De espazo sen aranceis a contrapoder político: 70 anos da Zona Franca de Vigo

BOE de 1947 co Decreto que autoriza a Zona Franca de Vigo, na imaxe na súa sede de Bouzas CC-BY-SA Praza Pública

O 2 de xullo de 1947, hai agora 70 anos, o Boletín Oficial del Estado publicaba o Decreto polo que Francisco Franco, e no seu nome o ministro de Facenda, Joaquín Benjumea, autorizaba o establecemento no porto de Vigo da terceira zona franca de España. Facíao completando un Decreto-Lei de 1929, durante a ditadura de Primo de Rivera, do daquela ministro de Facenda, José Calvo Sotelo, co que se autorizara a creación de espazos sen aranceis en Barcelona, Cádiz e nun terceiro emprazamento daquela sen precisar na costa norte da Península, que acabaría sendo Vigo. Hoxe, os investimentos que realiza na comarca o Consorcio da Zona Franca de Vigo, que rondan os 50 millóns de euros ao ano, combinan a súa faciana de instrumento de desenvolvemento local coa de contrapoder político, en función de quen goberne no Concello ou na Xunta. Este ano, por exemplo, destinará 10 millóns á ampliación do polígono industrial de Balaídos, pero outros 4 á adquisición do edificio da antiga panificadora, no centro da cidade, xunto ao Concello, para reconvertelo nun novo centro cultural.

Sen esquecer a súa orixe comercial, o consorcio cumpre sete décadas convertido nunha cobizada axencia de desenvolvemento local cuns investimentos anuais que rondan os 50 millóns de euros

Zonas francas como a de Vigo, con maior ou menor parecido, poden atoparse na maior parte dos países. Naceron como espazos delimitados con determinadas exencións fiscais e aduaneiras á marxe do resto do Estado no que se atopaban e pensados para promover a industrialización a partir das exportacións e importacións, de xeito que as mercadorías que chegaban á zona franca e volvían saír non pagaban aranceis. Durante a primeira década tras a súa creación formal en 1947, a Zona Franca de Vigo limitouse a pouco máis que facilitar os movementos de folla de lata no porto, o que fixo que Bilbao tentase levarse ese espazo de privilexio. Sería en 1957, coa apertura da fábrica de Citroën nunha nave levantada no propio peirao, cando se iniciou o progresivo crecemento do Consorcio vigués tanto en número de empresas instaladas como en superficie, coa súa extensión a Balaídos, a onde se trasladou a factoría de automóbiles, ou Bouzas, co recheo sobre a ría que hoxe alberga a sede central da entidade.

O imposto de sociedades das empresas nelas instaladas, cobrado inicialmente polas propias entidades e posteriormente transferido polo Estado, é o principal ingreso das zonas francas españolas. Nas primeiras décadas de expansión, a Zona Franca de Vigo dedicou eses cartos á mellora e ampliación dos espazos industriais que xestionaba, destinando o sobrante a investimentos financeiros. Hoxe Zona Franca xestiona en Vigo os polígonos de Balaídos, Bouzas e Valadares (Parque Tecnolóxico), e na comarca os da Granxa (O Porriño), Porto do Molle (Nigrán) e participa na Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan). As empresas instaladas neses espazos achegan un terzo do Valor Engadido Bruto da comarca de Vigo.

Nos anos 80, coa entrada no mercado europeo, as zonas francas convertéronse en axencias de desenvolvemento local, o que potenciou o seu perfil político

Pero a cousa cambiou nos anos 80, cando coa entrada de España no mercado único europeo a excepcionalidade arancelaria deixou de ter tanto sentido como antes. As zonas francas españolas comezaron a diversificar as súas actividades e a investir na contorna que as albergaba, converténdose na práctica no que se denominan axencias de desenvolvemento local ou comarcal. Foi nesa época cando o Consorcio lanzou proxectos como Abrir Vigo ao Mar, de recuperación da deteriorada fachada litoral do centro da cidade, que supuxo o soterramento do tráfico. Nese espazo xestiona hoxe o Centro Comercial A Laxe e aparcamentos subterráneos que supoñen outra vía de ingresos. Con ese incremento dos investimentos das zonas francas en actividades non estritamente industriais ou comerciais, o Consorcio vigués potenciou o seu perfil de instrumento de actuación política ou de contrapoder fronte a outras administracións. Un perfil político, máis alá do económico, que sempre tivo, aínda que nos últimos anos sexa máis evidente.

Seis delegados en sete décadas

Os delegados transmiten un perfil máis técnico cando os gobernos local e estatal teñen a mesma cor e máis político cando son de partidos distintos

O perfil político, máis alá do económico, de moitas das decisións tomadas pola Zona Franca nestas sete décadas pode intuírse ao repasar a lista dos delegados do Estado no Consorcio, as persoas que o Goberno central nomea para xestionar o día a día da entidade. Durante 70 anos, só seis persoas foron delegados na Zona Franca. O primeiro que estivo á súa fronte, de 1947 a 1978, foi Rafael Portanet, que tamén foi alcalde da cidade e presidente da caixa de aforros municipal no período 1964-1970. Na Transición sucedeuno Fernando Alonso Amat, de perfil máis tecnocrático, ata que en 1989 o PSOE colocou a Francisco López Peña, que estivo á fronte do Consorcio nunha primeira etapa ata 1996 e novamente de 2004 a 2008, cando deixou o posto para fichar polo Grupo Rodman do empresario Manuel Rodríguez, próximo aos socialistas e para quen tamén traballaría a ex-ministra e ex-presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo Elena Espinosa.

En 2004, un ano antes de lanzar a súa campaña á Alcaldía desde a Autoridade Portuaria de Vigo, Caballero tentou sen éxito que o Goberno do PSOE o nomease delegado na Zona Franca

Un exemplo do atractivo político do posto de delegado da Zona Franca foi o intento do actual alcalde, Abel Caballero, de facerse con el en 2004, cando o Goberno socialista optou finalmente por recuperar a López Peña. Caballero tería que agardar un ano máis para facerse coa presidencia do Porto de Vigo e lanzar desde ela a súa campaña á Alcaldía. Tras López Peña, os socialistas colocarían entre 2008 e 2011 a Teresa Pisano, cun perfil máis técnico nun momento en que tanto o goberno central como o local, e en parte do período tamén o autonómico, estaban en mans socialistas.

[Composición actual do Pleno da Zona Franca de Vigo]

Canto aos gobernos populares, entre 1996 e 2004 á fronte do Consorcio colocaron a Pablo Egerique, presidente en distintas etapas do PP provincial e local e logo recolocado á fronte do Consello Económico e Social de Galicia. A principios de 2012, coa volta do PP ao Goberno, nomearían á actual delegada, Teresa Pedrosa, con traxectoria política previa no PP de Pontevedra e que, co goberno local en mans de Caballero, actúa de freo ou contrapoder de determinados proxectos nos que o Concello quere contar co apoio financeiro da Zona Franca. Unha relación que se complica porque malia que os delegados xestionan o día a día do Consorcio, as grandes decisións deben ser tomadas polo seu Pleno, no que están representadas todas as institucións que forman parte da entidade e que preside o alcalde da cidade. A presenza nese órgano de vocais por parte do Estado como os populares Rafael Louzán ou Elena Muñoz evidencia que 70 anos despois, a Zona Franca non é só un instrumento de desenvolvemento económico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.