0 Gardados para despois

Feijóo reedita a idea dun "acordo de país" contra o lume sen deixar a tese do "terrorismo incendiario"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Cando Alberto Núñez Feijóo accedeu este martes á tribuna do Parlamento para "informar sobre a resposta ante a extraordinaria vaga de lumes que acaba de sufrir Galicia" fíxoo para contrapoñer a súa diagnose do acontecido coas dos voceiros de En Marea, PSdeG e BNG. Pero tamén -ou se cadra, sobre todo- para confrontar a súa actitude e estratexia política ante unha vaga de incendios como presidente coa que despregou en 2006 como líder da oposición despois de que o país sufrise a peor crise incendiaria en dúas décadas. Diante deste duplo contraste o gabinete de Feijóo deu en reeditar unha idea que xa saíra á palestra naquel debate de hai unha década, pero da boca do daquela presidente, Emilio Pérez Touriño: a de ofrecer un "acordo de país" contra o lume. Fíxoo, non obstante, sen abandonar a que segue a cerna do seu argumentario, a tese do "terrorismo forestal" como responsable das case 50.000 hectáreas ardidas, das 2.400 persoas desaloxadas das súas vivendas, das 128 ingresadas e das 4 falecidas.

O presidente contrapuxo a súa diagnose coa da oposición, pero tamén a súa actitude política coa que el mesmo defendeu en 2006

Naquela sesión de 2006 Feijóo dixo estar disposto a un acordo sempre e cando PSdeG e BNG accedesen a remudar a comisión de estudo sobre os incendios que viñan de poñer en marcha por outra de investigación. Non pactaría, tampouco, se antes o Goberno da esquerda non depuraba "responsabilidades" a través do cesamento de, cando menos, o conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Desta volta o pleno comezou coa proposta de comisión de estudo xa lanzada por parte da oposición, que reclama dimisións pero non as sitúa como condición necesaria para sentar á mesma mesa que a Xunta. Alí, di o presidente, o seu Goberno formulará "un paquete de 30 medidas" que, avanza, irán dende o ámbito da prevención ata o da extinción e o da persecución do devandito "terrorismo incendiario".

Feijóo enmarca a vaga nun contexto "excepcionalísimo" e teima en centrar o acontecido nos "terroristas" que "usan o lume para alterar a paz pública"

Sen espazo para o recoñecemento de fallos no dispositivo ou erros da súa dirección política, Feijóo chamou a enmarcar o debate en claves que el mesmo rexeitaba dez anos atrás. As condicións do domingo 15 de outubro non só non eran "normais", senón que o contexto era "excepcional, excepcionalísimo" pola "situación climatolóxica extrema", a seca acumulada e os fortes ventos chegados co resto do furacán Ophelia. Con este pano de fondo, defende, "manteño e afirmo con todas as letras, sen minimizar ou relativizar" que actuaron "terroristas" que "non son, simplemente, individuos que por diferentes circunstancias prenderon lume a unhas árbores". Eses "terroristas", proclama, "usan o lume para alterar a paz pública e provocar episodios de terror". Son todo un "inimigo común" e negar a súa existencia é tanto como "colaborar politicamente con el", advirte.

A oposición esixe dimisións, pero vai "colaborar"

Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón, durante o debate / Parlamento de Galicia

Mentres o presidente centra o debate no "problema de orde pública que debemos condenar e tentar castigar de xeito consecuente" dende as bancadas da oposición apelouse, cunha lembranza case constante da actitude do propio Feijóo en 2006, á responsabilidade gobernamental na xestión da catástrofe. Nas horas claves, lamenta o voceiro de En Marea, Luís Villares, a poboación padeceu "un goberno incompetente" e un presidente "máis preocupado de xestionar a súa imaxe que a catástrofe". Feijóo, mantén Villares, quedou "desacreditado como bo xestor" na noite do "domingo negro" e asumir a súa tese do terrorismo sería dar por boa unha "frivolidade" que, ademais de "xogar coa dor de moita xente", a comezar polo das familias das vítimas mortais, "usa de forma irresponsable un concepto penal e social do que non hai evidencias.

