A inestabilidade é unha constante na política do Val Miñor, a comarca veciña de Vigo pero con vida propia conformada por Baiona, Nigrán, Gondomar e, en ocasións, Oia, a medio camiño do Baixo Miño. Pero tras as eleccións municipais do pasado domingo esta vén de cambiar de beira. Na última década a fortaleza do PP determinou a estabilidade en Baiona fronte aos constantes altibaixos políticos de Gondomar e Nigrán derivados da división das súas esquerdas. Desta volta, é Baiona a que pasa a ter unha corporación fragmentada en seis partidos que pode deixar o PP sen a alcaldía mentres que o PSOE consegue maioría absoluta en Gondomar e Nigrán, neste último caso convertendo a a vila na única de máis de 15.000 habitantes, tras Vigo, na que o gañador superou o 60% dos votos.
Baiona
Baiona pasa da maioría absoluta coa que viña gañando o conselleiro Almuiña a unha corporación fragmentada en seis partidos liderada polo PSOE
Nas eleccións municipais de 2015 en Baiona o gañador por maioría absoluta, como xa obtivera en 2011, foi o popular Jesús Vázquez Almuiña, que chegara ao cargo en 2004 tras unha moción de censura. Consolidado cos anos como o gran referente do PP na comarca, en outubro de 2015 Feijóo nomeouno conselleiro de Sanidade e deixou a alcaldía de Baiona ao seu curmán, Ángel Rodal, que foi o candidato o pasado domingo caendo do 52,8% ao 28,4% e sendo adiantado en votos polo PSdeG, co que empata a seis escanos. O seu devalo pode atribuírse á constante inestabilidade do seu goberno desde a marcha de Vázquez Almuiña, cunha guerra interna de familias populares que acabou coa marcha da vila por motivos persoais da segunda tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo e a decisión da primeira tenente de alcalde de deixar o goberno local hai tres meses para despois presentarse como candidata de Vox. Ao tempo, outra concelleira deixaba tamén o PP tras un conflito do alcalde coa súa irmá, que ocupaba o posto de responsable de comunicación do Concello.
A división do voto da dereita, con Ciudadanos obtendo un edil e a candidata de Vox roubando apoios ao seu antigo partido para non obter despois representación, uniuse á vaga de voto ao PSdeG. Uns socialistas que en Baiona, encabezados por un novo candidato, Carlos Gómez Prado, non puideron rendibilizar aínda máis esa nova tendencia ao obter tamén dous edís tanto o BNG como unha formación independente liderada polo ex-alcalde socialista Carlos de la Peña, o que fora apartado en 2004 pola moción de censura de Almuiña e en cuxa man está agora decidir o novo alcalde da vila.
Nigrán
Nigrán é a única vila de máis de 15.000 habitantes, xunto con Vigo, na que o gañador, o PSdeG, supera o 60%
A estabilidade que tiña Baiona con Almuiña pasa agora, acrecentada, á outra beira da baía. Nigrán, co socialista Juan González, que chegou á alcaldía en 2015 tras década e media como concelleiro, vén de darlle ao PSdeG a maior vitoria electoral tras Vigo nunha vila de máis de 15.000 habitantes, co 62,4% dos votos, que lle supoñen 13 dos 17 edís da corporación. Por detrás, nesa trintena de vilas intermedias, só se achegan a semellante resultado o 58,7% da Alternativa dos Veciños de Oleiros e o 55% do PP en Marín.
Un resultado o de Nigrán que chega tras unha sucesión de mandatos nos que PSdeG e PP foron alternándose no goberno con reiterados cambios nos seus liderados e co urbanismo, nunha vila turística ás portas de Vigo, como principal fonte de presión política e veciñal. Agora, a ampla maioría absoluta que vén de obter debera facilitar ao alcalde a súa promesa de sacar adiante neste novo mandato o plan de urbanismo da vila, que segue á espera desde que hai agora 13 anos a protesta veciñal que provoco tombou un goberno municipal do PP.
Gondomar
O PSdeG revalida a alcaldía de Gondomar con maioría absoluta tras tensar a corda no anterior mandato para desfacerse de dúas mareas locais socias
Río Miñor arriba, Gondomar tamén ten unha longa historia de inestabilidade política. Alí, ao contrario do que sucedeu coa moción de censura de 2004 que acabou consolidando a Almuiña na alcaldía de Baiona, e na liña do ocorrido tras a crise urbanística de Nigrán de 2006, outra moción de censura, en 2009, abriu un período de alternancias, escisións e cambios nos liderados dos partidos. Hai catro anos o PSdeG fíxose coa alcaldía como forza máis votada pero con só o 23% dos votos, empatado a catro edís co PP e con outras tres formacións con cadanseus tres edís cada unha. Desta volta o rexedor, Franscico Ferreira, acadou a maioría absoluta co 49,65% dos votos, despois de irse desprendendo durante o anterior mandato dos apoios que o levaran á alcaldía. Entre eles do de Manifesto Miñor, marea local encabezada por Antonio Araujo, o alcalde daquela do BNG apartado en 2009 pola censura do PP tránsfugas socialistas.
O Manifesto Miñor de Araujo foi nestas municipais un dos principais alicerces locais da En Marea de Luís Villares e mesmo chegou a impulsar candidaturas homónimas en Nigrán en Baiona. Ningunha delas logrou representación e a de Gondomar quedou reducida a dous concelleiros.
Oia
A decisión do rexedor socialista de tensar a corda cos seus socios ata quedar só en minoría saíulle ben e agora ten maioría absoluta, igual de ben que lle saíu ao PP en Oia impulsar unha moción de censura poucos meses despois que o PSdeG lograse a alcaldía en 2015. Alí sempre gobernara a dereita ata que hai catro anos abriuse a porta da alternancia grazas a un acordo entre PSdeG, BNG e Converxencia Galega. O cambio só duraría uns meses, ata que estes últimos apoiaron a censura impulsada polo PP, que agora vén de recuperar a maioría absoluta facendo desaparecer da corporación aos seus antes socios.