No número 46 da rúa Areal de Vigo, con vistas á ría, levántase o edificio que alberga o despacho máis desexado da cidade nos últimos anos e que volve agora á lea política. O PP vén de criticar que o novo delegado da Zona Franca, o socialista David Regades, home de confianza do alcalde, Abel Caballero, queira trasladar alí a súa sede desde a actual no interior do recheo portuario de Bouzas. O consorcio da Zona Franca, convertido hai anos en contrapoder ou respaldo económico segundo quen goberne o Concello, sumaríase así á longa lista de institucións que buscaron visibilidade instalándose na rúa Areal, nun edificio que chegou a ser sede da Alcaldía da cidade en tempos da popular Corina Porro, á que os socialistas criticaron no seu momento polo “desbalde” de gastar 377.000 euros en amoblar o seu despacho.
O PP critica que o novo delegado de Zona Franca, home de confianza do alcalde, queira trasladar a súa sede ao mesmo edificio que a popular Corina Porro amoblou entre denuncias de desbalde dos socialistas
Rematado en 1865 como unha das primeiras grandes residencia particulares de Vigo, a Casa de Fernando Carreras é máis coñecida na cidade como a antiga sede do Reitorado da Universidade na rúa Areal. Tras ser vivenda, por alí pasaron a oficina na cidade do Banco de España e a sede do Goberno Militar antes de que pasase a mans do Concello. Tras crearse a Universidade de Vigo, nos anos 90 o Concello cedeulle o seu uso para albergar nel o seu Reitorado e servizos administrativos. Malia que esa situación durou pouco máis dunha década, ata que a principios dos 2000 a universidade centralizouse no Campus das Lagoas-Marcosende, o edificio permanece aínda hoxe na memoria da cidade como o antigo Reitorado.
A marcha del da universidade supuxo a súa reversión ao Concello, que nestes anos deulle diversos usos, dos que o seu auditorio é probablemente o que máis constante se mantivo neste tempo con conferencias periódicas. En 2006, coa popular Corina Porro como rexedora, esta decidiu trasladar a ese edificio a sede da Alcaldía que ata daquela ocupara parte da primeira planta da torre que alberga a sede central do Concello na Praza do Rei. Pretendía dar maior visibilidade á institución nun edificio señorial a pé de ría que contrastaba coas envellecidas instalacións da ladeira do Castro.
Os socialistas non denunciaran o custo do despacho da popular Porro ata 2011, máis de catro anos despois, ás portas de novas eleccións municipais, malia que se producira ao tempo que a polémica sobre os mobles do despacho de Touriño na Xunta
Esa Alcaldía na rúa Areal acabaría por ter un uso reducido, visible nunhas poucas recepcións oficiais a autoridades. E efémero, xa que só un ano despois, en 2007, o socialista Abel Caballero facíase co Goberno local e devolvía a Alcaldía ao seu antigo emprazamento no edificio central da Praza do Rei. Alí deixaría pasar catro anos antes de que, ás portas dunhas novas eleccións municipais, en abril de 2011 e con Porro novamente como opoñente, os socialistas decidisen denunciar o “desbalde” que supuxera en 2006 a decisión da popular de empregar o edificio da rúa Areal. Sabíase que a reforma integral do edificio custara dous millóns de euros, pero agora saían á luz facturas que evidenciaban que o mobiliario do despacho principal da alcaldesa supuxera 377.000 euros. Unha infografía divulgada polos socialistas a xeito de catálogo de tenda de mobles identificaba o custo de cada obxecto.
Aquela denuncia dos socialistas producíase máis de catro anos despois dos feitos en cuestión e dous anos despois da campaña similar lanzada polos populares contra unha reforma semellante do edificio de San Caetano que alberga a Presidencia da Xunta e que tamén supuxo a renovación do seu mobiliario entre acusacións ao daquela presidente Touriño de comportarse como o “sultán de Brunei”. Foi precisamente nun mitin en Vigo en 2009 onde o daquela candidato Feijóo prometeu que “eses caixóns de luxo, eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración”. Porén, unha década despois aqueles mobles de Touriño seguen a ser os que emprega o actual presidente, que non se desfixo deles.
Cando os populares xa saíran do Concello pero aínda controlaban a Deputación de Pontevedra tamén tentaron darse visibilidade na cidade a través das oficinas que instalaron no mesmo edificio
Nada se falara nas autonómicas de 2009 dos mobles vigueses de Porro de 2006, que aínda tardarían dous anos máis en ser denunciados polos socialistas. Faríano ás portas das novas eleccións municipais de 2011 nas que Porro aspiraba a recuperar a alcaldía tras buscar visibilidade noutras institucións que, novamente, aproveitaron o edificio do Areal. Porque antes de saír do goberno local en 2007, Porro asinara un convenio coa Deputación de Pontevedra controlada polo tamén popular Rafael Louzán polo que esta acabaría instalando nun anexo do edificio do Areal unhas oficinas a xeito de delegación en Vigo da institución provincial. Co PP fóra da alcaldía, a designación de Porro como vicepresidenta da Deputación, ao igual que tamén o foi o seu número dous, Chema Figueroa, fixo que esas instalacións fosen empregadas para dar visibilidade na cidade a actos e roldas de prensa dos populares que aspiraban a recuperar o goberno local coa institución provincial como trampolín. Posteriormente, en 2009 Porro sería nomeada por Feijóo presidenta do Porto de Vigo, con sede institucional tamén a moi poucos metros.
O edificio municipal do Areal foi posteriormente proposto polos socialistas como sede da eurorrexión, de novas oficinas da universidade no centro da cidade ou da Área Metropolitana de Vigo, pero o conflito entre Caballero e Feijóo paralizou ese último ente. Tamén a Zona Franca, cando a súa delegada era a popular Teresa Pedrosa, barallou a posibilidade de instalar nel un centro de innovación gastronómica, pero segundo agora critican os populares o Concello puxera un prezo demasiado alto para venderlle o inmoble. O Goberno local pedía cinco millóns de euros, cifra que superaba amplamente os tres millóns de euros da taxación que fixera a Zona Franca, segundo salienta o PP.
“A primeira decisión da Zona Franca é poñerlle un despacho ao delegado no centro de Vigo que vai custar máis de cinco millóns de euros”
Así que igual que no seu momento Abel Caballero criticara que Corina Porro gastara “dous millóns de euros” en amoblar o seu despacho no edificio do Areal, os populares agora volven coller a parte polo todo: “A primeira decisión da Zona Franca é poñerlle un despacho ao delegado no centro de Vigo que vai custar máis de cinco millóns de euros”, esaxera agora o PP como fixera Caballero.