Villares lamenta que Feijóo estivese "máis preocupado de xestionar a súa imaxe que a catástrofe"

O voceiro de En Marea amósase "disposto a falar e chegar a acordos en beneficio do país superando siglas", pero coida que a eventual aprobación e aplicación das medidas bosquexadas por Feijóo serían máis cribles se antes son remudados no seu posto responsables do dispositivo como o director xeral de emerxencias, Luis Menor; a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; e, sobre todo, quen acumula 17 anos á fronte do departamento forestal do Goberno galego, Tomás Fernández-Couto, actual director de Ordenación Forestal.

Leiceaga: "Ou todo estaba perfecto e non teñen responsabilidade ou agora hai medidas que deberan estar tomadas e obviaron"

Tamén o voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, considera imposible que os "cambios estruturais" que Feijóo di estar diposto a realizar poidan vir da man de Fernández-Couto e da "conselleira que o soporta, nos dous sentidos". Esas medidas estruturais contarán co traballo do PSdeG, avanza, pero a súa propia formulación implica a desmontaxe do discurso de Feijóo. "Ou estaba todo perfecto e non teñen responsabilidade ou ben agora hai medidas que deberían estar tomadas previamente", que "vostedes obviaron" e que agora recuperan tras as imaxes de "cidadanía desamparada" por mor dunha "reacción tardía e despois, impotente" por parte da Xunta.

Pontón resalta que Feijóo é "responsable" de decisións concretas como "precarizar o modelo de extinción" ou "paralizar o Banco de Terras"

Algunhas das medidas que agora Feijóo di estar disposto a considerar, lembra Leicega, figuraban xa nas conclusións da comisión de estudo dos incendios de 2006, a mesma que o PP "boicoteou", lembra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Como o resto da esquerda a líder nacionalista tamén avanza que vai "colaborar", pero sen obviar que o actual Goberno é "responsable" de decisións concretas que atinxiron no efecto do lume, tales como "modificar a lei para reducir as franxas de protección" a zonas habitadas, de "precarizar o modelo de extinción", de "recortar en prevención, paralizar o Banco de Terras" ou prescindir de parte dos brigadistas eventuais para ter que recuperalos cando xa era tarde, operación que tamén reprocharon Villares e Leiceaga.

Non haberá cesamentos

O PP négase a destituír á conselleira Vázquez ou a Fernández-Couto porque "funcionaron ben"

Como era de agardar, ningún dos cesamentos reclamados pola oposición se vai producir. Deixouno claro o voceiro do PP, Pedro Puy, ao considerar que "este goberno, ao contrario" que o de PSdeG e BNG en 2006, "si afrontou unha situación excepcional" e non vai promover a destitución de "persoas que funcionaron ben". E ratificouno o propio presidente, que retrucou irado á reclamación persoalizándoa en Villares. "Cesar a destro e sinistro" non sería propio "dun goberno responsable", senón imitar "o que acontece no partido que vostede milita" no que "cesan ao de Catalunya dende Madrid", dixo en referencia a Podemos, aínda que o voceiro de En Marea non é membro deste partido.

Feijóo non abandonará a tese terrorista e a oposición non a asumirá. O Goberno non destituirá a ningún dos cargos cuestionados por En Marea, PSdeG e BNG pero as tres din estar dispostas a sentar na comisión de estudo e explorar ese posible "acordo de país" sobre medidas que segundo Feijóo xa están "moi avanzadas". O pacto, ao cabo, que hai dez anos non foi alén do papel.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Reproche solapado de Feijóo ao alcalde que na noite dos incendios se recuperaba de doar un ril ao seu fillo

David Reinero | @DReinero

Na fin de semana da vaga de incendios foron diversos os gobernos locais que lamentaron a escaseza de medios para facer fronte ás lapas. Un dos alcaldes que o fixo publicamente foi o de Nigrán, Juan González (PSOE), cuxo concello foi considerado a 'zona cero' dos incendios e onde perderon a vida dúas das catro vítimas mortais do lume. A este rexedor referiuse Feijóo sen nomealo durante a súa comparecencia sobre a vaga de incendios para reprochar que se queixase do dispositivo malia non estar fisicamente o domingo 15 de outubro en Nigrán, pero obviando o motivo malia coñecelo: que se recuperaba de doar un ril ao seu fillo.

