Un amo e a súa criada fronte a un conselleiro e a súa xefa de prensa, unha ópera barroca fronte a unha ópera contemporánea. Falamos con Quico Cadaval de 'A sombra de Cristal', con música de Fernando Buíde, que se estrea os días 9 e 10 en Santiago
A sombra de Cristal pode ser a ópera perfecta para quen non acude normalmente á ópera, como salienta Quico Cadaval nesta conversa. Non é que sexa tan doado ver ópera en galego, mais nos últimos anos agromaron os exemplos. E en varias desas experiencias están os nomes do músico Fernando Buíde e do dramaturgo e director teatral Quico Cadaval, que agora se xuntan nesta ópera bufa de estética contemporánea que se estrea o día 9 no Auditorio de Galicia. Esta obra é unha coprodución da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e da Real Filharmonía de Galicia, e tamén se representará o día 10. Baixo a batuta de Paul Daniel, conta coa soprano María Hinojosa, o barítono César San Martín e o actor Víctor Mosqueira sobre o escenario, así como cos músicos da Real Filharmonía.
Despois dos achegamentos á ópera que levas na túa carreira, como está a ser a experiencia con A sombra de Cristal?
Pois ben diferente que con A ópera dos tres reás, porque daquela era o director de escena dun clásico do século XX. Quero dicir que é unha obra canónica, moi coñecida e moi montada, na que eu tiña unha responsabilidade limitada. Pero si que era moi aparatosa porque tiñamos unha orquestra e unha ducia de intérpretes. Entón, aquilo daba moito traballo, máis que nada pola súa propia complexidade.
Neste caso é unha montaxe semiescénica con dous intérpretes sonoros, máis un actor mudo, sen escenografía. Entón, o traballo de director de escena está moi simplificado. Agora teremos os músicos á vista, será toda a Real Filharmonía de Galicia.
E é moi distinto tamén, se nos metemos na miña vida musical, a A ópera das catro notas, que montei co Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), que foi unha experiencia bastante agradable que estaría a metade de camiño entre A ópera dos tres reás e a A sombra de Cristal.
Mais neste caso, ao estar a cargo do libreto da obra, estás moito máis metido.
Pois si. Se comezamos polo principio, propuxéronme –para unha composición de Fernando Buíde, que é grande esperanza branca da música contemporánea galega– facer algo para ser interpretado con La serva padrona (en galego, A criada padroa) de Pergolesi. Así que é unha obra cun obxectivo, complementaria.
Eu preguntei se querían facer unha versión moderna de La serva padrona, que iso é algo que se fai con frecuencia: colles unha obra clásica e tráela ao contemporáneo. Pero non, querían que se fixesen as dúas, por iso, escribimos un libreto –dunha música fermosísima de Fernando– para algo que ten sentido por si só. A sombra de Cristal pódese representar soa, pero ten moito máis sentido se se representa como imos facer nós: unha despois da outra.
Entón, o encargo era crear unha ópera que dialogue coa clásica de Pergolesi?
Si, dalgunha maneira tiña que ter relación coa de Pergolesi. Para comezar, as tesituras tiñan que ser as mesmas porque artisticamente, e para provocar un desafío menor para a soprano e o barítono, pasamos dun estilo Barroco a, inmediatamente, case sen descaso, atacar unha música contemporánea completamente distinta. A experiencia artística para unha cantante é completamente diferente. Entón, ese desafío interesoulle moito á orquestra, pero sobre todo o é para os intérpretes.
"Sempre está na base da comedia darlle a volta ao mundo"
Como é La serva padrona?
La serva padrona é un xoguete cómico exitoso. Realmente era un intermezzo, ía nos descansos dunha ópera grande e seria, e gustou moitísimo. De tal maneira que pasou a representarse por si soa. O argumento está moi ligado á Commedia dell'Arte, onde o amo dunha casa vese manipulado e dominado pola súa criada. Era unha fantasía, evidentemente, pois eran cousas que non pasaban, pero sempre está na base da comedia darlle a volta ao mundo. Entón, no mundo ao revés, a criada é a ama. Son personaxes moi recoñecibles da Commedia dell'Arte. De feito, hai un personaxe mudo que é Vespone, que é outro criado, que colabora con ela nunha embrolla para enganar o amo.
