0 Gardados para despois

A reforma da Lei de Incendios rebaixa de 100 a 50 metros a protección arredor das casas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

"O Nivel 1 é un concepto referido a aqueles incendios que (...) poidan, pola súa posible evolución, requirir da posta en práctica de medidas para a protección das persoas non relacionadas coa extinción e dos bens distintos dos de natureza forestal que se poidan ver ameazados polo lume". O Goberno galego reiterou en varias ocasións esta explicación dende o inicio do incendio das Fragas do Eume. Na zona decretouse este nivel máximo de alerta porque, en termos simples, as lapas podían alcanzar as vivendas. Despois da propia destrución do patrimonio forestal o posible achegamento do lume a zonas habitadas é un dos riscos máis notables un lume forestal. Este foi o factor tido en conta na elaboración da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Non sen controversia, a Consellería do Medio Rural, daquela dirixida por Alfredo Suárez Canal, sacaba adiante dentro desa norma unha regulamentación que está a piques de desaparecer: a obrigatoriedade de establecer unha faixa de protección de 100 metros ao redor das vivendas e outras instalacións semellantes.

O veto a especies de especial risco ante posibles incendios pasa de 50 a 30 metros

Nomeadamente esta protección especial está pensada para as que a lei sitúa como "redes secundarias de faixas de xestión de biomasa". Son áreas que "teñen un ámbito municipal ou inframunicipal, contémplanse no ámbito da protección de poboacións e infraestruturas" e localízanse en "infraestruturas viarias e ferroviarias", "liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica" e, en xeral, nas "áreas de especial protección dos núcleos poboacionais", ademais de "cámpings, infraestruturas e áreas recreativas, parques e polígonos industriais, plataformas loxísticas e depósitos de lixo" e calquera outra semellante. 

Segundo a normativa de 2007 é "obrigatorio xestionar a biomasa vexetal nunha franxa de 100 metros arredor" de calquera destas instalacións para evitar que, no caso de incendio, as lapas cheguen a elas. Ademais, nos primeiros 50 metros vétanse determinadas especies vexetais como piñeiros, acacias, eucaliptos, xestas, toxos, uces ou fentos. Pero a estras restricións quédanlles pouco. Concretamente, o que tarde en ver a luz verde definitiva no Parlamento a nova Lei de Montes. O novo texto legal, impulsado con Samuel Juárez como conselleiro do Medio Rural, reduce a faixa de protección de 100 a 50 metros e as especies vetadas pasan de 50 a tan só 30 metros. Segundo a explicación de Medio Rural -Juárez e o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, defenderon profusamente a nova norma cando foi presentada- a nova distancia segue "criterios rigorosamente técnicos" e "acaba coa contradición da Lei de Incendios, que non establece ningunha distancia específica nas casas construídas con posterioridade ás plantacións colindantes".

Pontón coida que Medio Rural abre a porta a "máis desprotección" das vivendas

Fronte a esa defensa da nova lei realizada dende a Xunta, a oposición leva alertando dende hai meses dos riscos que pode traer consigo. Esa advertencia foi lanzada este luns pola voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, na súa avaliación do sucedido nas Fragas do Eume. Sinala a parlamentaria nacionalista que o Bloque "leva denunciando que o PP se equivoca na súa política de prevención", tanto no dispositivo de incendios como nas súas "alternativas" que, di, non son outras que "deixar sen contido a lei de prevención contra os incendios forestais". Esa redución das distancias de seguridade o único que fará será "crear máis desprotección das vivendas", augura.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.