- HEMEROTECA | (16/10/2017) A eterna espera de Nigrán pola Xunta e a chuvia
- HEMEROTECA | (19/10/2017) Un bombeiro na 'zona cero' de Nigrán: "En 2006 nós íamos ao lume, aquí o lume viña a nós"
Juan González (PSOE), alcalde de Nigrán desde 2015 e concelleiro na vila desde década e media antes, fai balance un ano despois dos incendios que o 15 de outubro de 2017 arrasaron boa parte dos montes da vila e acabaron coa vida de dúas mulleres que tentaban escapar do lume na parroquia de Chandebrito, considerada unha das zonas cero daquela vaga, que en toda Galicia afectou nuns poucos días 50.000 hectáreas e provocou un total de catro mortes. Este domingo aqueles feitos serán lembrados nunha homenaxe que se celebrará nesa parroquia e na que tamén se presentarán diversos proxectos medioambientais.
Como están Nigrán e Chandebrito un ano despois?
“Chandebrito tomou boa nota do que esa vaga de incendios nos avisou: ou cambiamos, ou o futuro vai ser moi complicado”
Medioambientalmente recuperándose. E entre comiñas de xeito satisfactorio. Nunca se pode dicir que os incendios sexan algo bo, nin moito menos estes que destruíron vidas humanas, pero creo que hai un cambio na forma de pensar sobre como debe ser a relación de Nigrán e desas parroquias coa natureza que teñen ao redor. Deunos a desgraciada oportunidade de cambiar o modelo. Estabamos todos acostumados a un modelo que en principio para as comunidades de montes daba un beneficio a curto prazo e os incendios fixéronnos ver que ese non é o mellor dos beneficios. Creo que Chandebrito, e Camos tamén, tomou boa nota do que esa vaga de incendios nos avisou, de que ou cambiamos ou o futuro das nosas parroquias e dos nosos montes vai ser moi complicado. Están recuperándose con moita forza e unión dos veciños, das parroquias, das comunidades de montes e do Concello.
As vidas non se poden recuperar, pero recuperaron todos os afectados as súas vivendas e a vida normal?
Todo iso recuperouse hai tempo. Fomos moi áxiles tanto o Concello como as entidades veciñais e creo que fomos capaces de solucionar de xeito inmediato os problemas que noutros lugares tardaron meses. Tamén canto a vivendas, houbo algunhas que entre o Concello e as entidades sociais fomos quen de recuperalas e outras, as menos, sobre todo unha que se queimou, si que conseguiu axuda da Xunta. Pero todas as comunidades de augas, o mobiliario público ou a iluminación, arranxámolos rápido, sen esperar a que nos deran as subvencións. No primeiro mes solucionamos unha parte moi importante daquelas pequenas infraestruturas que non podían agardar a que chegara unha subvención.
Di que houbo un cambio no xeito de pensar das parroquias afectadas. Pero un dos puntos de conflito do urbanismo e a ordenación do territorio en Nigrán nas últimas décadas é o desexo de parte da cidadanía que vive no rural de construír máis vivendas no rural incrementando o modelo de asentamento espallado que xa ten o municipio. Non supón iso máis riscos en caso de incendios?
“Nigrán ten unha poboación espallada, é o modelo que temos e nos gusta, os incendios non teñen por que cambialo”
O modelo non é só deste municipio, é o que temos en Galicia. Está claro que Nigrán non se vai converter en Tordesillas, onde pasas por un núcleo e o demais son todo campos e montes. A poboación de Nigrán está espallada e isto é o que nos fai diferentes a outras comunidades. Nin os incendios nin a planificación urbanística van conseguir que nos convertamos no modelo castelán. O feito de que haxa casas no rural non significa para nada que un incendio poida destruílas. Os incendios non teñen por que facernos cambiar o modelo urbanístico veciñal. Evidentemente se alguén vai vivir a Chandebrito sabe que vai vivir preto dun bosque, porque Chandebrito está no bosque. Hai que desterrar a idea de que árbore é o mesmo que incendio. Son moitas as políticas e sobre todo as mensaxes que se están a lanzar desde a Xunta de que arredor dunha casa hai que cortar todas as árbores porque poden arder. Creo que é un modelo equivocado. Están metendo na cabeza da xente que árbore igual a incendio. E o que hai é montes descoidados, mala xestión dos bosques, mala elección das especies. Pero o feito de que haxa unha árbore a menos de cen metros da túa casa non significa que se vai prender lume nin que a túa casa vaia arder. Sabemos que Nigrán ten unha poboación espallada, é o modelo que temos e no que nos gusta vivir, ademais. Os incendios non teñen por que cambiar a forma que temos de vivir desde hai séculos en Galicia.
Pero ese modelo de faixas de protección tamén estivo en vigor durante o bipartito. Cunhas ou outras distancias, é a legalidade vixente. Está o Concello a vixiar a limpeza das faixas de protección?
