O alcalde de Nigrán (PSOE) fala dos problemas e retos dunha das principais vilas turísticas na contorna dunha gran cidade: planificación urbanística, Área Metropolitana, Deputación, bandeiras azuis ou incendios forestais
Juan González (PSOE) aspira a revalidar a alcaldía de Nigrán, que ocupa desde 2015 gobernando en solitario malia non ter maioría absoluta e tras ser concelleiro desde década e media antes. Tamén é un dos alcaldes con máis experiencia a nivel provincial tras o seu paso pola Deputación, que agora controla tamén o seu partido. Analizamos con el os retos dunha vila intermedia da contorna de Vigo que ve o turismo á vez como unha oportunidade e como un reto para o seu futuro.
Neste último mandato municipal Nigrán estivo marcada polos incendios do outono de 2017, nos que morreron dúas mulleres e que arrasaron boa parte dos montes do concello. Que retos afronta nese eido durante o próximo mandato?
Por desgracia por culpa deses incendios, estamos moito mellor situados de cara á loita contra o lume. Por eses incendios fomos capaces, coas comunidades de montes, de darnos conta de que o xeito en que nos estabamos a relacionar co monte era equivocado, porque se baseaba na produción de madeira de eucalipto. Agora unha gran maioría dese espazo que se queimou está a ser plantado con especies autóctonas, que propagan menos o lume. Por outro lado os incendios fixéronnos ver ás administracións a necesidade de crear cintos de seguridade arredor dos núcleos, de aí que xa teñamos en marcha o primeiro parque forestal do Val Miñor e esteamos a estudar outros arredor dos principais núcleos para o próximo mandato.
Fala dos núcleos de poboación e da necesidade de protexelos, pero Nigrán e o Val Miñor parece un continuo poboacional, e esa dispersión agravou o efecto dos incendios. Os plans de urbanismo están chamados a ordenar ese crecemento, pero en Nigrán supoñen un conflito cada vez que se propoñen. Sairá adiante no próximo mandato?
"Nos últimos anos sete alcaldes dixeron que ían aprobar un plan xeral pero seguimos sen telo, nos próximos catro anos estará aprobado"
Sairá adiante, si. É certo que falar de plan de urbanismo en Nigrán é complicado polo feito de que nos últimos anos seis, sete alcaldes dixeron que ían aprobar un plan xeral, pero pasaron e seguimos sen telo. Estamos agora nun bo momento. Nestes catro anos tivemos a mala sorte de que a empresa que o estaba a facer abandonou, pero urbanísticamente non temos unha situación conflitiva. Nos próximos catro anos Nigrán con toda probabilidade terá aprobado o plan xeral.
Nigrán ten un gran polígono comercial-industrial, Porto do Molle, impulsado pola Zona Franca de Vigo, pero non ten centro urbano, ou aínda agora comeza a darlle forma. Parecera que o crecemento do concello fose sempre imposto desde fóra, desde Vigo, desde a Xunta ou desde os promotores inmobiliarios. Por que?
"O problema non é que Nigrán non teña centro urbano senón que ten tres coas súas propias características"
O problema non é que Nigrán non teña centro urbano. Ten tres. Baiona e Gondomar teñen un, pero en Nigrán temos tres centros. O de Nigrán, onde está o Concello e as entidades financeiras, que ten moita actividade pola mañá e menos pola tarde, aínda que empeza a ter máis. Despois temos o núcleo da Ramallosa, que actúa como centro do Val Miñor e é o espazo máis comercial de Nigrán. E despois temos o núcleo de Panxón, que en verán é cando se satura co turismo. O problema é que non temos que planificar o crecemento dun núcleo senón que os tres núcleos teñen poder e valor propio.
A dúbida é se hai planificación nese crecemento ou sempre foi imposto por intereses alleos á representación democrática que é o Concello.
Creo que non é por iso senón que os núcleos de Nigrán e Ramallosa están atravesados por unha estrada xeral que dificultou a planificación. Espero que nos próximos catro anos poidamos urbanizar mellor esa estrada. E despois temos o polígono de Porto do Molle que nos dá moitísimas oportunidades económicas e de emprego.
Nigrán é veciña de Vigo pero á súa vez comparte a comarca do Val Miñor con Baiona e Gondomar. Como debe ser a coordinación con cada ámbito?
"No Val Miñor somos un espazo continuo no que a relación vén dada pola propia natureza, creo que é positivo que a xente non saiba se está en Baiona ou en Nigrán"
No Val Miñor somos un espazo continuo no que a relación vén dada pola propia natureza. Creo que é positivo que a xente non saiba se está en Baiona ou en Nigrán, e con Gondomar coas obras de mellora da estrada que se están a facer está a mellorarse esa continuidade. É unha relación física na que a relación administrativa, a través da Mancomunidade do Val Miñor, aínda que é certo que non ten tantas competencias como podería, segue a ser un ente que nos permite xuntarnos e falar da comarca como un conxunto e non como concellos individuais. E a relación con Vigo é tamén natural, que se algún día se pon en marcha a Área Metropolitana será moito máis fluída. O que falta é esa Área Metropolitana que nos faga crecer de xeito coordinado e ter mellores servizos.
