A constitución, o pasado 1 de decembro, da Área Metropolitana de Vigo vén de ser invalidada de xeito cautelar pola xustiza, que considera que os representantes nela dos concellos de Moaña e Gondomar foron nomeados de xeito “contrario a dereito”. A institución xa estaba paralizada de feito pola negativa dos representantes do PP a participar nela logo desa constitución irregular e pola decisión tomada hai un mes polo alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, de dar por morta a entidade por, segundo el, a negativa da Xunta a colaborar con ela, algo que o Goberno galego interpretou como unha medida preventiva por parte do socialista ante a agardada paralización cautelar que agora se produce.
A xustiza considera “contrarios a dereito” os nomeamentos dos representantes de Moaña e Gondomar e invalida a constitución da entidade, cuxo consenso queda máis roto que nunca en case dúas décadas de proxecto
Segundo o auto do xulgado contencioso-administrativo número 1 de Vigo divulgado este mércores, dous dos representantes dos concellos de Moaña e Gondomar tomaron posesión dos seus postos na asemblea metropolitana de xeito ilegal xa que “as credenciais correspondentes a eses dous concellos non contiñan deficiencias, senón nomeamentos contrarios a Dereito”. Eses representantes foran elixidos aplicando un sistema de proporcionalidade que prexudicou o PP, que tentou sen éxito que fose rectificado tanto de xeito previo como nesa propia sesión, cando “baixo a presidencia do alcalde de Salvaterra [do PP, presidente da mesa de idade por ser o maior dos presentes] acordouse rexeitar a toma de posesión como concelleiros metropolitanos”. Porén, o secretario da institución, secretario tamén do Concello de Vigo, José Riesgo Boluda, que foi secretario xeral de Economía na Xunta de Feijóo, autorizou a Caballero a continuar a sesión coa ausencia xa dos representantes do PP. “Toda a actividade e todas as actuacións ulteriores”, di agora o xuíz, “aparentan nulidade de pleno dereito”.
O auto xudicial evita sinalar responsabilidades da non entrada de Vigo no transporte metropolitano da Xunta, un dos requisitos para que se constituise a Área Metropolitana
O auto coa suspensión cautelar agora coñecido tamén analiza outro dos argumentos esgrimidos pola Xunta para solicitar a paralización, pero non entra a valoralo. O Goberno galego insistía en que un dos requisitos para que se puidese constituír a área era que Vigo se integrase no transporte metropolitano autonómico, algo ao que se vén resistindo Caballero. O auto xudicial constata que “a día de hoxe, non consta que ningún deses presupostos se cumprimentase materialmente”, pero engade a continuación que “non é este nin o tempo nin o lugar para xulgar sobre vontades nin para sinalar responsabilidades, porque os órganos xudiciais nin constrúen cadalsos nin expoñen picotas”.
Hai un mes Caballero xa daba por morta a área, algo que o Goberno galego interpretaba como unha proba de que prevía un auto contrario aos seus intereses como o actual
Hai un mes, antes de coñecerse este auto, o alcalde vigués deu por morta a área metropolitana culpando á falta de colaboración da Xunta e o seu intento de imporlle a Vigo as condicións do transporte metropolitano. Logo de tres meses asegurando que continuaría impulsando a institución sen a participación do PP porque consideraba que estaba legalmente constituída, esa decisión de Caballero foi interpretada no Goberno galego como unha proba de que o socialista xa prevía un auto contrario aos seus intereses como o agora coñecido. O resultado final é que, case 18 anos despois do lanzamento da proposta de creación da área metropolitana de Vigo, o consenso necesario para o seu impulso está máis roto que nunca antes.