen empregando como contrapoder fronte o alcalde vigués, Abel Caballero.

Jesús Vázquez Almuiña co seu sucesor no PP baionés e curmán, Ángel Rodal Almuiña, de marrón, nun acto da iniciativa de praias sen tabaco que impulsou na vila como alcalde e despois estendeu a toda Galicia como conselleiro de Sanidade CC-BY-SA Xunta de Galicia

Almuiña chegou á alcaldía de Baiona en 2004 grazas a unha moción de censura contra o daquela alcalde do PSdeG, Carlos de la Peña, apoiada nun independente, Benigno Rodríguez Quintas, condenado por fraude cando fora rexedor da vila nos anos 80 do século pasado. Entre iniciativas exitosas e condenas por mala xestión Almuiña consolidouse como alcalde e obtivo maiorías absolutas nas municipais de 2011 e 2015, ata que en outubro dese ano foi nomeado conselleiro de Sanidade por Feijóo.

Almuiña estivo á fronte da sanidade galega cinco anos, ata setembro de 2020, cando tras enfrontarse ao primeiro medio ano da Covid foi substituído por Julio García Comesaña e recolocado por Feijóo na Autoridade Portuaria de Vigo. Segundo revelou despois Feijóo, foi o propio Almuiña o que pediu ser relevado en plena pandemia.

O PP baionés, desnortado tras a marcha de Almuiña, criticou o pasado verán que se fixese en "dialecto" galego un acto cultural por "respecto" aos turistas

Na súa marcha da alcaldía de Baiona en 2015 Almuiña deixou á súa fronte a un curmán, Ángel Rodal Almuiña, que non foi quen de manter a maioría absoluta e nas municipais de 2019 deu paso a un tripartito de PSdeG, BNG e unha formación independente. Na estratexia de Feijóo, Almuiña debía seguir sendo, como conselleiro ou xa no porto, o referente político, figura de autoridade ou guieiro para os responsables do PP no Val Miñor. Pero os resultados non acompañaron e en 2019 os populares non só perderon a alcaldía de Baiona senón que en Nigrán e Gondomar o PSdeG logrou maiorías absolutas con cifras semellantes ás do vigués Abel Caballero.

Comunicado do PP de Baiona en Facebook queixándose pola representación dun monólogo en galego CC-BY-SA Praza.gal

Actuacións como a do PP de Baiona criticando o pasado xullo que se fixese en “dialecto” galego un monólogo de Quico Cadaval por “respecto” aos turistas seguen sen axudar a que os populares levanten cabeza. 

Para mudar a situación recorre agora Rueda novamente a Almuiña, pero a cambio de deixar no aire a Autoridade Portuaria de Vigo, que os populares -e o PSOE cando as tornas estiveron mudadas- veñen empregando como sorte de contrapoder local fronte a alcaldía da cidade. Ao igual que ocorre coa delegación da Xunta en Vigo, cuxa titular, Marta Fernández-Tapias, será a candidata popular á alcaldía da cidade nas municipais de maio. 

Rueda e Almuiña en 2015 cando eran vicepresidente e alcalde respectivamente CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda presentou a Almuiña como "o mellor alcalde" de Baiona, situándoo así por diante doutro rexedor do PP con máis anos á fronte da alcaldía, Manuel Vilar

En principio Almuiña non deixará a Autoridade Portuaria ata despois das eleccións de maio. E este mércores Rueda presentouno como "quen foi o mellor alcalde" de Baiona, situándoo así por diante doutro rexedor do PP con máis anos á fronte da alcaldía, Manuel Vilar, que a ocupou doce anos. O presidente popular tamén lembrou que Almuiña fixo a "carreira" á alcaldía xa catro veces no pasado "e sempre lle saíu ben", equiparando así a moción de censura que o fixo alcalde por primeira vez coas outras tres ocasións en que foi elixido tras as eleccións municipais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.