No pasado mandato fracasou o intento de crear a Área Metropolitana de Vigo e ao tempo viviuse un aumento das iniciativas da Deputación Provincial en Nigrán. En que medida eses dous feitos son froito da loita partidista? Tombou a Xunta do PP a Área Metropolitana que non podía controlar e ao tempo a Deputación do PSdeG está a primar a concellos socialistas?
“A Área Metropolitana de Vigo era conflitiva para a Xunta e buscou a forma de botala abaixo”
Está claro que a Área Metropolitana para a Xunta era conflitiva porque non tiña maioría e buscou a forma de botala abaixo. Canto á Deputación, si que o ten claro. Desde este mandato cada Concello ten unha cantidade económica asignada a principio de ano por poboación e territorio, sexa da cor que sexa, e esa cantidade é a que lle corresponde. E nos corresponde exactamente o mesmo que a outros concellos. A Deputación está claro, e o digo desde un goberno socialista, que non prima absolutamente nada a concellos socialistas. O día un de xaneiro sabemos a contía que nos corresponde a cada un e usamos esa contía como queremos. Os gobernos do PP teñen que estar encantadísimos con esta fórmula, porque se a Deputación actuase como actuaron eles si que habería concellos beneficiados e sen embargo optouse por un reparto equitativo. Creo que os gobernos que non son do PSOE ou do BNG, porque gobernamos conxuntamente, son os que teñen que estar máis encantados con esta Deputación de Pontevedra. Nós tamén o estamos, por suposto.
Unha das últimas iniciativas sonadas do seu goberno foi renunciar ás bandeiras azuis nas praias do concello, sumándose así a outros concellos da ría de Arousa ou da Mariña lucense de moi diversa cor política. Pero por que en anos anteriores gabábanse de ter as bandeiras?
"O grave non é non pedir as bandeiras azuis, o grave era cando te ameazaban con quitala e saía na prensa, iso si que era un impacto negativo para o turismo"
Non nos gabábamos de tantas porque só pediamos tres. E só pediamos tres porque éranos imposible manter máis. As condicións que nos puñan non eran de limpeza ou ecolóxicas senón de urbanización das praias. E o grave non era non solicitar a bandeira azul, senón que logo estaban ameazando todo o verán con quitarcha. Nos últimos veráns, sempre había un requirimento dicindo que había que baixar a bandeira porque había un cartel mal colocado ou á cadeira do socorrista lle falta algo. E no momento en que anuncias que tes que baixar a bandeira, aí si que o impacto para o turismo é negativo porque a xente pensa que é por contaminación. Non pasa nada por non pedir as bandeiras, porque non quere dicir que as praias non vaian estar ben de coidadas.
Os empresarios xa lanzaron críticas contra a renuncia ás bandeiras. Hai unha década os hostaleiros tamén protestaran contra a retirada de parte do paseo de Praia América iniciada polo PP para permitir a recuperación das dunas porque argumentaban que a area molestaría aos turistas. É posible o turismo sostible en Nigrán ou esa batalla xa está perdida coa masificación?
Eses empresarios, algún especialmente afín ao PP, agora deben estar preocupados por que a area xa non moleste aos turistas nalgunha zona, porque co parapeto do paseo na zona de Panxón a praia foi perdendo area e agora, con marea alta, non hai praia. Os seus restaurantes antes tiñan praia diante e agora xa non. Sen embargo, na zona onde se empezou coa recuperación dunar, efectivamente cunha concelleira do PP, continuada polos que viñemos detrás, esa duna regula a erosión e segue habendo moita praia. O turismo en Nigrán por sorte segue sendo un turismo que busca esta riqueza ambiental, non quere entrar co coche na area senón estar na area cunha duna detrás que para os ruídos e os coches. A riqueza de Nigrán é o seu medio ambiente.
O Val Miñor sempre se caracterizou pola inestabilidade política. Dirame vostede que espera repetir na alcaldía. Pero como ve aos outros dous concellos?
Teño bastante co meu. En Nigrán intentarei... En primeiro lugar, o que non se fixo nestes catro anos non vou ser capaz de cambialo nestes quince días. A xente de Nigrán sabe perfectamente a forma que temos de gobernar, moi próxima ao cidadán, aberta, que a uns lles gustará máis e a outros menos pero que creo que nos vai dar un bo resultado. Canto a Baiona e Gondomar, que fagan o que poidan. Creo que en Gondomar vaise consolidar o goberno que está [do socialista Francisco Ferreira tras enfrontarse cos seus socios de dúas mareas locais] mentres que en Baiona, onde teño unha boa relación co alcalde [o popular Ángel Rodal, que herdou a alcaldía do agora conselleiro Jesús Vázquez Almuiña], nos últimos meses está a ter conflitos dentro do propio goberno e non sei que vai pasar. Pero non me quero meter.