E como enfocaches A sombra de Cristal?
Fixemos un argumento de actualidade, igualmente fantástico no sentido de que é pouco probable que se dea na realidade, pero con personaxes actuais e existentes. Un conselleiro da Xunta de Galicia –animais que existen– pero dunha Consellería imaxinaria. E a subalterna, o que sería a criada, neste caso é unha subalterna teórica do conselleiro: é a súa xefa de prensa –Cristal– que, digamos, é a dona da súa vida pública. Non me refiro a ninguén, pero hai referencias no texto a que é despois dos tempos de Don Manuel, polo tanto, a acción sucede despois de 2006; pero alúdese ás redes sociais así que é despois de 2011, xa non pode ser no bipartito.
Intentei escribir unha cousa agradable que insistise sobre a sensación de que un subalterno manda, como o mánager dunha estrela de rock. Ademais, puxemos como conselleiro a unha persoa moi sensible, timorata, á que non lle gustan os actos públicos; e é a súa xefa de prensa a que quere que vaia a todos eses actos para saír nos medios. O terceiro personaxe, que equivale ao mudo de La serva padrona, é o que ten que protexer ao conselleiro, un profesional da seguranza que se ocupa dunha maneira esaxerada de defender a súa integridade.
Como encaixan as estéticas de ambas obras?
En realidade non conviven, é unha sucesión. De feito, no intermedio entra media orquestra porque na ópera barroca a orquestra está máis reducida e todo son madeiras, os metais entran con A sombra de Cristal. Todo isto vaino ver o público, que asistirá tamén ao trastorno dos cambios. Como queremos traballar o contraste, a primeira parte terá un aspecto máis teatral, con pouca escenografía e roupa de época.
E como chegaches a este elenco?
Nunha ópera, o autor por antonomasia é o compositor, o libretista é un mero instrumento. Na parte cantada foi moi importante a opinión tanto de Fernando Buíde como de Paul Daniel. Baralláronse varios nomes, pero eu quedei moi impresionado polos dous nomes: a soprano María Hinojosa e o barítono César San Martín. No actor xa tiña eu máis man, e quixen contar con Víctor Mosqueira.
"A música de Fernando Buíde é moi irónica e moi referencial"
Tes moitos eloxios para Fernando Buíde, como foi traballar con el?
Polo que pelexamos moito foi por quen ía comezar. Eu dicíalle ′ti fai unha música bonita e eu métolle letra aí′, pero el dicía que era ao contrario, que o que ía inspirar a música era a historia. Estivemos así ata que me preguei e, con moita cautela, ofrecinlle textos. Parecéronlle ben e xa me fun animando.
Ao final na arte moderna somos moi lidos todos, entón, que nun momento o personaxe se quede só e reflexione xa o temos moi asumido, e xa na escrita me ía cara aí. Fernando dicíame que se non podía ter un final pletórico, pero eu quería acabar cunha escena na que quedase o personaxe a durmir. E así fomos tirando. A música de Fernando é moi irónica e moi referencial. A música moderna culta normalmente ofrece un esforzo, pero aquí hai un esforzo e unha maneira de entrar con moita ironía. Gustoume moito traballar con Buíde, gustaríame repetir. Non creo que el queira, pero nunca se sabe.
Cres que esta é unha ópera que serve para que o público profano se achegue ao xénero?
Si, creo que si. Cando produzo cousas intento ser moi comunicativo e a música de Fernando tamén o é. Ademais, creo que vai funcionar ben o experimento porque La serva padrona é moi agradable, son todo músicas que –aínda que non a escoitaras nunca– nos soan porque temos metido o estilo barroco nas orellas. Entón, logo entramos noutra música que está chea de citas, do mesmo modo que a acción. E penso que é ideal para persoas que nunca fosen á ópera.