Joselín: foi un contacontos o primeiro alcalde nacionalista da historia de Galicia?

José Rodríguez de Vicente, Joselín, caracterizado para unha actuación e actas municipais de Baiona CC-BY-SA Praza Pública

En abril de 1924, hai agora 95 anos, José Rodríguez de Vicente, membro da Irmandade Nazonalista Galega e humorista, é nomeado tenente de alcalde de Baiona. A prensa da época preséntao como alcalde, o que o convertería no primeiro rexedor nacionalista, pero iso non ocorreu ata 1927. Investigamos nas actas municipais e falamos con Justo Beramendi.

“Irmanciño”. Así se dirixía Castelao nunha carta de comezos dos anos 20 a José Rodríguez de Vicente, compañeiro seu nas Irmandades da Fala e na Irmandade Nazonalista Galega. A finais daquela década Rodríguez de Vicente xa sería coñecido como Joselín o dos contos, o autor en 1929 da primeira gravación sonora de contos e monólogos humorísticos en galego. Polo medio, coincidindo cun pequeno aperturismo da ditadura de Primo de Rivera en 1924, a prensa da época preséntao como alcalde de Baiona, o que o convertería, hai agora xusto 95 anos, no primeiro alcalde nacionalista de Galicia. Pero realmente non foi alcalde ata tres anos máis tarde, en 1927, como constatan as actas municipais. “Daquela, coas irmandades desfeitas, podía ir por libre”, admite o historiador Justo Beramendi.

Nacido en Vigo en 1895, José Rodríguez de Vicente era fillo do administrador do pazo que albergaba a fortaleza da vila, derruído para construír o actual Parador de Turismo. En 1916 emigrou a Uruguay, onde traballou como xornalista, pero aos dous anos retornou, asentouse en Baiona, onde rexentou un café, e comezou a participar nas irmandades. 

A comezos de 1924 cadros nacionalistas (Villar Ponte, Risco, Torres Agrelo ou Rodríguez de Vicente) aceptaron ser concelleiros designados pola ditadura de Primo de Rivera coa promesa de que se crearía unha  Mancomunidade supraprovincial en Galicia

Tras a implantación da ditadura de Primo de Rivera en setembro de 1923, Calvo Sotelo, responsable da Administración, impulsou unha serie de reformas que implicaron “unha notable renovación dos cadros políticos municipais e provinciais”, segundo relata Beramendi na súa magna obra De provincia a nación, historia do galeguismo político (Xerais). Alí explica como ante a promesa de Calvo Sotelo dunha posible Mancomunidade supraprovincial para Galicia similar á que estaba a impulsarse en Catalunya moitos cadros nacionalistas aceptaron formar parte daquela renovación municipal que o réxime ditou a comezos de 1924. “A súa presenza nos novos concellos e deputacións non foi irrelevante, se atendemos ós seus magros efectivos”, escribe Beramendi, e detalla como Antón Villar Ponte aceptou ser concelleiro na Coruña, Vicente Risco en Ourense ou Torres Agrelo na Estrada. No listado Beramendi destaca que “o delegado da ING en Baiona e propietario do Café La Marina, José Rodríguez de Vicente, foi agraciado co posto de alcalde”.

Consultado por esa cuestión, que situaría a Rodríguez de Vicente como primeiro alcalde nacionalista de Galicia fronte a outros compañeiros que non pasaron de concelleiros, Beramendi sinala que a súa fonte para ese fragmento da súa obra foi a prensa da época. E efectivamente, revisando a hemeroteca Rodríguez de Vicente é presentado en ocasións como alcalde de Baiona, pero noutras, no mesmo xornal, e de xeito alterno, aparece como tenente de alcalde ou simple concelleiro, para volver aparecer máis tarde como alcalde. E o mesmo ocorre en varios xornais distintos.

Exemplos de xornais de 1924, que citan a Rodríguez de Vicente como alcalde en maio e como alcalde accidental en xullo CC-BY-SA Praza Pública - Galiciana

Foi ou non Rodríguez de Vicente alcalde de Baiona a comezos de 1924 converténdose no primeiro alcalde nacionalista de Galicia? A resposta está no arquivo municipal de Baiona, onde se gardan documentos municipais de hai séculos. 

O 6 de febreiro de 1924 a Corporación de Baiona constitúese con Rodríguez de Vicente como concelleiro, e o 16 de abril xa é citado como primeiro tenente de alcalde

Unha revisión ás actas do Concello da época permiten comprobar como o 6 de febreiro de 1924 a autoridade militar da ditadura -un coronel de infantería- destituíu o anterior rexedor de Baiona, José Martínez-Barros, e constituíu unha nova Corporación, con concelleiros elixidos polo réxime entre os que estaba Rodríguez de Vicente, que nomeou como novo alcalde, con 10 votos a favor e unha abstención, a Manuel Barreiro. Nunha reunión dez días despois, Barreiro preside a Corporación, pero o 24 de febreiro xa a preside outro concelleiro, e o 16 de abril outra acta constata como Rodríguez de Vicente preside unha comisión permanente como primeiro tenente de alcalde en funcións de alcalde. En maio as actas volven situar a Barreiro presidindo como alcalde, e durante os meses seguintes altérnase a súa presencia con presidencias das reunións por parte doutros concelleiros.