Despois de que o voceiro do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, reprochase a Feijóo as súas numerosas intervencións en medios de comunicación privados durante a noite dos incendios mentres, ao seu xuízo, a CRTVG non informaba correctamente, o presidente afirmou que "non estiven en máis medios que outros responsables do PSOE". "Mesmo houbo responsables do Partido Socialista que describiron que no seu concello non había medios e ese responsable estaba en Madrid".

O certo é que, segundo confirmou o propio alcalde a Praza.gal, aquel domingo atopábase en Madrid en pleno proceso de recuperación da doazón dun ril ao seu fillo de 16 anos, Juan, que padece unha das consideradas como enfermidades raras. Nomeadamente, González acudira a unha consulta de seguimento tras a intervención, mentres que o seu fillo continuaba hospitalizado. Este proceso sanitario, así como a loita de González e a súa familia contra a enfermidade do seu fillo, vén sendo relatado por varios medios de comunicación desde antes de que o socialista chegase á alcaldía da súa vila.

Segundo puido confirmar este diario, cando este martes Feijóo fixo referencia á presenza de González en Madrid e a súa ausencia de Nigrán, o presidente galego era coñecedor de que o motivo era a doazón de ril. Non en van, durante o seu discurso ante o pleno da Cámara, Feijóo deu en matizar as súas propias verbas inmediatamente despois de pronuncialas. "Non digo que non tivese xustificación para estar en Madrid, pero describía a situación do seu concello sen estar no seu concello", reprochou.

As medidas: de plans para varias décadas á reactivación de proxectos do bipartito

D.L.

Como sucedera noutros momentos críticos dende o retorno do PP ao poder, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo concretou a súa resposta ás críticas da oposición pola vaga de incendios coa promesa dun número redondo de medidas e plans. Se cando os casos de presunta corrupción se acumulaban ás portas dos populares a Xunta dera en anunciar "cincuenta medidas" contra a corrupción "en cincuenta días", desta volta os proxectos son un conxunto de trinta propostas que van dende plans para varias décadas a outras que, na práctica, implican recuperar proxectos forestais da etapa de Goberno de PSdeG e BNG.

Así, o paquete que segundo o presidente estará sobre a mesa da comisión de estudo implica nalgúns casos recuar en decisións tomadas nos últimos anos, como a redución das franxas en torno a áreas habitadas nas que está prohibido plantar especies de árbores que espallan o lume rapidamente, como os eucaliptos, decidia polo propio Goberno do PP na súa primeira lexislatura. Xunto a elas o Goberno asegura que promoverá instrumentos que os populares deostaran con intensidade dende a oposición, caso do Banco de Terras, ao que se lle dará a capacidade de "incorporar cautelarmente" parcelas e mesmo montes veciñais abandonados, avanzan.

A Xunta asegura que incorporará "cautelarmente" parcelas abandonadas ao Banco de Terras e promete mudanzas estruturas no vindeiro Plan Forestal de Galicia

Colaboración cos concellos para que "o 100% teñan bombeiros ou brigadas" ou "un mando único para todos os servizos de emerxencias" -mando único que, segundo defendeu Feijóo durante a comparecencia, xa existe- conviven na proposta gobernamental coa promesa de "equipos forestais de investigación para apoiar a Policía e a Garda Civil nas pescudas sobre a orixe" dos incendios ou máis cámaras para controlar o monte. Igualmente, asegura, lanzaranse campañas de divulgación no ámbito educativo para a prevención de incendios e, cara á poboación xeral, para que a cidadanía empregue o teléfono 085 como vía de aviso se "avistan incendiarios".

A medio e longo prazo, segundo Feijóo, os plans para inverter a actual tendencia do monte galego quedarán plasmados no novo Plan Forestal de Galicia -o anterior, de 1992, incumpriuse en eidos tan sensibles como a necesidade de destinar máis fondos a ordenar o monte que a abordar os incendios ou a superficie con plantacións de eucaliptos-. Tamén se recupera outro dos proxectos que leva entre as materias pendentes toda a historia da autonomía, a concentración parcelaria.