0 Gardados para despois

A conselleira de Medio Ambiente di descoñecer se o eucalipto arde máis rápido ca outras árbores

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Os incendios que se propagaron por Galicia durante a noite do pasado domingo fixérono moi rapidamente, impulsados polo vento cálido e forte dos restos do furacan Ophelia. Testemuñas dos moitos incendios que se espallaron polo sur da provincia de Pontevedra explican que, nas peores horas de loita contra o lume, as follas incandescentes a voar de árbores como os eucaliptos, moi abondosas na contorna, estendían focos xa declararados e provocaban outros. Este foi un dos asuntos que tivo que abordar este mércores a conselleira de Medio Ambiente nunha das súas primeiras intervencións públicas tras a vaga de incendios, se ben Beatriz Mato dixo descoñecer se o eucalipto arde ou non máis rápido, se é unha especie arbórea que favoreza a expansión dos incendios.

No marco dunha entrevista na Radio Galega, a responsable da área medioambiental do Goberno galego foi cuestionada polas críticas á expansión do eucalipto polo país en relación cos incendios e, máis concretamente, sobre se "hai árbores que teñen máis posibilidade de propagar o lume ca outras". "Supoño que haberá árbores; non lle podo dicir se os arbustos teñen máis capacidade que a árbore do eucalipto", retrucou a conselleira, quen en calquera caso agregou que "ten que haber" especies arbóreas máis proclives ao espallamento do lume ca outras. Do mesmo xeito, Mato evitou concretar se a normativa que regula as franxas de protección contra incendios está ou non a cumprirse. Esa, especificou, é unha competencia de Medio Rural.

Beatriz Mato: "Supoño que haberá árbores [con máis capacidade de propagar o lume]; non podo dicir se os arbustos teñen máis capacidade que o eucalipto"

En calquera caso, Mato chama a desligar o acontecido da estrutura do monte ou das plantacións forestais, xa que o acontecido "co que ten que ver é coa mala vontade que teñen os incendiarios". "Tal e como estaban as circunstancias e tal e como vivimos estes meses" de "prealerta de seca", resalta, o lume "prendía, con esa capacidade incendiaria, ata a herba verde". Deste xeito, conclúe, "non é que prenda o eucalipto, é que prende todo". Por ese motivo, ao seu xuízo, insta a "non mesturar" a vaga de lume coa ausencia dos brigadistas que, tras seren despedidos pola fin da temporada, foron recuperados pola Xunta para volver traballar a partir do luns, 13 de outubro. A "salvación", mantén, "non está nuns centos de persoas" e, en todo caso, "os recursos eran os máximos que tivemos nun mes de outubro".

Un 30% máis de eucalipto en 2017 do que se prevía acadar en 2032

As declaracións da conselleira Mato prodúcense nun contexto no que a superficie de eucalipto en Galicia superou nos últimos anos todas as expectativas, a comezar polas do Plan Forestal de Galicia, o modelo de ordenación do monte aprobado en 1992 entre un amplo consenso político como roteiro a seguir nos seguintes 40 anos, ata 2032. Trazado sobre bases estatísticas de 1986, o PFG partía dun escenario no que os eucaliptais ocupaban 36.400 hectáreas en masas puras e outras 185.000 mesturado con outras árbores. A partir de diversas variables marcaba tamén un obxectivo: na finalización do plan, en 2032, o eucalipto roldaría as 245.000 hectáreas.

Previsións da expansión das especies arbóreas no monte galego para 2032 incluídas no PFG de 1992, co eucalipto en destaque

No entanto, a realidade é ben diferente. Entre finais do século pasado e principios do actual a propia Xunta repasou o estado dos montes e, a través de publicacións divulgativas como O monte galego en cifras sinalou que o medre da superficie do eucalipto fora tal que xa se achegaba ás 175.000 hectáreas. Máis recentemente, como informou este diario, a Consellería de Medio Rural dixo estimar que "en Galicia o eucalipto ocupa unhas 288.000 hectáreas en masas puras", o que suporía un 65% máis que a comezos de século e superar tamén o obxectivo do PFG.

Os datos máis recentes de Medio Rural indican que os eucaliptais ocupan case 371.000 hectáreas en Galicia, máis do duplo que a comezos de século

No entanto, os datos incluídos no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) da propia Xunta van alén e elevan a superficie dos eucaliptais ata case as 371.000 hectáreas. A superficie actual xa duplicou amplamente a rexistrada a comezos de século e supera nun 30% do previsto no PFG para o ano 2032.

Estes números danse nun contexto no que sucesos como o incendio de Pedrógão Grande, en Portugal, no que faleceron máis de 60 persoas, reabrisen tamén en Galicia o debate sobre o eucalipto. As críticas emitidas dende o eido político ao respecto suscitaron no país unha dura reacción da súa principal promotora, a papeleira ENCE, mentres que voces expertas como o profesor Juan Picos, un dos maiores expertos forestais en Galicia, chamaron a ter en conta a relación entre a proliferación desta especie e o abandono do monte.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.