Libro de actas de Baiona de 1924 e primeira referencia a Rodríguez de Vicente como tenente de alcalde, o 16 de abril CC-BY-SA Praza Pública

Beramendi dá credibilidade á posibilidade de que os xornalistas da época se confundisen ao referirse en ocasións a Rodríguez de Vicente como alcalde cando só actuaba como tenente de alcalde

En xuño de 1925 o alcalde Barreiro e outros concelleiros, entre eles Rodríguez de Vicente, renuncian ao posto, e un mes máis tarde a autoridade militar volve presidir a constitución dunha nova Corporación na que volve estar presente este último. 

Ante esta situación constatada nas actas municipais, Beramendi dá credibilidade á posibilidade de que os xornalistas da época se confundisen ao referirse en ocasións a Rodríguez de Vicente como alcalde cando só actuaba como tenente de alcalde, matiz que si reflectían noutras ocasións os mesmos xornais.

As actas municipais de Baiona constatan que Rodríguez de Vicente non é elixido alcalde por parte do resto da Corporación ata o 11 de xuño de 1927, coas irmandades desfeitas entre o 25 e o 28

A realidade é que as actas municipais de Baiona constatan que Rodríguez de Vicente non é elixido alcalde por parte do resto da Corporación ata o 11 de xuño de 1927. Podía daquela Rodríguez de Vicente seguir sendo considerado un alcalde nacionalista? “No 25 as irmandades desfanse ata o 28, así que en 1927 Rodríguez de Vicente podería ir por libre”, explica Beramendi. 

Acta do 11 de xuño de 1927 que dá conta da elección de Rodríguez de Vicente como alcalde de Baiona por 11 votos a favor, un en branco e un ilexible CC-BY-SA Praza Pública

Joselín, o personaxe dos contos, é un labrego que podería ser obxecto de mofa pero cuxas sentenzas cargadas de sabedoría popular acaban volvéndose contra os que o intentan ridiculizar

Pouco despois de ser elixido, Rodríguez de Vicente recibe ao rei Afonso XIII de visita en Baiona, e un ano máis tarde faino con Primo de Rivera, que lle impón a Orde do Mérito Civil. En 1929, seguen reflectindo as actas, pide licencia para atender asuntos persoais e comeza a afastarse da política representativa, que non do activismo social e cultural. Ese mesmo ano dá un paso adiante coa súa traxectoria teatral previa e grava os seus primeiros Contos de Joselín, faceta de humorista e monologuista con trasfondo social -Joselín é un labrego que podería ser obxecto de mofa pero cuxas sentenzas cargadas de sabedoría popular acaban volvéndose contra os que o intentan ridiculizar- que seguiría a cultivar nos anos seguintes, cando comeza a desprazarse, primeiro a Salamanca, a Madrid en 1930 e despois a Bos Aires en 1932, onde fundaría dous anos máis tarde o centro de emigrantes de Baiona despois convertido no centro do Val Miñor. 

Joselín foi tamén famoso na radio arxentina, e aínda que volvería puntualmente a España, mesmo amosando simpatía polo novo réxime de Franco, e alternaría proxectos culturais a ambas as dúas beiras do Atlántico, sería en Bos Aires onde morrería en 1958.

Rodríguez de Vicente falando pola radio en Arxentina en 1933 nunha imaxe da revista Vida Gallega © Galiciana

“Vai ti saber se era nacionalista”, conclúe Beramendi

Sobre a súa importancia como suposto primeiro alcalde nacionalista de Galicia, Beramendi matiza que xa na Restauración houbera algún concelleiro electo que se podía considerar nacionalista, e o mesmo ocorría na época de Rodríguez de Vicente en lugares máis relevantes como Vigo. Tampouco sería o primeiro alcalde elixido nas urnas, o que non ocorrería ata a Segunda República, con figuras como Ángel Casal en Santiago ou Johan Carballeira en Bueu. “Tras romperse a promesa de Calvo Sotelo dunha Mancomunidade para Galicia, uns nacionalistas marchan das corporacións municipais e outros quedan”. Rodríguez de Vicente foi dos que quedou, cunha personalidade tan inclasificable como para crear a figura de Joselín. “Vai ti saber se era nacionalista”, conclúe Beramendi.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.