“A Xunta está metendo na cabeza da xente que árbore é igual a incendio, chegounos ao Concello xente denunciando a un veciño porque ten un carballo e hai que cortalo”
Claro que estamos a vixialas. Pero esa é outra das ocorrencias da administración autonómica, que teñamos que ser os concellos os que as vixiemos. A nós chegounos ao Concello xente denunciando a un veciño porque ten un aguacatero, porque ten un carballo, e que din no xornal que a Xunta di que todo iso hai que cortalo. Non creo que sexa este o xeito de conseguir que non haxa lumes en Galicia. Hai que poñer en valor o monte e coidar o monte, hai que facer o que están a facer en Chandebrito e Camos, que é substituír todas esas especies de máis fácil combustión por outras autóctonas. E iso si, crear faixas arredor dos núcleos nas que non haxa eucaliptos e poucos piñeiros. Iso é unha fórmula diferente.
Pero abriu o Concello algún expediente tras esas denuncias que di que recibiu?
Moitísimos. Outra cousa é entrar nunha propiedade privada a limpala. Abrimos centos de expedientes. Creo que asino diariamente dez ou doce expedientes sobre obrigatoriedade de limpeza de fincas. De feito, si que se miran moitas máis fincas máis limpas, porque a xente está máis asustada.
O ano pasado Nigrán queixouse de falta de recursos autonómicos para atacar os incendios aquel 15 de outubro, pero non quixera brigada propia conveniada coa Xunta. Este ano si aceptou o convenio pero aínda está seleccionando o persoal para a brigada. Cal é o problema?
“A brigada municipal que subvenciona a Xunta son catro brigadistas, pode que nun pequeno lume poidan facer algo, pero sobre todo se encargarán de vixiar as faixas”
Non me constan problemas. Estase no proceso selectivo. Se a axuda [da Xunta] nos chegase en xaneiro en vez de en xuño probablemente xa estarían contratados. E é unha axuda parcial. Dise das brigadas municipais... A brigada son catro brigadistas, que cos incendios do ano pasado xa podía haber catro ou corenta que non ían apagar o incendio. Desde que estamos gobernando nunca se abrira esa subvención [para crear brigadas municipais pagadas en parte pola Xunta]. Abriuse este ano, e presentámonos a sabendas de que poñemos máis do 50% do que custa a posta en marcha desa brigada. Pero cun capataz e catro brigadistas, pode que nun pequeno lume poidan facer algo, pero sobre todo se encargarán de vixiar as faixas.
Seguiu e coñece os resultados da comisión de análise dos incendios que vén de rematar no Parlamento de Galicia? Que valoración fai das medidas acordadas?
“Confío máis nas ganas dos veciños de cambiar o monte que no que saia da comisión parlamentaria sobre os incendios”
Fun invitado a participar e dixen o que pensaba. Pero se teño que ser sincero non creo que acade un resultado. Non teño gran confianza no que saia dela. Confío moito máis nas ganas que teñen os meus veciños de loitar contra os incendios e de cambiar esa produtividade do monte. Creo moito máis no día a día do que estamos facendo moitos concellos que nunha comisión parlamentaria. Moitas das preguntas que me facían non estaban relacionadas cos incendios, eran completamente políticas, que por que non fixeramos a brigada.
Vostede é historiador. Cos incendios, estamos condenados a repetir a historia?
Probablemente, pero eu quero pensar que co que pasou en 2017 todos aprendemos. En Nigrán si que aprendemos e sabemos que temos que estar preparados, e a mellor forma é cambiar o modelo, que é o que se está a facer. E canto á administración que ten a responsabilidade de actuar no lume, tamén debera estar máis preparada canto a coordinación e medios. Porque o que pasou en 2017 eu entendo que é imposible de predicir e de ter medios suficientes. Pero agora sabemos que iso pode repetirse, que o cambio climático é unha realidade. Ata hai unha semana estaba a xente bañándose na praia. Creo que imos estar máis preparados, se as condicións volven ser as mesmas que as do ano pasado, se volven repetirse, creo que imos estar máis preparados.
Durante a fin de semana dos incendios do ano pasado vostede estaba en Madrid cun seguimento sanitario tras doarlle un ril ao seu fillo. O presidente Feijóo, sabéndoo, insistiu en reprocharlle que falase dos incendios sen estar en Nigrán. Falou co presidente no último ano?
“Feijóo meteu a pata, eu non era un irresponsable por non estar en Nigrán; o transplante de ril e os lumes van ir unidos toda a miña vida"
Non. Non o teño en conta tampouco, pero foi unha pequena metida de pata. Na política se mete moitas veces a pata. Un presidente da Xunta non debera xogar con iso. Eu estivera ata o sábado en Nigrán porque viñera uns días a reincorporarme tras recuperarme, e o luns xa estaba de volta. Foi unha coincidencia que eu estivese ese domingo en Madrid, pero podía darse a circunstancia de que, á marxe daquela situación persoal, eu estivese fóra de Nigrán de vacacións e iso non significaría que eu fose un irresponsable. Creo que se equivocou pero non lle dou importancia ningunha.
Como están agora vostede e o seu fillo?
Ben, ben. Valeu a pena. E agora estamos de aniversario tamén. O transplante de ril e os lumes van ir unidos toda a miña vida. O futuro do meu fillo vai ser mellor e nos incendios aprendemos para conseguir que o futuro de Chandebrito, Camos e Nigrán sexa mellor.