Os populares censuran a actuación e a presentación na mesma lingua da concelleira de Cultura e din entender “que noutra época do ano si se poida optar polo noso dialecto” pero que “non é de recibo que se faga en pleno verán”
O PP de Baiona, na oposición desde as pasadas eleccións municipais, criticou este xoves unha actuación, no marco da programación cultural do Concello, do actor e dramaturgo Quico Cadaval en galego, o seu idioma habitual e co que é recoñecido a nivel internacional. Os populares din entender que “noutra época do ano si se poida optar polo noso dialecto” pero que “non é de recibo que se faga en pleno verán, a época de maior afluencia turística”.
A queixa do PP, feita pública a través dunha nota de prensa enviada aos medios de comunicación e publicada na súa conta de Facebook a media tarde do xoves, foi corrixida ás 8.57 horas da mañá deste venres mudando “dialecto” por "idioma", tras múltiples queixas de particulares en redes sociais.
O PP criticou que este tipo de actividades culturais “sempre se fixeron en castelán como un xesto de cortesía aos visitantes”. Unha afirmación que contrasta con outras moitas actividades culturais programadas durante o verán que se desenvolvían en galego tamén durante os anteriores mandatos dos populares, co despois conselleiro Jesús Vázquez Almuiña ou co seu sucesor Ángel Rodal Almuiña como alcaldes. Este último, que segue encabezando o partido en Baiona, comentou tamén o xoves na súa conta particular de Facebook que “nunca debemos hacer lo que no nos gustaría que nos hiciesen a nosotros”.
O partido atribuíu a publicación a "un erro" da "profesional encargada da redación de notas de prensa"
Tras corrixir a publicación orixinal ás 8.57 horas deste venres, posteriormente, ás 9.25, nos comentarios á mesma o propio PP engadiu como explicación ante as queixas recibidas que "la profesional encargada de la redacción de notas de prensa, que es ajena al grupo municipal, lamentablemente cometió un error al escribirla. Hemos procedido a la corrección de la redacción y pedimos disculpas en su nombre y también en el nuestro". E algo máis tarde, ás 11.16 horas, publicaron unha nova entrada, desta volta en galego: "Dende o PP de Baiona pedimos desculpas polo grave erro cometido con respecto á nosa lingua. Como sabedes, unha das premisas do noso partido é a difusión, protección e posta en valor da lingua galega, e así o seguirá sendo".
Un dos maiores contacontos da historia galega, Joselín, foi alcalde da vila hai case un século
A crítica aos monólogos humorísticos en galego de Quico Cadaval en Baiona por parte de alguén como Ángel Rodal Almuiña que foi alcalde da vila contrasta co feito de que un dos maiores contacontos da historia galega e en galego, Joselín, foi alcalde de Baiona hai case un século.