Condenan o Concello de Baiona por non investigar unha discoteca da familia dunha concelleira

A discoteca Villa Rosa, en Baiona, coa súa terraza exterior CC-BY-SA Praza Pública

A inacción do goberno local ante unha denuncia polo ruído do establecemento supuxo a apertura doutra causa aínda en curso contra o daquela alcalde e hoxe conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña

“Non é obxecto de controversia que o Concello de Baiona non incoou expediente sancionador”. Así se pronuncia o xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo nunha sentenza ditada o pasado 30 de outubro na que condena o Concello de Baiona por non investigar unha denuncia por ruídos presentada en outubro de 2014 por un veciño contra a discoteca Villa Rosa, propiedade da familia de quen daquela era a concelleira de Urbanismo da vila. Esa inactividade do goberno local, que pola contra o xulgado non ve en denuncias doutras datas, supuxo no seu momento a apertura doutra investigación penal paralela aínda en curso contra quen foi alcalde da vila ata outubro de 2015 e desde aquela conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuiña.

Entrada da discoteca Villa Rosa, en Baiona, en primeira liña de costa e rodeada de edificios residenciais CC-BY-SA Praza Pública

A discoteca é propiedade do pai e o irmán da concelleira de Urbanismo durante a última década

A discoteca Villa Rosa abriu as súas portas en 2003 nun antigo palacete cunha ampla terraza exterior en primeira liña de costa de Baiona e é propiedade de Ezequiel Simóns González e Ezequiel Simóns Sánchez, pai e irmán de Ana Simóns Sánchez, que foi concelleira de Urbanismo da vila durante unha década ata que o pasado setembro dimitiu porque marchou a vivir fóra de Galicia. Ezequiel Simóns foi ademais presidente dos empresarios locais e xunto co seu fillo é propietario de media ducia de empresas dedicadas ao turismo, a hostalería e a xeriatría. Desde o inicio da súa actividade a discoteca vén acumulando denuncias por ruído, algunhas das cales acabaron en sanción económica e outras no seu arquivamento.

A sentenza que agora emite o xulgado de Vigo pronúnciase sobre unha denuncia formulada por un veciño en outubro de 2014 con medicións de ruído realizadas os días 16 e 17 de agosto daquel ano por unha empresa de enxeñaría acústica contratada por el. “A mera realización de actuacións posteriores conducentes a outras medicións en datas distintas ou a incoación e resolución dun expediente sancionador por razón doutra medición realizada o 8-3-2015 non escusa o deber municipal de dar unha resposta expresa á denuncia” que non foi atendida e pola que o Concello non incoou ningún expediente, di a sentenza, que obriga ao goberno local “a incoar un expediente sancionador por razón dos feitos denunciados acaecidos o 16 e 17 de agosto de 2014, sen que iso prexulgue o seu resultado final, sexa o de arquivo, por razóns formais ou substantivas, ou o de imposición da sanción que, no seu caso, proceda”.

A sentenza, pola contra, desestima outras demandas similares por inactividade do Concello tras outros feitos denunciados posteriores. Ao tempo, o xuíz tamén desestima un recurso formulado pola empresa contra a decisión do Concello de suspender en maio de 2015 a actividade da discoteca tanto no seu interior como na súa terraza exterior (incumprida polos propietarios, que a mantiveron en funcionamento) e confirma a legalidade do posterior precinto e impedimento definitivo do uso de espazos exteriores como discoteca acordado polo Concello.

Causa penal paralela con Almuiña implicado

A fiscal insiste en que os feitos supoñen un delito contra o medio ambiente ademais de producir posibles lesións por ruído nos denunciantes

A inactividade inicial do Concello de Baiona cara a discoteca Villa Rosa provocou no seu momento a apertura doutra causa xudicial, neste caso penal, no xulgado de instrución número 4 de Vigo por presuntos delitos contra o medio ambiente, lesións e prevaricación. En outubro de 2015 o ata daquela alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, pasou a ser conselleiro de Sanidade, o que implicou o seu aforamento e que o xulgado pedise que a instrución a continuase o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o único con capacidade para chamar a declarar como imputado ao conselleiro.

O tribunal rexeitouno e devolveu o caso ao xulgado pedíndolle que antes realizase máis indagacións, pero este propuxo o sobresemento argumentando entre outras cuestións que o exceso de ruídos suporía unha infracción administrativa e non penal. O pasado 20 de xullo a fiscal do caso recorreu ante a Audiencia Provincial por entender que “os feitos encaixan plenamente no tipo penal” de delito contra o medio ambiente “e iso sen prexuízo doutros posibles delitos dos que se vislumbran claros indicios, como lesións” aos denunciantes polos danos causados polo ruído “e desobediencia”.

"Neste caso, o Concello foi denunciado tanto polo veciño, por non actuar, como pola discoteca, por si facelo", defendeuse Almuiña

Cando o xulgado instrutor pediu que o caso o levase o TSXG por ver indicios de delito en Almuiña, este argumentou que actuara sempre de acordo co que lle indicaron os técnicos municipais. “Neste caso, o Concello foi denunciado tanto polo veciño, por non actuar, como pola discoteca, por si facelo”, dixo o agora conselleiro.

O fiscal xefe de Galicia co conselleiro de Sanidade e ex-alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, na sinatura dun convenio Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.